Goberno Corporativo

Goberno Corporativo

En EROSKI, as boas prácticas de goberno corporativo forman parte da nosa identidade cooperativa. Estas prácticas aseguran a evolución sostible da empresa e o seu compromiso coa sociedade de xeito que garanten unha xestión axeitada e transparente. Dúas condicións que fan do Grupo EROSKI unha organización avanzada aos requirimentos que a sociedade esixe hoxe a calquera empresa e relación comercial. Así, o noso modelo de goberno estrutúrase na separación dos dous ámbitos principais de decisión do Grupo EROSKI: o Consello Reitor e o Consello de Dirección. Para garantir a súa estrutura e xestión eficaz, contamos con sólidas bases de coordinación entre ambos órganos e os seus respectivos comités.

O Consello Reitor é o consello de administración da cooperativa e o órgano de goberno, representación e xestión da cooperativa. Na actualidade, está integrado por doce reitores, seis en representación dos socios de consumo e seis en representación dos socios de traballo. Entre as súas funcións atópase a admisión e baixa dos socios, a supervisión do plan de xestión da cooperativa e propor á Asemblea Xeral os acordos que requiran a súa aprobación, como son as contas anuais ou a modificación de normativas e a política xeral da cooperativa.

De feito, a Asemblea Xeral é o órgano da expresión da vontade social en materias que lle atribúen a lexislación vixente e os estatutos sociais. Hoxe confórmana cincocentos delegados e delegadas, con representación paritaria. Especial importancia adquiriron as denominadas xuntas preparatorias, que se celebran de maneira previa á Asemblea Xeral co obxectivo de mellorar as canles de participación dos socios e socias traballadoras e consumidoras nesa asemblea.

Tamén forman parte do Goberno Corporativo o Consello Social e o Consello Consumerista. O primeiro é o órgano de representación directa dos socios e socias de traballo, cunha función consultiva do Consello Reitor. Do mesmo xeito, as Comisións Delegadas son os órganos de información do Consello Social e dos socios nos centros de traballo. O segundo, o Consello Consumerista, formado por representantes dos Comités Locais de Consumidores, asesora o Consello Reitor nos temas relacionados co consumo. Pola súa banda, o Comité de Recursos ten como función tramitar os recursos presentados polos socios e conta tamén cunha Comisión de Vixilancia, que é o órgano de supervisión e control dos procesos electorais e de auditoría interna.

Esta estrutura fai que a nosa xestión sexa pioneira en moitos aspectos. Ao tempo, EROSKI forma parte do Pacto Mundial, impulsado pola Organización de Nacións Unidas para fomentar a sostibilidade e a responsabilidade social corporativa no seo das organizacións. Para iso, conta cun código ético que fixa todas as normas de comportamento en calquera ámbito da sociedade cooperativa e promove a mellora de todas as relacións coa súa contorna. Do mesmo xeito, a paridade nos órganos de dirección é unha realidade, as canles de comunicación responden con rigor ás necesidades informativas e todas as contas semestrais e anuais, así como calquera feito de relevancia financeira, son comunicados de forma oportuna á Comisión Nacional do Mercado de Valores (CNMV) e comunicados na nosa web eroski.es.

Por iso, todas as nosas actuacións corporativas non son meros compromisos sobre o papel senón que forman parte da nosa cultura cooperativa e, por iso, fan que en EROSKI apostemos por unha forma de entender os negocios moi diferente, un modelo que devolve á sociedade o que esta lle dá e que proporciona recursos para que todos sigamos medrando: traballadores/as, socios/as, empresas provedoras e consumidores/as.