Carta do President

Diversos motivos fan do 2019 un ano salientable para EROSKI. Un deles é, sen ningunha dúbida, a celebración do noso 50 aniversario. Ademais, logramos un bo acordo de refinanciamento e alcanzamos unha alta porcentaxe de renovación da nosa rede de tendas para o modelo “contigo”. Foi tamén un ano de notables avances en proxectos relacionados coa saúde e a sustentabilidade, como a crecente implantación da etiquetaxe nutricional avanzada Nutri-Score de maneira pioneira na distribución en España, ou a posta á disposición da nosa clientela de diferentes opcións en lugar das bolsas de plástico tradicionais ou de envases alternativos máis sostibles. Así mesmo, a aprobación da nova Lei de Cooperativas proporciónanos un marco normativo máis concreto que nos posibilita competir e desenvolvernos en igualdade de condicións con outras organizacións de diferente estrutura xurídica.

A fusión de sete pequenas cooperativas de consumo alá por 1969 supuxo o xerme deste grupo que, após medio século de funcionamento, situouse entre os principais da distribución en España. Cincuenta anos dun proxecto empresarial baseado nas persoas e na cooperación. Nese percorrido, en EROSKI permanecemos moi próximos aos consumidores e consumidoras, evolucionando á vez que a sociedade e adaptándonos ás súas necesidades e hábitos de consumo. E fixémolo fieis á nosa razón de ser e á natureza cooperativa. Contribuír á mellora da calidade de vida e influír positivamente no desenvolvemento sostible son dous dos compromisos históricos que EROSKI adquiriu cos consumidores e coa sociedade na súa orixe, e forman parte tamén hoxe da cultura que nos distingue e que vertebrou no tempo a nosa evolución como organización de consumidores e como axente dinamizador moi activo en responsabilidade social.

Enfrontámonos aos retos e tendencias que expón o consumidor actual: as vendas multicanle, a compra de conveniencia, as necesidades dos nosos maiores, a atención á saúde, as compras experienciais ou o crecemento do mercado “verde” e do “local”. Esta sociedade hipercomunicada esixe cambios (e faino con rapidez, como nunca antes) a empresas de todo tipo de sectores, ás institucións, a todos. A alimentación non foxe desta tendencia, asociámola con todos os bens e todos os males que nos acontecen: a saúde, as doenzas, a contaminación (os plásticos nos mares, o aceite de palma, a deforestación, o final dos recursos…). E a tenda é o lugar onde cristalizan —facéndose visibles— todas esas preocupacións. Só hai unha maneira de facer fronte a esta situación: asumir o cambio, aceptar o reto proposto e construír as solucións. E nós non nos imos esconder. Declarámonos corresponsables e asumimos a nosa parte de responsabilidade para sermos consecuentes con ela. Queremos modificar a nosa actuación como empresa de distribución e tamén queremos influír nos nosos socios clientes, para que modifiquen a súa, a través da información e da formación. A EROSKI correspóndelle actuar para a transformación social co noso proxecto cooperativo, buscando o benestar sostible e, para iso, debemos orientar os esforzos máis para o lado da acción que para o da xustificación.

Hoxe, EROSKI é o resultado claro dun traballo con gran capacidade de achega á sociedade. Despois dun 2019 notable, no que celebramos medio século de existencia, profundaremos en ofrecer aos nosos socios clientes e aos consumidores mellores opcións para facer que as súas compras e consumos sexan máis saudables e máis sostibles desde o punto de vista social e ambiental. Tamén profundaremos no desenvolvemento tecnolóxico, que nos permitirá conseguir desenvolvementos innovadores tan diversos como unha xeración de tendas moito máis eficientes enerxéticamente, ferramentas que posibiliten propostas personalizadas aos clientes ou modelos comerciais de seccións que propicien unha relación persoal e directa coa marca. Traballaremos para propor un amplo conxunto de canles e formatos desde os que os consumidores e consumidoras poidan realizar a súa compra. Xa percorremos un bo treito nese camiño, pero aínda queda moito por facer, e queremos acelerar o noso empeño nesa dirección, impulsados pola fortaleza colectiva interna que nos permitiu chegar ata aquí e que seguro que nos permitirá gañar o noso lugar no futuro respondendo ao que a sociedade espera e merece de EROSKI.

Animo á lectura deste informe anual para coñecer con máis detalle o noso desempeño en 2019 e as nosas accións derivadas do compromiso co desenvolvemento sostible, que referendamos en 2002 coa nosa adhesión ao Pacto Mundial e que renovamos anualmente, en coherencia coa nosa misión e coa decidida vocación de contribuír significativamente á consecución dos 17 Obxectivos de Desenvolvemento Sustentable (ODS) das Nacións Unidas. Esperamos que lles resulte interesante e inspiradora.

Moitas grazas.

Agustín Markaide
Presidente do Grupo EROSKI