• As tendas EROSKI sinalizan xa 29 produtos alimentarios con esta etiquetaxe que informa sobre o seu impacto global no medio natural

  • Tamén comezou a incorporar de xeito pioneiro o selo Planet Score no envase dalgúns produtos da súa marca

  • EROSKI validou o uso desta etiquetaxe nunha enquisa coa participación de centos de persoas consumidoras

Hai un ano EROSKI converteuse na primeira empresa de distribución en España en introducir unha nova etiquetaxe ambiental nunha decena de produtos da súa marca. Dende este mes, as tendas EROSKI ampliaron a 29 os produtos de alimentación e frescos sinalizados co selo Planet Score. Deste xeito EROSKI avanza nos seus compromisos para favorecer un consumo responsable e a transparencia de información ao consumidor, co obxectivo de lles facilitar unha compra máis sostible ás persoas consumidoras.

Esta etiquetaxe pretende comunicar de maneira sinxela o impacto global do alimento no medio natural, co fin de lles proporcionar ás persoas consumidoras información útil para unha decisión de compra consciente. Para iso analízase o ciclo de vida do produto con base en distintos indicadores. O resultado preséntase cunha puntuación global (nunha escala do A ao E presentada en diferentes cores) e tres indicadores analizados: uso de praguicidas, impacto na biodiversidade e impacto no clima. Ademais, para produtos con ingredientes de orixe animal, inclúe unha valoración sobre o método de crianza, considerando aspectos de benestar animal. Deste xeito, permítelles ás persoas consumidoras comparar produtos dentro dunha mesma categoría de modo sinxelo e, polo tanto, realizar unha compra informada.

Nova iniciativa: incorporación do selo no envase

En paralelo á extensión da etiquetaxe ambiental a novos alimentos no punto de venda, EROSKI tamén comezou a incorporala nalgúns envases. Este avance dá resposta ás achegas recollidas nunha enquisa sobre etiquetaxe ambiental realizada por EROSKI a centos de persoas consumidoras.

“O noso compromiso coa sustentabilidade é firme e inquebrantable, e a sociedade tamén comparte o noso interese en avanzar cara a un consumo máis responsable. As persoas consumidoras trasládannos con rotundidade a necesidade de dispoñer de información máis clara e completa sobre o impacto ambiental dos alimentos para poder realizar unha decisión de compra consciente e aspiran a que este tipo de etiquetaxe se amose nos envases dos produtos. Ademais, de entre os modelos de etiquetas ambientais que lles propuxemos, Planet Score é o preferido para comunicar o impacto ambiental global do alimento”, explica o director de Saúde e Sustentabilidade de EROSKI, Alejandro Martínez Berriochoa.

Dinamismo na información ambiental ás persoas consumidoras

Dende hai anos EROSKI traballa na análise e comunicación do impacto ambiental dos produtos. A publicación pioneira das declaracións ambientais de produtos da súa marca foi un avance recoñecido como unha das innovacións máis destacadas do sector no 2020 polo Observatorio de Innovación en Gran Consumo España, elaborado anualmente polo Institut Cerdà.

Outra das liñas de traballo que EROSKI abriu actualmente no tocante ao cálculo do impacto ambiental dos seus produtos e á súa comunicación ás persoas consumidoras é o proxecto de innovación Ingurulabel, financiado pola convocatoria PEME Circular de Ihobe e liderado polo Basque Food Cluster, que busca impulsar a incorporación da etiquetaxe ambiental nas pemes alimentarias vascas. Como colaboradores do proxecto, dende EROSKI traccionan a participación dos seus provedores locais na iniciativa, que calculará a pegada ambiental dalgúns dos produtos da súa marca. Este proxecto permitirá avanzar na adaptación ás futuras esixencias normativas sobre declaracións ambientais, que buscan combater o greenwashing, como a proposta de Directiva Green Claims da Unión Europea, que se conta con aprobar no 2025.

Respecto polo medio natural

EROSKI está fortemente comprometida co respecto ao medio natural e para iso desenvolve diversas iniciativas que buscan minimizar o impacto da súa actividade no contorno no que opera e alcanzar a neutralidade de carbono no 2050. Entre elas, a comercialización de produtos máis sostibles, o ecodeseño de envases e embalaxes, o uso sostible dos recursos, a redución da súa pegada ambiental, a xestión de residuos seguindo un modelo de economía circular e a preservación da biodiversidade.

Compartir en: