• O proxecto de EROSKI foi unha das vinte innovacións presentadas esta mañá no Salón de Actos do Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación en Madrid

  • O Observatorio destacou o marketplace de produtos de proximidade que puxo en marcha EROSKI por ser o primeiro en empregar a loxística e a rede de tendas de distribución para a entrega de pedidos de pequenos produtores de proximidade

  • A aposta pola sustentabildade, a contribución á mellora da cohesión social e territorial, a focalización no consumidor e o incremento da eficiencia da cadea son os catro motores que impulsou este ano o Observatorio de Innovación en Gran Consumo

A sexta edición do Observatorio de Innovación en Gran Consumo en España, elaborado anualmente polo Institut Cerdà, recoñeceu o marketplace de EROSKI para produtores locais, EROSKI AZOKA, durante a presentación celebrada esta mañá no Salón de Actos do Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación en Madrid. Na súa sexta edición, o Observatorio de Innovación presentou os novos retos e os vinte proxectos máis innovadores do sector, entre os que se atopa esta iniciativa de EROSKI que, en palabras da directora comercial de Produtos Locais de EROSKI, Asun Bastida, é “unha oportunidade para a xeración dunha comunidade, dun ecosistema que se apoie en dous valores fundamentais: sustentabilidade e responsabilidade social. A web é un punto de apoio que nos permite levar á práctica que é ser unha cooperativa, facer as cousas dun xeito diferente e en colaboración con produtores de proximidade”.

O Observatorio destaca por primeira vez os catro motores que están a impulsar a innovación na cadea de Gran Consumo en España: a aposta pola sustentabilidade, a contribución á mellora da cohesión social e territorial, a focalización no consumidor e o incremento da eficiencia da cadea.

O proxecto EROSKI AZOKA foi seleccionado entre máis de 300 proxectos por un comité de 16 expertos independentes do Observatorio da Innovación, que destaca este marketplace de produtos de proximidade que puxo en marcha EROSKI “por ser o primeiro en empregar a loxística e a rede de tendas de distribución para a entrega de pedidos. Conta con preto de 300 referencias de alimentación fresca, preparada e de bebidas ofrecidas por unha selección de máis de 60 produtores situados na provincia de Guipúscoa”.

EROSKI AZOKA é unha web independente de eroski.es, pero pódese acceder a ela desde a súa páxina principal e coa posibilidade de utilizar a tarxeta de fidelización EROSKI Club. O cliente pode realizar a compra a través desta web, onde atopará a ficha técnica de cada produto e mais a do produtor. O cliente recibe o pedido no domicilio ou ben pódeo recoller na tenda, nunha zona especial para a recollida. Os clientes poderán atopar produto fresco, produto elaborado e gamas especiais como produtos de quilómetro 0, produtos artesáns ou produtos ecolóxicos locais. Destaca tamén o papel activo do produtor na construción da proposta comercial e na xestión dos seus produtos.

O primeiro punto de recollida de EROSKI AZOKA atópase no centro de Amara, en Donostia. O proxecto inclúe un elemento relacional. Propón a posibilidade de que o propio produtor estea na tenda no momento da entrega do produto para coñecer o cliente e explicarlle como se elabora e resolver as dúbidas que lle poidan xurdir. Organízanse tamén presentacións, degustacións ou eventos con produtores locais para reforzar o valor de proximidade entre cliente e produtor.

Apoio ao sector agroalimentario local

EROSKI comercializa máis de 2.000 produtos procedentes de máis de 300 pequenos produtores agroalimentarios do País Vasco, a quen realiza compras a través de acordos a medio-longo prazo que achegan estabilidade para un sector agroalimentario sostible e altamente diversificado. No conxunto de sectores económicos do País Vasco, EROSKI colabora con 1.900 provedores locais aos que realiza unhas compras anuais superiores aos 650 millóns de euros.

O modelo comercial ‘contigo’ polo que aposta a cooperativa nas súas tendas impulsa un tecido produtivo agroalimentario local altamente diversificado como elemento clave para a sustentabilidade do sector e a súa contribución á economía, a cultura e a paisaxe da contorna próxima a cada unha das súas tendas.

Compartir en: