• O obxectivo é desenvolver proxectos e establecer marcos colaborativos en áreas como a innovación, a formación e a divulgación de contidos relacionados coa saúde, a sustentabilidade e o impulso do produto local

  • EROSKI e Basque Culinary Center comparten o obxectivo de promover proxectos que transformen o xeito de entender a alimentación e a gastronomía

EROSKI e Basque Culinary Center renovaron o seu acordo de colaboración por outros catro anos, fortalecendo unha relación que xa se estende máis dunha década. Esta alianza estratéxica continuará a promover a innovación, a formación e a divulgación da gastronomía, cun enfoque especial na saúde e na sustentabilidade.

O acordo, rubricado polo director xeral de Basque Culinary Center, Joxe Mari Aizega, e mais polo secretario xeral de EROSKI, Mikel Larrea, reafirma o compromiso de ambas as dúas organizacións de desenvolver proxectos que beneficien tanto aos profesionais da gastronomía como á cadea de valor e á sociedade.

“A renovación deste convenio con Basque Culinary Center, un referente indiscutible no eido da gastronomía, reflicte o noso compromiso continuo de educar e informar as persoas consumidoras sobre a importancia de adoptar hábitos de vida saudables, moitos dos cales teñen que ver coa alimentación. Esta colaboración permítenos promover o valor dos produtos locais, recoñecendo a súa relevancia alén da cociña. Ademais, reforza a nosa aposta pola innovación como motor para construírmos un futuro próspero e sostible, considerando non só o impacto ambiental, senón tamén os aspectos sociais e económicos que enriquecen a nosa sociedade. Facelo da man de Basque Culinary Center é garantía de compromiso e de vangarda. Estamos moi satisfeitos de reforzar a nosa relación para acometer novos proxectos de desenvolvemento, formación e innovación, afirmou o secretario xeral de EROSKI.

Pola súa banda, o director xeral de Basque Culinary Center manifestou que “é un pracer para Basque Culinary Center contar cun patrón como EROSKI co que compartimos valores e unha visión única dos sectores da alimentación e da gastronomía que nos permitiu traballar en proxectos estratéxicos moi relevantes. Ao longo da nosa colaboración traballamos en eidos como a formación, a innovación e a divulgación de coñecemento gastronómico, impactando de maneira positiva na sociedade. Esta renovación reafirma e consolida unha relación que se estende por máis de 10 anos e que nos permitirá continuar a ollar para o futuro e afrontar novos e ilusionantes retos”.

Proxectos conxuntos e áreas de colaboración

A colaboración entre EROSKI e Basque Culinary Center ao longo destes 12 anos manifestouse nunha variedade de proxectos que abranguen dende a avaliación da calidade de produtos ata a educación en hábitos alimentarios saudables. Ademais, as dúas organizacións traballan en proxectos de I+D+i para desenvolver produtos alimenticios con valor engadido, promovendo a innovación no sector.

Unha área relevante de traballo é a formación. Destaca a colaboración no ámbito da sensibilización sobre a importancia de ter unha alimentación equilibrada e de seguir uns hábitos de vida saudables, con programas como o “Chef da clase”, con 75 obradoiros impartidos por Basque Culinary Center nas aulas EROSKI, ou as colonias gastronómicas de verán para mozos. Estes proxectos contribúen á divulgación da gastronomía, á sensibilización da xente nova sobre a importancia dunha alimentación equilibrada e a súa relación coa saúde, e mais a mostrar como planificar unha dieta equilibrada (baseada na pirámide alimenticia) desenvolvendo un menú semanal, e tamén a inculcar que a cociña non é só un instrumento para nos alimentarmos, senón que transcende ao xeito no que nos relacionamos co noso contorno social e natural.

Amais da formación enfocada á mocidade, tamén se desenvolven conxuntamente proxectos divulgativos, como o programa de obradoiros e cursos intensivos para entusiastas da gastronomía.

Igualmente, ambas as dúas entidades organizan “EROSKI-BCC Onenak”, unha iniciativa que anualmente recoñece a profesionais con proxectos emprendedores que se desenvolven nos eidos da sustentabilidade, o produto local, a innovación ou a saúde. Ademais, pon en valor o traballo realizado apostando polos novos talentos como motor de cambio do sector da alimentación e da gastronomía.

A innovación en conceptos gastronómicos é outra das liñas estratéxicas de traballo en común entre EROSKI e Basque Culinary Center, que apostan polo desenvolvemento de proxectos conxuntos levados a cabo por profesionais de ambas as dúas organizacións.

Ollando para o futuro

A renovación deste acordo non só asegura a continuidade nestes proxectos, senón que tamén abre a porta a novas iniciativas que poidan xurdir. EROSKI e Basque Culinary Center están comprometidos a seguir liderando a innovación e a educación gastronómica, respondendo aos desafíos da alimentación moderna e promovendo unha alimentación informada, saudable e sostible.

Compartir en: