EROSKI súmase un ano máis á campaña “A Hora do Planeta” promovida por WWF
A cooperativa e WWF colaboran dende o 2004
O vindeiro sábado EROSKI sumarase ao apagamento simbólico da maior iniciativa global en defensa do medio natural, que este ano ten por lema “Dálle unha hora ao planeta”
EROSKI e WWF colaboran dende hai anos para promover políticas ambientais en relación coa sustentabilidade dos caladoiros de pesca, a mellora da eficiencia enerxética e a promoción dun consumo máis responsable
EROSKI súmase por décimo terceiro ano consecutivo á campaña “A Hora do Planeta” promovida por WWF co respaldo de Nacións Unidas, realizando un apagamento simbólico da súa páxina web www.consumer.es, que seguirá activa cunha luz atenuada de menor intensidade, coa difusión da iniciativa que realizará na súa páxina web e redes sociais, e mais cun apagamento nos rótulos dalgúns dos seus establecementos. Millóns de persoas de todo o mundo apagarán a luz durante unha hora (entre as 20:30 e as 21:30 hora local) mañá sábado, 23 de marzo, para concienciar o mundo sobre a importancia do medio natural e a loita contra o cambio climático.
O lema deste ano é “Dálle unha hora ao planeta” e trátase dunha carreira polo planeta para loitar contra o cambio climático e a destrución da natureza. É unha acción anual que une a cidadáns, empresas, concellos, institucións e todo tipo de organizacións na loita contra o cambio climático e a perda da biodiversidade.
“Un ano máis EROSKI únese a esta iniciativa de WWF, que se converteu na maior acción global de sensibilización en defensa do medio natural coñecida ata o momento e nun símbolo para chamar a atención sobre o problema do cambio climático. Os consumidores son cada vez máis esixentes cos criterios de sustentabilidade e en EROSKI traballamos para lles dar resposta a esas demandas a prol dun consumo máis responsable”, sinalou o director de Saúde e Sustentabilidade de EROSKI, Alejandro Martínez Berriochoa.
Compromiso coa loita contra o cambio climático
A deterioración do clima, a perda de hábitats e o declive silvestre son as consecuencias provocadas pola crise climática, que, ademais, se produce nun contexto de elevados prezos da enerxía. O 2023 foi o ano máis cálido da historia dende que se teñen rexistros. Este aumento da temperatura global traduciuse en fenómenos meteorolóxicos extremos como inundacións, vagas de calor e incendios devastadores, cada vez máis frecuentes.
Por iso, EROSKI redobrou os seus esforzos en materia de sustentabilidade e un dos fitos máis importantes é o seu ambicioso compromiso de alcanzar as cero emisións netas de gases de efecto invernadoiro no 2050. Este reto enmárcase na súa adhesión ao Código de Conduta sobre negocio responsable de alimentos e prácticas de mercadotecnia da Unión Europea.
EROSKI logrou dúas estrelas Lean & Green por alcanzar o obxectivo de reducir un 30% as súas emisións de CO2 nos procesos de loxística e transporte durante os últimos catro anos. EROSKI reduciu máis dun 40% as emisións de gases de efecto invernadoiro de alcance 1 e 2 dende o 2017, sumou novos produtos ecolóxicos á súa gama, que xa fan máis de 1.400 referencias, incorporou o selo de benestar animal a todas as súas carnes brancas e continuou a reducir o plástico e a mellorar a reciclabilidade dos seus envases, con máis de 180 referencias ecodeseñadas.
Hai dous anos, EROSKI converteuse na primeira empresa de distribución en España en introducir a nova etiquetaxe ambiental Planet Score e o ano pasado as súas tendas ampliaron a unha trintena os produtos de alimentación e frescos sinalizados con este selo.
Ademais, o ano pasado EROSKI obtivo a certificación Leed Gold pola súa tenda sostible de Lakua-Arriaga de Vitoria-Gasteiz, un selo que acredita que o edificio é sostible e que se construíu baixo os estándares de ecoeficiencia. Trátase do supermercado máis sostible de toda a súa rede comercial e marca un novo modelo enerxético para as súas tendas.
Máis de 15 anos de colaboración
EROSKI e WWF colaboran dende hai máis de 15 anos en distintas iniciativas para o desenvolvemento de distintas políticas ambientais no tocante á explotación sostible de caladoiros, a mellora na eficiencia enerxética, a promoción dun consumo máis responsable, a promoción de pesca sostible ou o lanzamento de produtos de marca propia EROSKI con boas prácticas sostibles. Ademais, WWF colabora coa revista www.consumer.es publicando contidos na súa canle de medio natural e avala o programa da cooperativa sobre alimentación saudable Ekilibria.
Por outra banda, WWF segue a desenvolver contidos pedagóxicos para un módulo específico sobre sustentabilidade dentro do Programa Educativo sobre Alimentación e Hábitos Saudables que desenvolve a Escola de Alimentación EROSKI en colaboración con centros escolares de toda España.
Compartir en: