Sala de prensa

Volver a todas as noticias

Grupo EROSKI obtén a certificación Top Diversity Company 2026

Recoñecemento á súa estratexia de Diversidade, Equidade e Inclusión

  • O recoñecemento distingue as boas prácticas das organizacións en Diversidade, Equidade e Inclusión.
  • O Grupo formalizou no 2026 un Plan DEI que integra formación, lideranza inclusiva, comunicación e acceso ao emprego.
  • A entrega do certificado tivo lugar durante o DEI Summit 2026, en Madrid.

Grupo EROSKI obtivo a certificación Top Diversity Company 2026, un recoñecemento de INTRAMA ás boas prácticas empresariais en Diversidade, Equidade e Inclusión. Esta distinción pon en valor a estratexia corporativa do Grupo para integrar a igualdade de oportunidades e a inclusión na súa cultura, nos seus procesos e na xestión de persoas. A entrega do certificado tivo lugar durante o DEI Summit 2026, celebrado en Kinépolis Ciudad de la Imagen, en Madrid.

O recoñecemento coincide coa formalización do Plan de Diversidade, Equidade e Inclusión do Grupo EROSKI no 2026. Apoiado nos seus valores cooperativos, este marco reúne iniciativas que a organización viña desenvolvendo e incorpora un modelo común de goberno, obxectivos e indicadores para avanzar na súa aplicación nos distintos negocios e sociedades.

«Esta certificación anímanos a seguir a avanzar nun compromiso que forma parte da nosa identidade cooperativa. Queremos que a inclusión se traduza en oportunidades reais para participar, desenvolverse e achegar talento. Para iso, traballamos para incorporar esta perspectiva á xestión diaria, desde a selección e a formación ata a lideranza e a comunicación», sinalou José María Cabanillas Prado, responsable de Benestar e DEI do Grupo EROSKI.

Formación, participación e oportunidades de emprego

O Plan DEI contempla formación específica para os órganos de goberno, equipos directivos e profesionais das áreas de persoas, comunicación e selección. Estas actuacións complétanse con contidos en liña dirixidos ao conxunto da organización, co obxectivo de chegar a máis de 16.000 persoas mediante accións formativas.

O Grupo impulsou tamén unha Rede de Colaboradores DEI, integrada por persoas de diferentes negocios, territorios e sociedades, para achegar as iniciativas á realidade dos centros. Así mesmo, desenvolveu unha Guía de Comunicación Inclusiva e dispón de ferramentas e formación en selección igualitaria para reducir vieses e favorecer a igualdade de oportunidades no acceso ao emprego.

A inclusión laboral constitúe outra das liñas de traballo do plan. EROSKI colabora con entidades especializadas para facilitar o acceso ao emprego de persoas con discapacidade ou en situación de vulnerabilidade social. Ata setembro de 2026, o Grupo incorporara 252 persoas de colectivos vulnerables.

Entre estas colaboracións figura o Convenio Inserta con Fundación ONCE, renovado en setembro co obxectivo de promover 86 novas contratacións de persoas con discapacidade ata xaneiro de 2030, dando continuidade a unha relación de 25 anos. Así mesmo, EROSKI subscribiu un acordo con EINA para favorecer a empregabilidade de persoas con especiais dificultades de acceso ao mercado de traballo en Navarra mediante formación adaptada e acompañamento.

A estratexia esténdese tamén á experiencia de compra. En colaboración con Fundación ONCE, EROSKI desenvolveu un protocolo de atención a persoas con discapacidade visual que combina pautas de comunicación e acompañamento con formación para os equipos de tenda. Tras o seu inicio como proxecto piloto no Duranguesado a finais do 2025, a iniciativa estendeuse progresivamente durante o 2026 ás tendas propias da zona Norte.

Estas actuacións dan continuidade ao compromiso do Grupo coa igualdade de oportunidades, reforzado coa súa adhesión á Carta de la Diversidad, formalizada en xullo de 2026.