EROSKI recoñecida con cinco galardóns nos Premios Comercio do Ano 2027
Un dos maiores estudos de mercado do sector do retail

- Por décimo ano consecutivo, as persoas consumidoras elixen EROSKI como Mellor Comercio en Liña do Ano na categoría de «Supermercados e hipermercados».
- A compañía renova os recoñecementos como Mellor Comercio do Ano nas categorías de «Hipermercados», «Produtos frescos» e «Supermercados de proximidade», ademais do premio a Mellor Franquía do Ano nesta última categoría.
- Os galardóns foron outorgados directamente polas persoas consumidoras nun dos maiores estudos de mercado do sector retail en España.
EROSKI foi recoñecida con cinco galardóns na décimo quinta edición dos Premios Comercio do Ano 2026-2027. A cooperativa foi distinguida nas categorías de supermercados e hipermercados en liña, produtos frescos, hipermercados, supermercados de proximidade e franquías, uns recoñecementos outorgados directamente polas persoas consumidoras dentro do maior certame de consumidores de España e un dos maiores estudos de mercado do sector do retail.
Os premios entregáronse hoxe durante a xornada «Revolución no mundo do retail 2026», celebrada no Alexandre Hotel Fira Congress Barcelona, en L’Hospitalet de Llobregat, onde representantes de EROSKI recolleron os galardóns das diferentes categorías premiadas.
Mellor Comercio en Liña do Ano
EROSKI recibiu de novo o recoñecemento Mellor Comercio en Liña do Ano na categoría de «Supermercados e hipermercados», un galardón que consolida a súa lideranza dixital no sector da distribución e avala a súa estratexia omnicanal. As persoas consumidoras valoraron especialmente aspectos como a relación calidade-prezo, a amplitude da variedade, a facilidade de navegación, a atención ao cliente, os tempos de entrega e a experiencia de compra integrada entre a contorna física e a dixital.
Por décimo ano consecutivo, EROSKI recibe este recoñecemento outorgado directamente polas persoas consumidoras, o que consolida o seu posicionamento como unha das principais propostas dixitais do sector da distribución alimentaria.
EROSKI online ofrece actualmente máis de 20.000 referencias de alimentos e produtos frescos, ademais dunha ampla oferta de non alimentación que inclúe bazar, electrodomésticos, téxtil e fogar, o que configura unha experiencia de compra completa e accesible. A esta proposta súmase o seu Marketplace, que amplía a oferta con máis de 100.000 referencias de produtos de non alimentación de distintas categorías e marcas colaboradoras.
O ecosistema dixital da compañía reforza a estratexia omnicanal da cooperativa, ao ofrecer unha experiencia uniforme entre canles e a posibilidade de recollida gratuíta e rápida en tenda ou entrega a domicilio flexible, cun modelo que combina comodidade, proximidade e sustentabilidade.
Mellor Comercio do Ano en Supermercados de Proximidade e Mellor Franquía do Ano
EROSKI tamén foi recoñecida por quinta vez consecutiva como Mellor Comercio do Ano 2027 e Mellor Franquía do Ano 2027, en ambos os dous casos na categoría de «Supermercados de proximidade». Estes dous galardóns reforzan o seu posicionamento en proximidade, conveniencia e calidade de servizo, así como a solidez do seu modelo de crecemento compartido.
Durante o primeiro semestre do 2026, a cooperativa inaugurou 33 novos establecementos, dos cales 30 son franquiados e 3 de xestión propia, o que consolida un crecemento que suma máis de 300 aperturas nos últimos cinco anos. O seu modelo de franquía integra os mesmos estándares de calidade, variedade e servizo que a rede de tendas propias, con formatos adaptados ás necesidades de cada contorna.
A insignia EROSKI/City continúa sendo un dos principais motores deste desenvolvemento. Na súa modalidade franquiada, conta con supermercados de entre 250 e 400 m², que ofrecen unha ampla variedade de alimentación, produtos frescos en libre servizo e atención personalizada. Xunto a este modelo, o formato de ultraproximidade permite achegar a compra diaria a contornas urbanas, estacións, universidades, gasolineiras e zonas turísticas, o que ofrece unha experiencia cómoda e accesible.
En conxunto, a rede de franquías EROSKI/City e Caprabo contribúe ao desenvolvemento económico e social dos territorios onde opera mediante un modelo de crecemento próximo e adaptado ás necesidades das persoas consumidoras.
Mellor Comercio do Ano en Produtos Frescos e Hipermercados
A compañía foi premiada como Mellor Comercio do Ano nas categorías de «Produtos Frescos» e «Hipermercados», un dobre galardón que pon en valor a fortaleza do seu modelo cooperativo e o seu compromiso cunha alimentación saudable, sustentable e de calidade.
EROSKI consolida a súa lideranza no ámbito dos produtos frescos, cunha rede de máis de 2.300 produtores agroalimentarios que representan máis da metade dos seus provedores nacionais. No 2025, as compras de proximidade superaron os 1.200 millóns de euros, reflexo dunha aposta firme por fortalecer o sector primario e a economía local. A través do Plan de Acompañamento a Provedores, a cooperativa impulsa prácticas sustentables e ofrece unha variedade de máxima calidade e orixe certificada, mentres que a súa marca propia EROSKI Natur segue a medrar con máis de 400 referencias recoñecidas polo seu compromiso co benestar animal, a produción responsable e a frescura de tempada.
No formato de hipermercado, EROSKI mantén unha rede de 36 centros, que destacan pola súa eficiencia, sustentabilidade e proximidade ao cliente. A cooperativa modernizou estes espazos con menor superficie, maior protagonismo dos frescos e servizos dixitais integrados, e incorporou tamén medidas de iluminación LED, refrixeración eficiente e xestión responsable de residuos para reducir o seu impacto ambiental. Ademais, EROSKI incorporou a instalación de etiquetas electrónicas en toda a súa rede de hipermercados durante este exercicio como un elemento máis de innovación.
Cun modelo rendible e centrado na experiencia do consumidor, os hipermercados de EROSKI ofrecen hoxe unha contorna máis gastronómica, sustentable e conectada, reflexo da súa capacidade para anticiparse ás novas tendencias do sector.
