Sala de prensa

Volver a todas as noticias

EROSKI e a Fundación ONCE reforzan o seu compromiso coa inclusión laboral das persoas con discapacidade

25 anos de colaboración en favor da inclusión social e laboral

  • O novo convenio establece o obxectivo de acadar as 270 contratacións de persoas con discapacidade en EROSKI para xaneiro de 2030.
  • O acordo tamén inclúe iniciativas de formación, accesibilidade universal, compras responsables e sensibilización social.
  • A sinatura do acordo deu lugar a unha mesa de diálogo sobre o papel das persoas na transformación das organizacións e na construción de contornas máis inclusivas.

O Grupo EROSKI e a Fundación ONCE renovaron hoxe a súa colaboración mediante a sinatura dun novo Convenio Inserta destinado a impulsar a inclusión social e laboral das persoas con discapacidade. O acordo establece o obxectivo de promover 86 novas contratacións en EROSKI ata o 31 de xaneiro de 2030, que se suman ás 184 novas incorporacións realizadas desde que comezou a colaboración entre as dúas entidades.

A sinatura do convenio realizouse no HUB de Por Talento Digital da Fundación ONCE en Madrid, coa participación da CEO do Grupo EROSKI, Rosa Carabel, e do vicepresidente executivo da Fundación ONCE, Alberto Durán. Ao acto tamén asistiron a secretaria xeral e vicepresidenta executiva da Fundación ONCE, Virginia Carcedo, e Gonzalo Fernández Ibañez, director de Relacións Laborais, Prevención e Administración do Grupo EROSKI.

O novo acordo continúa unha relación de colaboración que este ano cumpre 25 anos. Ademais, reforza o compromiso compartido de EROSKI e da Fundación ONCE coa igualdade de oportunidades, a xestión do talento diverso e a mellora da calidade de vida das persoas con discapacidade.

A CEO do Grupo EROSKI, Rosa Carabel, salientou que «este convenio reflicte a nosa forma de entender a empresa: como un proxecto aberto, diverso e comprometido coas persoas. Queremos seguir avanzando na creación de oportunidades laborais e na construción de contornas onde cada persoa poida desenvolver plenamente o seu talento».

Alberto Durán, vicepresidente executivo da Fundación ONCE, abordou a importancia da colaboración entre empresas e entidades sociais para impulsar a inclusión laboral das persoas con discapacidade. «A renovación deste acordo reflicte unha visión compartida sobre o papel que as empresas deben desempeñar na construción dunha sociedade máis inclusiva. Cando a diversidade forma parte da estratexia dunha organización, xéranse máis oportunidades, fortalécese o talento e créase un impacto positivo que vai máis alá do ámbito laboral», afirmou.

 

Un obxectivo global de 270 contratacións

En virtude do convenio, EROSKI renova a súa adhesión ao Programa Inserta da Fundación ONCE. Para cubrir os novos postos de traballo que se oferten, a cooperativa poderá recorrer a Inserta Empleo, unha entidade da Fundación ONCE cofinanciada pola Unión Europea e especializada na orientación, formación e intermediación laboral de persoas con discapacidade, que se encargará de identificar e preseleccionar os perfís máis adecuados para as necesidades da organización.

O obxectivo establecido para este novo período é promover 86 contratacións ata xaneiro de 2030. Estas incorporacións permitirían acadar un balance global de 270 contratacións no marco da colaboración coa Fundación ONCE, tendo en conta as 184 contratacións que se efectuaron ata o momento.

As incorporacións realizaranse segundo as necesidades de EROSKI e en condicións laborais de mercado. Ademais, Inserta Empleo poderá realizar o seguimento dos procesos e das persoas contratadas, respectando as competencias e a política de recursos humanos da cooperativa.

 

Formación, accesibilidade e compras responsables

Ademais da inserción laboral directa, o convenio establece un amplo marco de colaboración que inclúe o desenvolvemento de accións formativas para mellorar a cualificación e a empregabilidade das persoas con discapacidade, así como a súa posible incorporación a programas de prácticas.

A Fundación ONCE tamén porá a disposición de EROSKI o seu programa de bolsas Oportunidade para o Talento destinado a favorecer a formación de excelencia, a mobilidade internacional e a especialización de estudantes con discapacidade en ámbitos con elevada empregabilidade.

O acordo tamén inclúe o impulso das boas prácticas en materia de accesibilidade universal e deseño para todas as persoas nos bens e servizos que ofrece EROSKI. Tamén prevé fomentar as compras responsables, a colaboración con centros especiais de emprego e a incorporación de cláusulas sociais nas relacións con provedores e colaboradores.

Ambas as organizacións tamén desenvolverán iniciativas de sensibilización e comunicación orientadas a favorecer unha percepción social positiva da discapacidade e a visibilizar o valor que achega o talento diverso ás empresas e á sociedade.

EROSKI tamén renovará a súa participación no Foro Inserta Responsable, un espazo promovido pola Fundación ONCE para compartir coñecementos e boas prácticas en materia de responsabilidade social empresarial, discapacidade e xestión estratéxica da diversidade.

 

25 anos de colaboración

A renovación do convenio coincide co 25 aniversario da colaboración entre EROSKI e a Fundación ONCE. Durante este período, ambas as organizacións desenvolveron distintas iniciativas destinadas a favorecer a inclusión social e laboral das persoas con discapacidade e avanzar cara a contornas, servizos e oportunidades máis accesibles.

Desde o inicio desta colaboración, promovéronse 184 contratacións de persoas con discapacidade en EROSKI. O novo acordo permite continuar este percorrido e ampliar o marco de actuación a ámbitos como a formación, a accesibilidade universal, as compras responsables, a sensibilización social e a xestión estratéxica da diversidade.

O convenio estará vixente ata o 31 de xaneiro de 2030 e contará cunha comisión mixta de seguimento, integrada por representantes de ambas as entidades, que se reunirá polo menos unha vez ao ano para avaliar as accións realizadas e aprobar os plans de traballo correspondentes.

 

Mesa redonda: «As persoas que constrúen o futuro»

Tras a sinatura do acordo, o encontro continuou coa mesa redonda: «As persoas que constrúen o futuro».  Nun momento no que a intelixencia artificial, a dixitalización e os profundos cambios sociais están a transformar a forma de traballarmos e de nos relacionar, a mesa centrouse nun elemento clave que seguirá a marcar a diferenza: as persoas. Os participantes coincidiron na importancia de impulsar modelos de liderado máis humanos, xerar oportunidades para todos os talentos e situar a inclusión e a diversidade no centro da estratexia empresarial e social.

No diálogo participaron Rosa Carabel, CEO do Grupo EROSKI; Alberto Durán, vicepresidente executivo da Fundación ONCE; Lander Beloki, decano da Facultade de Empresariais de Mondragon Unibertsitatea; e David Casinos, deportista paralímpico, conferenciante e referente internacional en superación persoal.

Ao longo do encontro, os relatores reflexionaron sobre como afrontar os retos derivados da transformación tecnolóxica sen perder de vista o valor do factor humano. Durante a conversa, trataron cuestións como a xestión do talento, a confianza como motor do desenvolvemento persoal e profesional, a creación de contornas máis inclusivas e accesibles, a capacidade de adaptación ao cambio e o papel das organizacións á hora de xerar oportunidades que permitan a todas as persoas desenvolver plenamente o seu potencial.

A mesa concluíu salientando que a innovación, a competitividade e o progreso social deben avanzar da man da inclusión. Os participantes coincidiron en que construír organizacións máis diversas, accesibles e centradas nas persoas é unha das principais pancas para afrontar con éxito os desafíos do futuro.

  

Acerca do Grupo EROSKI

O Grupo EROSKI é un dos grupos de distribución líderes no norte do mercado español (desde Galicia ata Baleares) cunha cota de mercado do 12,32 % nesa zona. É líder no País Vasco, Navarra e Galicia, e colíder nas Illas Baleares. A súa rede comercial omnicanle, a finais do 2025, suma 1.508 establecementos, entre supermercados, hipermercados, cash & carry e supermercados en liña, ademais de ópticas, tendas de deportes e outras actividades non alimentarias. Ademais, conta con máis de 6 millóns de socios clientes e máis de 28.200 persoas no seu cadro de persoal, das cales máis de 8.300 son socias propietarias.

Fundación ONCE e Inserta Empleo

A Fundación ONCE é a principal entidade social española que traballa pola plena inclusión das persoas con discapacidade co desenvolvemento de iniciativas e programas nos ámbitos do emprego, da formación, así como da accesibilidade e do deseño para todos para impulsar contornas, produtos e servizos globalmente accesibles.

Así, a Fundación ONCE puxo en marcha a organización Inserta Empleo, que é unha entidade de recursos humanos experta na atención ás persoas con discapacidade e que centra a súa actividade en mellorar a súa formación e conseguir a súa inclusión no mercado laboral. Conta cunha experiencia de máis de 25 anos e un equipo de expertos en orientación e intermediación, repartidos polas súas 53 oficinas en toda España. Axuda ás persoas con discapacidade a atopar emprego, proporciona formación se é necesario e ofrece ás empresas os mellores candidatos e candidatas para os postos que necesitan cubrir. Todo sen custos.

A actividade de Inserta Empleo enmárcase nos programas estatais FSE+ de «Emprego Xuvenil» (CCI 2021ES05SFPR001) e de «Inclusión Social, Garantía Infantil e Loita contra a Pobreza» (2021ES05SFPR003) e do programa «FSE+ Comunidade Autónoma de Canarias» (CCI2021ES05SFPR009), que está a desenvolver a Fundación ONCE mediante Inserta Empleo, co cofinanciamento da Unión Europea para incrementar a formación e o emprego das persoas con discapacidade.