• Durante o mes de febreiro, EROSKI levou a cabo unha campaña para axudar a cubrir as necesidades básicas da poboación afectada que necesita axuda urxente

  • O total do doado por EROSKI e os seus clientes será canalizado á poboación afectada a través do fondo de emerxencias de UNICEF

  • EROSKI complementou a recadación das doazóns dos seus clientes cunha achega adicional

EROSKI e os seus clientes recadaron máis de 300.000 euros na campaña activa nas súas tendas en febreiro para a axuda ás persoas damnificadas polos devastadores terremotos e as súas réplicas que bateron no sueste de Turquía e Siria. Os clientes realizaron un donativo voluntario ao pasaren pola liña de caixas polo importe desexado.

O total do doado por EROSKI e mais os seus clientes será canalizado ao fondo de emerxencias de UNICEF, a través do cal a organización está a atender as necesidades da poboación afectada, xunto ao resto de organizacións internacionais, e en coordinación coas autoridades do país que están a traballar de maneira urxente en Turquía e Siria para apoiar a resposta humanitaria.

“Queremos agradecer a resposta que tiveron os consumidores ante este chamamento. Accións como esta campaña son moi importantes para chegar a onde máis cómpre, e o máis axiña posible”, sinalou o director de Saúde e Sustentabilidade de EROSKI, Alejandro Martínez Berriochoa.

“Agradecemos novamente a resposta de EROSKI e dos seus clientes que, unha vez máis, amosaron a súa solidariedade e compromiso coas nenas, nenos e familias máis vulnerables en emerxencias tan graves como a que se está a vivir estes días en Siria e Turquía. Co apoio de iniciativas coma esta, en UNICEF seguimos a traballar intensamente, como levamos facendo dende o primeiro intre. En Siria, estamos asegurando o acceso á auga potable e ao saneamento, preservando a protección e educación infantil e proporcionando subministracións médicas. En Turquía, os nosos esforzos céntranse no apoio para salvar vidas e mais na busca e rescate en coordinación co goberno turco, expresou Marta López Fesser, responsable de Alianzas Corporativas de UNICEF Comité Español.

Ao recadado nas súas tendas grazas ás doazóns dos clientes, EROSKI achegou unha axuda adicional que se suma aos 7 millóns de euros que o grupo destina anualmente a contribuír en causas sociais.

EROSKI, xunto aos seus clientes, e Fundación EROSKI realizaron doazóns superiores ao medio millón de euros durante as últimas campañas solidarias activadas para axuda a damnificados por desastres naturais e outras causas humanitarias en destinos como Haití (2010 e 2016), Lorca – Murcia (2011), Filipinas (2013), Nepal (2015), Siria (2015), Mallorca (2018), La Palma (2020). A última, o ano pasado, destinouse á poboación afectada pola crise en Ucraína.

Compartir en: