• O ebitda mellora máis dun 26% sobre o mesmo período do exercicio anterior

  • As vendas en alimentación crecen por riba do 11%

  • EROSKI completou unha emisión de bonos por 500 M€ e amortizou anticipadamente o total da súa débeda sindicada ao peche do terceiro trimestre

O grupo EROSKI pechou o terceiro trimestre do presente exercicio, a 31 de outubro do 2023, cun forte crecemento das vendas. Consolida así a tendencia de mellora da facturación estimulada polo esforzo realizado na política de baixada de prezos asumida polo grupo contra a súa marxe bruta.

Concretamente, os ingresos ordinarios do grupo entre febreiro e outubro do 2023 sumaron 3.859 millóns de euros, o que representa un crecemento do 8,7% fronte aos 3.550 millóns de euros obtidos ao peche de outubro do 2022. Destaca o potente impulso comercial das vendas en alimentación, que medran un 11,2% sobre o mesmo período do exercicio anterior ao alcanzaren os 3.659 millóns de euros. Esta progresión vén marcada pola boa recepción que tivo o esforzo de promoción e de contención de prezos realizado polo grupo dende finais do 2021. Este esforzo tivo como resultado o incremento da cota de participación de EROSKI nos seus principais mercados, o que, xunto co intenso plan de eficiencia posto en marcha en todos os ámbitos da organización, permitiu incrementar o seu ebitda, que alcanzou os 254,52 millóns de euros ao peche do terceiro trimestre, o que representa unha mellora superior ao 26% con respecto aos 201,56 millóns do mesmo período do exercicio 2022.

Consolidación da competitividade e do crecemento

“Seguimos consolidando o noso crecemento, cun aumento significativo das vendas en alimentación, superior ao 11%, e da nosa cota de mercado, o que afianza a nosa posición en postos de liderado na zona norte e nos sitúa como cuarto operador no mercado español. Continuamos a impulsar a nosa nova política de prezos a través dunha actividade promocional que contribúe a aliviar o peto das familias e que está a ser recibida con grande aceptación polas persoas consumidoras, o que permitiu un notable crecemento dos ingresos en todos os nosos formatos de tenda”, explicou a CEO de EROSKI, Rosa Carabel.

Durante os nove primeiros meses do exercicio 2023, o grupo EROSKI remodelou 35 establecementos da súa rede de tendas e inaugurou 74 supermercados, entre propios e franquiados.

Refinanciamento e amortización

Ademais, en cumprimento dos seus compromisos financeiros, o grupo amortizou 19 millóns de euros de débeda durante o terceiro trimestre do 2023, situando a débeda sindicada en 874 millóns de euros a peche do devandito período.

A peche do terceiro trimestre, concretamente a finais de novembro, EROSKI redefiniu a súa estrutura financeira ao pechar con éxito unha emisión de bonos por un importe nominal 500 millóns de euros con investidores institucionais exclusivamente e amortizar anticipadamente o total da débeda sindicada do seu anterior acordo de financiamento, cubrindo os compromisos pendentes que tiñan dous prazos de vencemento: o 31 de xullo do 2024 por un importe de 503 millóns de euros e o 31 de xullo do 2027 por un importe de 200 millóns de euros.

Grupo EROSKI

EROSKI é o primeiro grupo de distribución de carácter cooperativo de España e un dos líderes do norte do mercado español, con cotas de mercado do 37% no País Vasco, do 19% en Galicia, do 28% en Navarra e do 21% en Baleares. A súa rede comercial, a peche do terceiro trimestre do 2023, elévase a 1.509 establecementos, entre supermercados, hipermercados, cash & carry e supermercado online, amais de gasolineiras, tendas de deporte e outros negocios non alimentarios. Ademais, conta con máis de 5 millóns de Socios Clientes e con máis de 27.300 Socios Cooperativistas e Traballadores, aos que hai que sumar o colectivo de traballadores das máis de 620 tendas franquiadas.

 

NOTA: Os datos presentados nesta nota de prensa non foron verificados de forma independente e están suxeitos a discusión, finalización, e emenda; foron preparados con fins informativos aos investidores institucionais de bonos sénior garantidos de EROSKI. A Información non está destinada a dar garantías sobre resultados futuros que xurdan despois da data desta nota.

Compartir en: