Medio ambiente

Medio ambiente

Compromiso coa protección do medio ambiente

En liña co noso compromiso n.º 5 de favorecer un consumo responsable, traballamos para mellorar o deseño e a execución da nosa actividade para ser máis respectuosos co medio e fomentar accións para a súa protección. Este modelo de comportamento en relación coa nosa contorna é, á súa vez, un dos principios do código de conduta da nosa organización.

Compromiso coa sostibilidade ambiental

Este compromiso intégrase de forma transversal en toda a organización a través dunha política ambiental que aliña o respecto polo medio e o benestar social cos nosos obxectivos estratéxicos. Esta política está dirixida a minimizar o noso impacto sobre o cambio climático, a protexer e utilizar de xeito sostible os recursos naturais, a xestionar os residuos con modelos de economía circular e a preservar a biodiversidade.


Os principios básicos da nosa política ambiental




Accións de mellora ambiental

Consonte a nosa política ambiental e aos aspectos ambientais máis relevantes asociados á nosa actividade, en EROSKI contamos cunhas liñas de traballo que se basean na mellora continua e se aliñan cos nosos obxectivos estratéxicos. Gran parte delas recóllense no compromiso n.º 5 de fomento dun consumo máis responsable, n.º 6 de ofrecer máis produtos locais, e n.º 10 de facilitar unha vida máis saudable e sostible. Estas accións de mellora afectan a distintas etapas do noso itinerario produtivo, polo que tamén involucramos os actores externos á nosa organización na medida en que poden contribuír a reducir a nosa pegada ambiental.

Produtos

En EROSKI consideramos indispensable colaborar con empresas provedoras responsables que compartan o noso compromiso co desenvolvemento sostible para a incorporación do factor ambiental na nosa oferta. Como parte do noso compromiso n.º 5, dentro dos novos compromisos pola saúde e a sostibilidade, velamos porque todos os procesos, dende a orixe da produción ata as operacións na tenda, pasando por todas as transformación e manipulacións, reduzan o seu impacto ambiental. Isto inclúe a erradicación dos tratamentos fitosanitarios posteriores á colleita, a certificación das nosas peixarías con selos de sostibilidade, o control do uso de antibióticos, a incorporación de prácticas que garantan o benestar animal ou o fomento de gamas ecolóxicas.

Orixe sostible certificada

EROSKI Natur: sabor responsable
En 2018 cambiamos a promesa da nosa marca propia de frescos EROSKI Natur, que pasou a ser “Sabor responsable”. Na selección de produtos e provedores no só esiximos unha calidade diferenciada para asegurar que sexan saborosos, senón que tamén esiximos requisitos adicionais que garantan que se producen seguindo prácticas máis respectuosas co medio ambiente.

Conseguimos certificacións de benestar animal para a nosa marca EROSKI Natur en polo rústico, porco Duroc e ternasco de Aragón. O polo, ademais, criouse sen antibióticos, o que contribuirá a evitar aos consumidores posibles resistencias aos medicamentos. No tocante ao maior respecto ao medio ambiente, incorporamos certificacións que garanten que os alimentos foron producidos seguindo procesos mais respectuosos co medio. Por exemplo, todo o peixe fresco está certificado por MSC® (Marine Stewardship Council), o peixe de
crianza ten o selo GlobalG.A.P. de acuicultura, as froitas e verduras teñen tamén o selo GlobalG.A.P. de produción agrícola ou un selo de produción integrada. Ademais, eliminamos os tratamentos posteriores á colleita nos nosos cítricos e froitas de óso, reducindo deste xeito o consumo de materias primas e a xeración de residuos. Tamén ampliamos a nosa gama de produtos frescos con produtos de valor en categorías nas que ata entón a marca non estaba presente, como panadaría ou ovos. Estes últimos proceden de galiñas campeiras criadas en granxas nas que se poden mover libremente e con acceso ao ar libre.

Belle Natural: cosmética certificada COSMOS Natural
En 2018 lanzamos ao mercado a primeira gama de cosmética certificada COSMOS Natural de marca propia. Está formada por dezaseis produtos que cobren as necesidades básicas da rutina diaria de hixiene e beleza, comercializados baixo a nosa marca Belle NATURAL.

Toda a nova gama está certificada como cosmético natural segundo o estándar COSMOS e está homologada polo prestixioso organismo internacional ECOCERT. A devandita norma regula dende a elaboración de cada ingrediente e a produción ata a embalaxe, o etiquetado ou a xestión ambiental, entre outros aspectos. Deste xeito, obrígase a empregar uns parámetros de formulación nos que tanto as materias primas empregadas como o seu proceso de fabricación teñen que estar previamente certificados. Toda a nova gama foi certificada con, polo menos, o 98 % de ingredientes naturais ou de orixe natural, tales como a manteiga de karité, extractos vexetais, aceite de noz de Macadamia ou extractos de flores e froitas como o xasmín ou a goiaba, entre outros. Así mesmo, a aínda que a norma non o esixe, o 5 % dos produtos Belle NATURAL son de orixe ecolóxica.

Pesca sostible
Co obxectivo de seguir traballando pola conservación da biodiversidade nos mares e océanos a través dun aproveitamento racional dos recursos mariños, en 2016 acordamos a política de pesca sostible de EROSKI. En resposta aos compromisos adquiridos nesta materia, en 2018 seguimos traballando por unha pesca sostible da man de organizacións internacionais de referencia.
En 2018 renovamos a certificación da cadea de custodia do peixe fresco MSC e tamén incorporamos o selo a nosa gama comercial de peixe e marisco conxelado. Co lanzamento de pescada conxelada, sumamos xa once referencias de peixe e marisco conxelado co selo azul en
toda a nosa rede comercial. Prevemos que a comercialización de peixe certificado MSC acade os dous millóns de quilos en 2020. En 2018 convertémonos na primeira cadea de distribución de España en superar a auditoría de cadea de custodia de acuicultura certificada GlobalG.A.P., que acredita que as especies de venda nas nosas peixarías e procedentes deste tipo de cría se produciron de xeito seguro e sostible.

Ao compromiso de garantir a orixe sostible de toda a nosa gama de conservas de atún, engadimos a necesidade de que sexa capturado só coas artes de pesca máis responsables: Atún de pesca responsable, sen obxecto FAD, MSC e Fishery Improvement Project. Con esta finalidade chegamos a un acordo cos nosos provedores para que en dous anos dupliquen o volume de atún capturado con estas artes e se acade o 40 % do total.

“Froitas e hortalizas feas” contra o desperdicio alimentario

Segundo a Organización das Nacións Unidas para a Alimentación e a Agricultura, un terzo dos alimentos producidos pérdese ou desperdiciase en todo o mundo. En EROSKI, como parte do noso compromiso coa sostibilidade do sector agrícola e contra o desperdicio alimentario, apostamos pola comercialización de variedades de froitas e hortalizas chamadas “feas”, polo seu aspecto ou tamaño. En 2018, a campaña levouse a cabo en 560 establecementos da nosa rede comercial, incluídos 79 centros de CAPRABO e franquías. Como novidade nesta edición, Baleares sumouse coa súa participación en 14 tendas transformadas. En total, en 2018 comercializáronse, en toda a rede, 1.055 toneladas de froitas e hortalizas “feas”.

Ecodeseño de envases e produtos

En 2018 traballamos na definición da nosa estratexia de plásticos e adquirimos os seguintes compromisos para loitar contra a contaminación por plásticos:

Nova gama de bolsas máis respectuosas co medio

A finais de 2018 comezamos a substituír progresivamente as nosas actuais bolsas dun só uso por bolsas compostables fabricadas con material de orixe vexetal. Este tipo de bolsas incluíronse no noso servizo de compra en liña. Ademais, a bolsa reutilizable certificada por AENOR substituíuse por unha bolsa que contén, polo menos, un 55 % de plástico reciclado, para potenciar unha economía circular. Así mesmo, na gama tamén incluímos unha nova bolsa de papel de orixe sostible certificado FSC, como resultado da escoita aos nosos clientes. Todas elas súmanse ás bolsas reutilizables de rafia xa existentes, fabricadas con plástico reciclado, e á bolsa solidaria, que reúne a protección do medio ambiente con fines sociais.

Loxística

Lean&Green: Cara unha loxística sostible

Obtivemos o premio ao proxecto Lean&Green outorgado pola Asociación de Fabricantes e Distribuidores (AECOC). Con este certificado, o Grupo EROSKI lidera a plataforma Lean&Green xunto con outras quince empresas do sector consumo. O obxectivo de Lean&Green é xerar unha rede de compañías líderes no campo da loxística sostible, para incrementar a súa capacidade de aforro e reducir as súas emisións de CO2 en, polo menos, o 20 % en cinco anos. Este premio certifica que presentamos o plan de accións para conseguir a redución desa porcentaxe entre 2015 e 2020. Lean&Green é a maior plataforma europea de colaboración especialmente dirixida a reducir as emisións asociadas á cadea de subministro. Nos últimos catro anos conseguiu reducir un 14 % as emisións por transporte, o que supón evitar máis de 11.000 toneladas de emisións equivalentes de CO2.

Eficiencia e sostibilidade como eixes do noso novo modelo de transporte


1
Aprovisionamento máis eficiente:

• Mellora na planificación da demanda.

• Optimización continua do modelo de transporte de compra en orixe.

• Concentración e simplificación do noso mapa de plataformas.

• Implantación do transport manager system, que permite optimizar a planificación e o seguimento das rutas e o enchido de mercancías.

• Colaboración con provedores para optimizar o uso dos vehículos

2 Vehículos e condución menos contaminantes:

• Renovación da frota coa incorporación de vehículos adaptados á nova normativa anticontaminación da Unión Europea Euro 6.

• Uso de aditivos no combustible que poden diminuír os gases de efecto invernadoiro ata un 40 %.

• Fomento do uso de vehículos eléctricos.

• Utilización de vehículos que permiten un enchido máis óptimo, como os city trailer.

• Uso de vehículos que usen gas licuado de petróleo como combustible.

• Equipamento dos vehículos con determinados dispositivos electrónicos que favorecen unha condución máis eficiente.

• Formación en técnicas de condución ecolóxica.

3 Plataformas máis sostibles:

• Uso de iluminación LED, detectores de presenza, robots de temperatura e aproveitamento da luz natural para mellorar a eficiencia enerxética das plataformas.

• Instalación de paneis solares para un aprovisionamento de electricidade cun menor impacto ambiental.

• Redución da cantidade de materiais de embalaxe empregados.

4 Loxística inversa:

• Obxectivo: xestionar e valorizar os residuos xerados nas tendas. Esta medida enmárcase dentro do noso obxectivo de “Desperdicio cero”, xa que permite a recollida e o tratamento de todos os subprodutos orgánicos e inorgánicos para o seu correcto reciclado.

5 Optimización da loxística urbana:

• Descargas nocturnas, a utilización de carrís multiuso ou a reserva dinámica de prazas de descarga para minimizar o impacto no medio urbano.

• En relación coa contaminación por ruído, o modelo de distribución nocturna contempla o subministro do produto centralizado ás tendas pola noite. Os niveis de emisión sonora durante o período nocturno son máis restritivos que durante o horario diúrno. Para garantir estes niveis durante as operacións de carga e descarga, o modelo de distribución contempla unha serie de medidas adoptadas en distintas áreas. Por unha banda, prevese a adecuación do local: sistemas de peche, alarmas sectorizadas, illamento acústico, etc. Do mesmo
xeito, tense en conta o equipamento necesario, como carretillas, traspaletas silenciosas e salvabordos. Por outra banda, fórmase e infórmase ao persoal implicado nos protocolos de traballo silencioso que se deseñaron, diferenciando os protocolos para cada posto de traballo:
persoal diúrno de tenda, persoal auxiliar nocturno e repartidores. Por último, co obxecto de corrixir desviacións, incorpóranse procesos internos de auditoría para detectalas e comprobar o cumprimento dos protocolos de traballo establecidos nos puntos de venda operativos.
Moitas destas medidas defínense en colaboración cos concellos para garantir a súa idoneidade.

Tendas ecoeficientes

A renovación e ampliación da rede comercial de EROSKI para a súa adaptación ao noso modelo “contigo” inclúe tamén a adopción de melloras na súa construción e xestión acordes con criterios ambientais. O noso renovado modelo mellora a eficiencia enerxética a través de novos sistemas e equipamentos eficientes de frío, climatización e iluminación. A eficiencia enerxética únese á xestión de residuos cero que converte a tenda “EROSKI contigo” nun establecemento punteiro en política de sostibilidade e medio ambiente.

Construción e equipamento sostible

Apostamos por deseños e equipos que consuman menos enerxía e cun menor impacto ambiental. Algúns exemplos de medidas implantadas son:

  • Iluminación LED: Todas as luminarias son LED de última xeración e os acendidos contrólanse dende un autómata que optimiza o seu uso e minimiza a contaminación luminosa polas noites.
  • As instalacións de frío: O mobiliario frigorífico componse de mobles de última xeración provistos de portas acristaladas que evitan que os corredores da tenda arrefríen e garanten unha mellor conservación dos produtos, xa que manteñen de xeito estrito a temperatura á que se deben conservar, ademais de contribuír ao benestar da clientela nas tendas.
  • Uso de refrixerantes con baixo impacto de efecto invernadoiro: Utilizamos gases refrixerantes que combinan un potencial nulo de esgotamento da capa de ozono, un baixo potencial de quentamento atmosférico e unha alta eficiencia enerxética.
  • Climatización: clima está integrado no sistema de xestión, que controla a temperatura, a humidade e a calidade do aire cun sistema remoto de vixilancia ante eventos que incrementen o consumo eléctrico.

Economía circular

Afrontamos a xestión e valorización dos residuos dende a prevención e a integración dun modelo de economía circular.

  • Minimización dos residuos: Traballamos para minimizar os residuos derivados da nosa actividade mediante a aplicación do ecodeseño aos produtos de marca propia, a promoción de artigos frescos próximos á súa data de caducidade e a doazón a persoas en risco de exclusión social de alimentos aptos para o consumo que se desbotaron para a venda a través do programa “Desperdicio cero”.
  • Xestión e valorización dos residuos: Dende a perspectiva da economía circular, potenciamos os procesos de loxística inversa, dende as tendas ata as plataformas e as empresas provedoras, que permiten unha correcta reutilización e reciclaxe dos residuos orgánicos e inorgánicos xerados. Isto implica non só minimizar a cantidade de refugallos, senón tamén evitar o consumo de materias primas virxes noutros procesos produtivos.

 

Persoas consumidoras

En EROSKI somos conscientes de que cada persoa, ao elixir un modelo de consumo sostible e responsable, pode contribuír á protección ambiental. Diriximos o noso esforzo cara á formación e concienciación dos consumidores mediante o desenvolvemento de campañas de sensibilización e a publicación de contidos pedagóxicos nas nosas plataformas web e outros soportes informativos. En liña con este obxectivo, tamén fomentamos e desenvolvemos iniciativas colaborativas coa clientela, os traballadores e as institucións.