CARTA DE LEIRE MUGERZA

Presidenta do Consello Reitor

As bases asentadas en EROSKI durante os últimos exercicios son sólidas para afrontar novos retos e seguir aportando valor ao consumidor e á sociedade. A través do noso xeito diferente de facer empresa, traballamos para contribuír a unha sociedade máis xusta, cohesionada e sostible, con maiores cotas de saúde e benestar. Soubemos dotarnos dunha configuración societaria orixinal coa que edificamos un modelo de gobernanza diferente no que os socios traballadores e os socios consumidores constitúen as dúas grandes comunidades que configuran a organización e contan con poder de decisión nas iniciativas que desenvolvemos, o que se plasma en realidades concretas no noso quefacer diario. Porque en EROSKI cremos nas persoas e a súa importancia vital no proxecto. A nosa aspiración é a de integrar nas políticas de empresa os valores que sitúan as persoas en cooperación no centro da mesma e asegurar que a estratexia e a organización combinan axeitadamente eses valores coa necesaria eficiencia e rendibilidade.
Boa mostra diso é a actualización dos nosos compromisos en saúde e sostibilidade, que se adaptan ás diferentes novas prioridades e necesidades que existen hoxe en día no campo da alimentación e o consumo. A definición destes compromisos, que fixemos pública a principios de 2018 e que nos marca o camiño a seguir nos próximos anos, foi posible tras un proceso de participación e escoita de máis de 7.500 persoas entre socios traballadores, socios cliente e grupos de interese que tomaron parte na súa construción.

Apostamos pola innovación para avanzar en nova solucións que melloren a calidade de vida, a saúde e o benestar dos consumidores nas mellores condicións de calidade, información e prezo, co compromiso de fomentar a práctica dun consumo sostible. Por iso puxemos en marcha máis de vinte medidas para facelo realidade. Un compromiso coa saúde e a sostibilidade presente na nosa marca propia, na nosa especialización en alimentos frescos, na nosa aposta pola produción local e na amplitude de gama para unha alimentación máis variada. Igualmente presente na decisión de introducir o etiquetado nutricional avanzado Nutri-Score nos nosos produtos de marca propia de xeito pioneiro en España, tamén a través dun proceso participativo con miles dos nosos socios cliente que avalaron a decisión.

Así mesmo, seguimos avanzando na promoción dun consumo responsable, solidario e respectuoso co ambiente. Iso faise visible a través da nosa colaboración co Banco de Alimentos e as organizacións sociais do noso contorno a quen, en 2018, doamos máis de 6.500 toneladas de alimentos para axudar aos colectivos máis desfavorecidos. O noso compromiso no campo da loxística sostible para reducir as emisións de CO2 polo menos nun 20 % nos próximos 5 anos, foi certificado pola plataforma europea Lean & Green. Neste ámbito ambiental, no noso compromiso por facilitar que o consumidor poida adoptar patróns de consumo máis sostibles, incorporamos unha nova bolsa de papel como alternativa ás de plástico. Somos un proxecto afanado no consumidor e a sociedade, cuxos valores e competitividade están dirixidos a un desenvolvemento inclusivo e sostible.

Por iso estamos en continua adaptación, para facer fronte aos retos presentes e futuros, pois seguimos considerando vixente a nosa misión de orixe como empresa: humanizar as relacións laborais, defender ao consumidor, comprometernos co contorno, colaborar na transformación social… Esta é a contribución diferencial que estamos chamados a facer na nosa comunidade e na que traballan intensamente moitas persoas de EROSKI para que se faga realidade, achegando á sociedade un xeito diferente de facer empresa.

Leire Mugerza, Presidenta do Consello Reitor