A startup Let’s Cook foi seleccionada para a primeira edición de EROSKI Venture Program
Aposta pola innovación aberta e pola emprendizaxe corporativa

Eroski Venture Program afronta novas formas de colaboración co tecido emprendedor
O programa afronta novas formas de colaboración co tecido emprendedor e ofrece a posibilidade de realizar a validación das solucións xunto ao equipo de EROSKI
EROSKI seleccionou a startup Let’s Cook na primeira edición do programa Venture Program para desenvolver un plan de traballo entre ambas as dúas entidades no que se contempla a definición das oportunidades conxuntas, a conceptualización de novas propostas de valor e a súa validación. A empresa elixida conta cunha interface que ofrece plans de subscrición a diferentes menús gastronómicos que lle facilitan ao usuario unha gran variedade de receitas e de ingredientes para os poder levar a cabo. Os obxectivos de Let’s Cook, en liña cos valores de EROSKI, céntranse en economizar o tempo do usuario, ofrecerlle a opción de comer saudable e variado e combater o desperdicio alimentario.
Un dos obxectivos de EROSKI con este programa é posicionarse como referente no mundo do emprendemento. “Durante o período da convocatoria recibimos ducias de aplicacións relacionadas coas temáticas de optimización dos procesos no punto de venda e con ofrecer unha experiencia de compra áxil, sen fricción e personalizada para facilitar hábitos de consumo saudables e sostibles, todo desde un enfoque de xeración de novo negocio. A proposta de Let’s Cook que seleccionamos axunta varios destes elementos e permítenos explorar como democratizar propostas de valor que non chegaran aínda a unha boa parte da poboación”, explica o director de Innovación e Desenvolvemento Dixital de EROSKI, David Sánchez.
“Estamos moi agradecidos de ser a opción seleccionada por parte de EROSKI. Nos vindeiros meses traballaremos a carón de EROSKI para construírmos unha proposta aínda máis atractiva para os nosos usuarios e para todos aqueles que valoran ter acceso a unha alimentación saudable, variada e conveniente”, comenta o seu cofundador, Gustav Johansson.
Creación de novos modelos de negocio
Eroski Venture Program aposta pola innovación aberta como motor para ofrecer as mellores solucións aos retos do sector e para descubrir novas oportunidades en forma de novos negocios. O obxectivo do programa é complementar a estratexia de corporate venturing de EROSKI mediante colaboracións con solucións provenientes da emprendizaxe innovadora en modelos de relación que van alén de relacións cliente-provedor. Trátase dun programa dirixido a startups, emprendedores e proxectos que busquen ter un impacto positivo na cadea de valor do sector e que se sustenten en novas tecnoloxías rapidamente escalables que se poidan complementar coas capacidades, procesos e outros activos físicos ou dixitais de EROSKI. “Representa un punto de entrada e de crecemento para que os emprendedores lancen, aceleren e escalen as súas solucións xunto a un dos grupos de distribución polo miúdo de bens e servizos de gran consumo de carácter cooperativo máis grande de Europa e referente do sector“, sinala David Sánchez.
Pola súa metodoloxía e enfoque a resultados, o programa ten o potencial de impulsar de xeito significativo as solucións que se xeren. Igualmente, axuda o emprendedor a aumentar a súa rede de contactos a través da rede e mapa de relacións de EROSKI e acompañarao no proceso mediante unha monitorización continua e un roadmap personalizado aos seus obxectivos.
Compartir en: