• Os ingresos ordinarios do grupo medran máis dun 9,21 % e elévanse a 2.526,7 M€

  • Os esforzos de contención de marxes increméntanse en relación co ano anterior

  • O ebitda do semestre supera os 166 M€

  • EROSKI vén de lanzar unha nova campaña de baixada de prezos

O grupo EROSKI pechou as contas do primeiro semestre deste exercicio, a 31 de xullo do 2023, cun resultado positivo de 69,9 millóns de euros. Unha cifra de beneficios que representa un 2,77% sobre ingresos ordinarios, co que mellora o 1,81% o resultado do mesmo período do ano anterior, impulsado polo aumento da facturación estimulada polo esforzo realizado na política de prezos e, sobre todo, pola mellora de custas como consecuencia dos plans de eficiencia postos en práctica.

Nun contexto de inflación alimentaria récord, os ingresos ordinarios do grupo entre febreiro e xullo sumaron 2.526,7 millóns de euros, o que representa un crecemento superior ao 9,21% no consolidado de actividades do grupo EROSKI. Esta progresión vén marcada pola boa recepción entre as persoas consumidoras do esforzo promocional e de contención de prezos realizado ao longo do primeiro semestre por parte do grupo EROSKI, que incrementou o alto nivel de esforzo comezado a finais do 2021. Este esforzo tivo como resultado o incremento da cota de participación de EROSKI en moitos dos seus principais mercados, mellorando a tendencia en todos eles, o que, xunto co intenso plan de eficiencia posto en marcha en todos os ámbitos da organización, permitiu incrementar o beneficio operativo corrente ata os 131,9 millóns de euros no primeiro semestre do 2023. Pola súa banda, o ebitda superou os 166 millóns de euros ao peche da primeira metade do ano.

Consolidación do crecemento

“Os resultados obtidos durante os seis primeiros meses do exercicio demostran a solidez e competitividade do noso modelo de negocio. Este primeiro semestre supuxo un gran desafío, ao lle ter que facer fronte á presión que a inflación segue a exercer sobre a cadea de valor e á adaptación dos hábitos de compra das persoas consumidoras. Con todo, seguimos a consolidar o noso crecemento cun aumento das vendas e da cota de mercado. Do mesmo xeito, seguimos a insistir, e farémolo durante os vindeiros meses, no esforzo continuado por impulsar unha actividade promocional que alivie o peto das familias. De feito, hai uns días vimos de lanzar unha nova campaña de baixada de prezos de 800 produtos da cesta da compra, que inclúe todas as familias de produtos necesarios para conformar un carro completo”, explicou a CEO de EROSKI, Rosa Carabel.

Ademais, a máxima executiva do grupo salientou que o bo desempeño do negocio durante a primeira metade do ano se debe tamén “á importante contención das diferentes partidas de gasto nun contexto de espiral alcista de prezos, por efecto dos plans de eficiencia que estamos a poñer en marcha e das melloras de produtividade implantadas”.

Durante a primeira parte do ano, o grupo EROSKI investiu 36,7 millóns de euros, destinados principalmente á apertura de 53 novas tendas, 4 supermercados propios e 49 establecementos franquiados e mais á remodelación de puntos de venda.

Ademais, en cumprimento dos seus compromisos financeiros, o grupo amortizou 35 millóns de euros de débeda durante o primeiros seis meses do presente exercicio, situándose a débeda sindicada en 874 millóns de euros ao peche do semestre

 

Grupo EROSKI

EROSKI é o primeiro grupo de distribución de carácter cooperativo de España e un dos líderes do norte do mercado español, con cotas de mercado do 37% no País Vasco, do 19% en Galicia, 28% en Navarra e 21% en Baleares. A súa rede comercial, a peche do 2022, elévase a 1.526 establecementos, entre supermercados, hipermercados, cash&carry e supermercado en liña, amais de gasolineiras, tendas de deporte e outros negocios non alimentarios. Ademais, conta tamén con máis de 5 millóns de Socios Clientes e con máis de 27.300 socios cooperativistas e traballadores aos que hai que sumar o colectivo de traballadores das máis de 610 tendas franquiadas.

 

Compartir en: