• A enerxética asesorará e axudará a EROSKI para acometer os mellores proxectos de eficiencia enerxética e descarbonización baseándose nos seus consumos e nas posibilidades das súas instalacións

  • Todas as actuacións que EROSKI acometa nos seus centros para mellorar a súa eficiencia enerxética irán asociados a Certificados de Aforro Enerxético (CAES), que xestionará Iberdrola

  • Un dos fitos máis importantes de EROSKI é o seu ambicioso compromiso de alcanzar as cero emisións netas de gases de efecto invernadoiro no 2050

Iberdrola e EROSKI deron un paso máis no seu acordo de colaboración e traballarán xuntas para reduciren a pegada de carbono de todos os centros da cadea de supermercados a través de diferentes solucións de electrificación. Os supermercados e centros de traballo de EROSKI reducirán as súas emisións xeradas e poderán aforrar na súa factura enerxética a través de diferentes actuacións. A electricidade procedente de fontes renovables é a solución enerxética máis eficiente, e permite á súa vez a independencia dos combustibles fósiles.

Iberdrola analizará e estudará as diferentes alternativas que EROSKI pode levar a cabo a través dunha auditoría enerxética e asesoraraa para acometer os mellores proxectos de eficiencia baseándose nos seus consumos e instalacións.

Todas as actuacións que EROSKI acometa nos seus centros para mellorar a súa eficiencia enerxética suporán aforros adicionais para EROSKI a través do sistema de Certificados de Aforro Enerxético (CAES), que xestionará e tramitará Iberdrola.

Os proxectos serán xestionados a través da plataforma Net Zero Emissions Manager, recentemente lanzada froito da adquisición do 100% de Balantia por parte de Iberdrola. A ferramenta calcula a pegada de CO2, determinando os procesos de maior impacto, e elabora de xeito automatizado un plan de descarbonización enfocado no cumprimento normativo e de obxectivos climáticos de cara ao 2030 e 2050. Ademais, xestiona os datos de inventarios de equipos, perfís de activos e facturas.

Este novo acordo enfocado á redución de emisións supón unha mostra máis do compromiso das dúas compañías para avanzar na transición enerxética. En xuño do pasado ano, ambas as dúas compañías anunciaron a instalación de 1.000 puntos de recarga para vehículos eléctricos, alimentados con enerxía 100% verde procedente de fontes renovables con certificado de garantía de orixe (GdO), en arredor de 300 localizacións do grupo de distribución.

Este acordo reforza a estratexia de descarbonización de Iberdrola e evidencia a necesidade de colaboración de todos os axentes implicados no camiño cara á transición enerxética. Unha vez máis, o grupo EROSKI é un claro aliado para avanzar neste camiño de loita polo medio natural e para mellorar a nosa sociedade“, explicou Eduardo Lobato, delegado comercial de zona Norte de Iberdrola.

“Os nosos esforzos para avanzar cara á neutralidade de carbono no 2050 céntranse, en primeiro lugar, en dar reducido ao máximo as nosas emisións polas actividades que controla directamente a organización. As pancas para iso son a mellora da eficiencia dos nosos equipos e procesos, o aumento do uso de enerxías renovables e un aprovisionamento máis sostible en todas as nosas actividades, dende plataformas e centros loxísticos a tendas e frotas máis sostibles,”, subliña o director de Saúde e Sustentabilidade Alejandro Martínez Berriochoa.

 

EROSKI: Compromiso coa loita contra o cambio climático

O grupo EROSKI está fortemente comprometido co respecto ao medio natural e, para iso, desenvolve distintas accións enfocadas á mellora dos seus produtos, procesos e á sensibilización de consumidores e traballadores. Xa que logo, redobrou os seus esforzos en materia de sustentabilidade e un dos fitos máis importantes é o seu ambicioso compromiso de alcanzar as cero emisións netas de gases de efecto invernadoiro no 2050. Este reto atópase enmarcado na súa adhesión ao Código de Conduta sobre negocio responsable de alimentos e prácticas de márketing da Unión Europea.

EROSKI logrou dúas estrelas Lean & Green por alcanzar o obxectivo de reducir un 30% as súas emisións de CO2 nos procesos de loxística e transporte durante os últimos catro anos. Ademais, reduciu máis dun 40% as emisións de gases de efecto invernadoiro de alcance 1 e 2 dende o 2017, sumou novos produtos ecolóxicos á súa gama, que xa fan máis de 1.400 referencias, incorporou o selo de benestar animal a todas as súas carnes brancas, e continuou a reducir o plástico e a mellorar a reciclabilidade dos seus envases, con máis de 180 referencias eco deseñadas. Hai dous anos converteuse na primeira empresa de distribución en España en introducir a nova etiquetaxe ambiental Planet Score e o ano pasado as súas tendas ampliaron a unha trintena os produtos de alimentación e frescos sinalizados con este selo.

Ademais, no 2023 EROSKI obtivo a certificación Leed Gold pola súa tenda sostible de Lakua-Arriaga de Vitoria-Gasteiz, un selo que acredita que o edificio é sostible e que se construíu baixo os estándares de ecoeficiencia. Trátase do supermercado máis sostible de toda a súa rede comercial e marca o novo modelo enerxético para as súas tendas.

 

Iberdrola: Impulso á descarbonización

Ante a necesidade de electrificar a economía por ser a opción máis eficaz e de menor custo para a descarbonización, Iberdrola España conta cunha ampla gama de produtos e servizos que favorecen a eficiencia, o aforro enerxético e o coidado do medio natural, e que asemade sitúan o cliente no centro dotándoo de maior conectividade e capacidade de decisión.

Estas solucións divídense en Smart Mobility, como solución integral para vehículos eléctricos; Smart Solar, para o autoconsumo fotovoltaico; Smart Services, con servizos de tranquilidade e asesoramento enerxético, destinados a mellorar a eficiencia e o aforro enerxético; e Smart Clima, para solucións de calefacción e refrixeración e rehabilitación enerxética.

 

Compartir en: