EROSKI Consumer celebra o seu 50º aniversario liderando a información e formación das persoas consumidoras
Medio século apoderando o consumidor
EROSKI Consumer é a publicación pioneira e decana na información e formación das persoas consumidoras en España
Referente de prestixio internacional en información rigorosa para un consumo responsable e sostible, é o portal de consumo máis importante do país con máis de 70 millóns de visualizacións anuais
EROSKI Consumer fai medio século como o referente principal na información e educación das persoas consumidoras. Hoxe celebra o seu 50 aniversario cunha xornada que reúne a socias e socios consumidores de EROSKI, colaboradores, representantes institucionais e expertos do sector no Pazo de Congresos Kursaal de Donostia-San Sebastián.
En 1974, EROSKI lanzou o primeiro número da súa revista Consumer, pioneira na información e formación das persoas consumidoras, nun contexto (ben diferente do actual) no que os coñecementos necesarios para un adecuado exercicio dos seus dereitos e lexítimos intereses non eran de acceso doado. Desde aquela, desempeñou un papel crucial na formación e na información, facilitándolle á cidadanía a toma de decisións máis conscientes, responsables e beneficiosas para o seu benestar e para a sociedade no seu conxunto, a través dunha comunicación clara e rigorosa. A súa independencia editorial, a veracidade e utilidade dos seus contidos, o seu carácter ameno e o seu acceso gratuíto, especialmente en temas relacionados coa alimentación e o consumo cotián, colocaron a revista desde os seus comezos como unha ferramenta para o apoderamento cidadán, coa que se promovían persoas consumidoras informadas, soberanas e conscientes do seu poder.
En 1998, esta misión consolidouse coa evolución do proxecto informativo, que deu lugar á plataforma multicanle EROSKI Consumer, un dos portais de consumo en lingua española máis importantes do mundo. Cun enorme caudal informativo, con máis de 30.000 páxinas de contidos, ofrece unha revista dixital, perfís nas redes sociais máis relevantes (Facebook, X, Instagram, TikTok, YouTube, Linkedin, WhatsApp, Telegram) e unha web de referencia, co que lle achega o coñecemento ás persoas consumidoras de maneira máis accesible ca nunca, o que se traduce en máis de 70 millóns de visualizacións anuais.
EROSKI Consumer destaca tamén pola súa diversidade de contidos e formatos. Ofrece guías informativas, milleiros de receitas e está dispoñible nos catro idiomas oficiais do Estado. A súa revista en versión impresa acumula millóns de actos de lectura anuais e complementa a súa presenza na web. Ao longo dos seus 50 anos de historia, foi recoñecida con prestixiosos premios e é valorada polos seus formatos emblemáticos de análises e estudos comparativos. Ademais, conta cunha sólida proxección internacional e colabora con aliados de renome, como Maldita.es, UNICEF ou Basque Culinary Center, entre moitos outros.
Chegar a medio século de vida é un fito digno de celebración, especialmente nun contexto no que a dixitalización transformou radicalmente o consumo de información, pero EROSKI Consumer demostrou a súa capacidade de adaptación e o seu compromiso inquebrantable coa información de calidade.
Durante o discurso de apertura da xornada de celebración do aniversario, a CEO de EROSKI, Rosa Carabel, destacou que “este aniversario non só celebra a nosa historia, senón tamén a nosa evolución e o papel crucial que EROSKI Consumer desempeña na sociedade actual con información precisa e rigorosa, nun mundo onde loitar contra a desinformación é un desafío constante”. Carabel reafirmou o compromiso de EROSKI “para continuar apoderando as persoas consumidoras a través de información veraz e accesible. Hoxe máis ca nunca, nun mundo cada vez máis interconectado e cheo de desafíos para as persoas consumidoras, o seu papel como fonte fiable e rigorosa de información é máis importante ca nunca”.
Ao longo da xornada, expertos en diversas materias, como o paleontólogo e escritor, Juan Luis Arsuaga; a neurocientífica e enxeñeira, Ana Ibáñez; o responsable do restaurante Elkano de Getaria, Aitor Arregi; ou o director xeral da Fundación EROSKI, Alejandro Martínez Berriochoa, abordarán temas clave sobre o presente e o futuro da alimentación, como a súa importancia na evolución humana, a súa influencia na transformación do cerebro e as emocións, a súa relevancia no territorio, ou os hábitos de alimentación da poboación máis nova, entre outros. Un espazo de diálogo que busca ofrecer perspectivas innovadoras e solucións baseadas en datos para fomentar hábitos de consumo que beneficien ás persoas e mais ao planeta.
O aniversario de EROSKI Consumer non é só unha celebración do pasado, senón unha reafirmación da súa misión de cara ao futuro. Nunha contorna cada vez máis dixital e complexa, a plataforma prepárase para seguir a liderar a información e a formación das persoas consumidoras, en prol dun mundo máis xusto e sostible.
Compartir en: