Carta do Consello Reitor de EROSKI

Fago esta reflexión sobre o que supuxo o exercicio de 2019 para o noso proxecto cooperativo nun momento excepcional, como é a crise sanitaria da COVID-19, que condicionará, como mínimo, o futuro inmediato da nosa sociedade e, polo tanto, a de EROSKI. Esta situación evidenciou a necesidade de algo que nos caracteriza como organización, e que en 2019 recoñecemos no 50 aniversario da nosa creación: situar ás persoas no centro do noso traballo, orientar o esforzo de cada persoa en beneficio da colectividade e alimentar a solidariedade coa sociedade e en especial cos máis desfavorecidos.

Após 50 anos de traballo cooperativo, en 2019 constatamos importantes avances na adaptación da nosa organización ás necesidades dos socios consumidores, con apostas claras en aspectos chave como son a saúde e a sustentabilidade. Neste sentido, o noso modelo de goberno, no que a capacidade de decisión dos socios traballadores e dos socios consumidores marca as directrices do noso proxecto, está a demostrar a súa eficacia para facer realidade o noso compromiso coa contorna social.

Nestas cinco décadas foron moitas as persoas que desde dentro da nosa organización e desde a colaboración, a dedicación, a profesionalidade e a sensibilidade social contribuíron de forma determinante a que EROSKI sexa hoxe un referente no sector e que a nosa identidade estea amplamente recoñecida, como organización solidaria e comprometida coa saúde e o benestar social. A todas elas quero amosar o noso máis sincero agradecemento.

A nosa evolución como empresa foi da man das transformacións producidas na sociedade. E as nosas singularidades como organización permitíronnos facelo con certa anticipación. Desde as nosas orixes construímos o noso proxecto baseándonos na proximidade cos consumidores e consumidoras, que foron o catalizador do noso traballo e das nosas actuacións, para poder adaptalas ás súas necesidades e hábitos de consumo.

O presente está cheo de novos desafíos e estamos preparados para afrontalos coas nosas fortalezas. Co compromiso dos socios traballadores e coa implicación dos nosos socios clientes, cuxa participación foi decisiva en iniciativas comprometidas coa saúde e a sustentabilidade, dous elementos que son a punta de lanza da nosa oferta ao consumidor. Un claro expoñente deste compromiso é a consecución en 2019 do Premio NAOS, que concede a Axencia Española de Seguridade Alimentaria e Nutrición, e que recoñece a nosa contribución á adopción de hábitos alimentarios saudables entre a poboación.

2019 foi tamén un ano con importantes decisións no eido societario. Alcanzamos un acordo sólido para a reestruturación financeira e a nova Lei de Cooperativas representa un fortalecemento do noso proxecto. Ambos os casos constitúen un bo respaldo para afrontar o futuro con optimismo e con ilusión renovada na tarefa que temos por diante, para continuar proporcionando maiores cotas de benestar á sociedade no noso ámbito de actuación.

Os logros conseguidos baixo a fórmula da cooperación e a atención posta nos consumidores e consumidoras foron moi importantes nestes 50 anos. A nosa contribución ao benestar da sociedade demostra que a fórmula funciona. Debemos perseverar nesta dirección, mantendo sempre claro quen son os propietarios e protagonistas do noso proxecto, os socios traballadores e os socios clientes, e para eles é todo o que EROSKI xera, para a sociedade na que opera, impulsando iniciativas solidarias e de responsabilidade social, e tendo sempre presente que no centro do noso traballo estará sempre mellorar a calidade de vida das persoas, que é para o que se creou hai 50 anos como cooperativa de consumo, e debemos ter presente sempre.

Leire Mugerza
Presidenta do Consello Reitor de EROSKI