Sala de prensa

Volver a todas as noticias

O grupo EROSKI pecha o primeiro trimestre do exercicio 2026 cun resultado positivo de 17,8 millóns de euros

  • As vendas brutas do grupo acadan os 1.434 millóns de euros, un 3,5 % máis que no mesmo período anterior.
  • O beneficio antes de financeiros e impostos sitúase en 40 millóns de euros.
  • A cooperativa mantén a súa aposta polo aforro para as familias, a calidade da súa proposta comercial e o crecemento eficiente da súa rede comercial.

O Grupo EROSKI pechou o primeiro trimestre do exercicio 2026 (do 1 de febreiro ao 30 de abril) cunhas vendas brutas de 1.434 millóns de euros, dos cales 1.356 millóns de euros corresponden ao ámbito alimentario, o que supón un aumento do 3,5 % respecto ao mesmo período do exercicio anterior. O beneficio antes de financeiros e impostos acadou os 40 millóns de euros.

A evolución do negocio durante o trimestre desenvolveuse nun contexto marcado polo aumento de determinados custos operativos, especialmente en distribución e enerxía, derivados da volatilidade dos mercados internacionais. A pesar disto, o Grupo EROSKI mantivo unha evolución comercial positiva e continuou a avanzar nos seus obxectivos de crecemento e eficiencia.

O resultado positivo do grupo ascendeu ata os 17,8 millóns de euros, un 35 % superior ao do primeiro trimestre do ano anterior.

Estes datos reflicten a solidez do modelo de negocio de EROSKI nun contexto que segue a estar marcado pola sensibilidade ao prezo das familias e unha contorna económica esixente.

Durante o período, o Grupo EROSKI continuou a reforzar a súa proposta comercial para ofrecer unha cesta da compra competitiva, mantendo ao mesmo tempo o seu compromiso coa calidade, os produtos frescos, a alimentación saudable e o apoio ao tecido produtivo local.

«A evolución que se rexistrou durante o primeiro trimestre reflicte a solidez do noso modelo de negocio e a boa resposta das persoas consumidoras a unha proposta que se basea no equilibrio entre aforro, calidade e proximidade. Operamos nunha contorna esixente, marcada pola incerteza e a presión sobre determinados custos de actividade, pero seguimos a avanzar no noso plan estratéxico cunha estrutura financeira reforzada que nos permite impulsar o crecemento, mellorar a nosa eficiencia e seguir a xerar valor para os nosos grupos de interese», asegurou Rosa Carabel, CEO do Grupo EROSKI.

Execución do plan estratéxico

Durante o primeiro trimestre, o Grupo EROSKI continuou a desenvolver as liñas de actuación que se describen no seu plan estratéxico «Crear e medrar», orientadas a fortalecer a súa competitividade, mellorar a experiencia de compra e consolidar un crecemento rendible e sostible.

Neste contexto, o grupo mantivo o impulso do seu crecemento comercial coa apertura de 21 novos establecementos (1 de lecer e deportes e 20 supermercados), ao tempo que continuou a avanzar na modernización da súa rede comercial e no desenvolvemento de iniciativas co obxectivo de fortalecer a relación coa clientela e mellorar a eficiencia operativa.

Competitividade e adaptación á contorna

O Grupo EROSKI continúa centrado en reforzar a súa competitividade e avanzar nos seus obxectivos de crecemento nun contexto que segue a caracterizarse pola incerteza, a evolución dos custos e a elevada sensibilidade das persoas consumidoras ao prezo.

Para iso, realiza un seguimento permanente da evolución dos mercados, do comportamento de consumo e dos principais factores que inflúen nos custos de actividade, co obxectivo de adaptar de forma áxil as súas decisións comerciais e operativas ás necesidades das familias e á evolución da contorna.

Todo nunha etapa que está marcada por unha estrutura financeira normalizada que reforza a súa capacidade para seguir medrando, investindo e xerando valor para as persoas consumidoras, traballadoras, provedoras e para o conxunto da sociedade.