• O deseño destas tendas destaca pola rapidez coa que permite realizar a compra, normalmente de camiño á casa ou ao traballo en áreas urbanas, ou en calquera momento do día nas zonas turísticas

  • Medra tamén o número de establecementos deste formato en estacións de servizos, e actualmente EROSKI conta con 30 supermercados franquiados

  • Mantén o ritmo de aperturas de franquías de anos anteriores, que bota un balance de 294 inauguracións nos últimos cinco anos e que supera os 600 supermercados franquiados

  • EROSKI recibiu este ano o Premio ao Mellor Franquiador do ano na categoría de alimentación outorgado pola Asociación Española de Franquiadores (AEF

EROSKI alcanzou a cifra dos 52 establecementos franquiados coa insignia Rapid, o seu formato de ultraproximidade e conveniencia en 150 metros cadrados, adaptable a calquera situación -cidades, gasolineiras, universidades, zonas turísticas ou praias- e onde é posible facer unha compra cómoda, rápida e completa.

Estes establecementos Rapid contan cun amplo horario de apertura e os consumidores poden atopar ata 4.500 referencias, unha ampla oferta de alimentos frescos, froitas e verduras por xunto e mais carne envasada, e dispón ademais dun forno propio para ofrecer sempre pan fresco e bolería. Ademais, ofrecen unha sección de produtos de saúde e ecolóxicos e a súa variedade en alimentación, bebidas, droguería e perfumería inclúe marcas líderes de fabricantes e mais a marca propia EROSKI.

O modelo Rapid de EROSKI ofrécelles aos seus clientes un formato de conveniencia e ultraproximidade. O deseño das súas tendas destaca pola rapidez coa que permite realizar a compra, decote de camiño á casa ou ao traballo en áreas urbanas, ou en calquera momento do día nas zonas turísticas. Responde á “falta de tempo” dun público que precisa realizar compras para cubrir necesidades non previstas ou diarias, xa que este formato permite realizar unha compra completa en frescos e alimentación. As tendas incorporan, ademais, innovacións tecnolóxicas para mellorar a eficiencia enerxética e reducir o impacto ambiental. Trátase de novos sistemas e equipamentos eficientes de frío e climatización.

Por outra banda, EROSKI está a espallar este formato de supermercados franquiados por estacións de servizo e conta xa con 30 tendas en gasolineiras de todo o país. Nestes establecementos os consumidores poden atopar ata 700 referencias e mais un forno propio para ofrecer sempre pan acabado de enfornar e bolería e unha zona de café.

 

Máis de 600 tendas franquiadas

EROSKI superou xa as 600 tendas franquiadas, un fito que pon en relevo un modelo de franquía sólido. “Para chegar a este fito, o primeiro obxectivo que nos marcamos e que cada ano reforzamos é estarmos a carón dos nosos franquiados en todo momento, asesorándoos e buscando a rendibilidade das súas tendas. Os datos demóstrannos que esta é a fórmula adecuada para continuar cun ritmo de crecemento robusto e estable nos vindeiros anos”, salienta o director de Franquías de EROSKI, Alberto Cañas.

EROSKI mantén o ritmo de aperturas de franquías de anos anteriores, que bota un balance de 294 inauguracións nos últimos cinco anos. Continúa a espallar así a súa rede franquiada co foco posto en Cataluña, no País Vasco, en Andalucía, Madrid, Castela-A Mancha, Estremadura e Levante de cara aos vindeiros anos. Durante o exercicio 2023 EROSKI ten previsto inaugurar 65 franquías.

As franquías de EROSKI responden ao modelo comercial “contigo”, que integra todas as características, avances e vantaxes da súa rede de tendas propias EROSKI: a aposta polo produto local e rexional, a promoción da alimentación saudable, a contribución ao aforro dos seus clientes e o seu compromiso coa responsabilidade social e a sustentabilidade a través de iniciativas de solidariedade e de redución do impacto ambiental.

 

Confianza dos franquiados

EROSKI aposta de xeito decidido por achegar ao mercado algo diferente en canto ao modelo de franquía que prima hoxe. “Somos unha empresa de base cooperativa, de traballadores e consumidores, con valores propios. Por iso entendemos as necesidades dos nosos franquiados. Segundo a última enquisa de satisfacción realizada no ano 2023, o 96,14% deles valóranos positivamente”, destaca o director de franquías de EROSKI.

A franquía de EROSKI parte de dúas motivacións diferentes; unha son os emprendedores que buscan o autoemprego para eles e para o seu contorno próximo, que representan o 52% do total dos franquiados, e os outros son empresarios e investidores que buscan diversificar os seus negocios nun sector seguro e nun negocio estable. “O 45% das aperturas da franquía no 2022 corresponden a franquiados que xa teñen unha tenda a canda nós. Ademais, o 42% da nosa rede pertence xa a este grupo de multifranquiados. Isto é un sinal de que o noso modelo de franquía é robusto e fiable. Os nosos franquiados son o que máis nos importa e diferenciámonos doutras cadeas no apoio comercial, no asesoramento e nas medidas de axuda que lles ofrecemos en momentos de maior dificultade ou incerteza, como aconteceu este ano pasado coa guerra, a inflación e os gastos eléctricos”, subliña Alberto Cañas.

 

Premio ao mellor franquiador

Froito de todo este traballo, EROSKI recibiu este ano o Premio ao Mellor Franquiador do ano na categoría de alimentación outorgado pola Asociación Española de Franquiadores (AEF). Este galardón recoñece e pon en valor o apoio e asesoramento aos franquiados de xeito continuo, uns valores diferenciados da organización que se dá trasladado á rede, un sólido plan de márketing para a franquía de EROSKI e, en definitiva, unha excelente xestión da súa rede de franquías.

Por outra banda, EROSKI foi tamén recentemente elixida a mellor franquía de supermercados de proximidade nos premios Comercio do ano 2022-2023, concedidos polas persoas consumidoras no maior certame de consumidores de España e un dos maiores estudos de mercado do sector do retail. “Estes premios supoñen un recoñecemento dos consumidores ao modelo de franquía e aos seus franquiados, que día a día demostraron ser un supermercado de calidade“, sinala Canas.

 

Convenios de colaboración

A cooperativa mantén os seus convenios de colaboración coa Confederación Española de Asociacións de Novos Empresarios (CEAJE), e coa asociación de Traballadores Autónomos (ATA) para apoiar e impulsar o emprendemento entre os novos empresarios e os autónomos. Amais de reforzar o seu compromiso co emprendedor, EROSKI busca contribuír ao desenvolvemento da economía local nas distintas comunidades autónomas.

EROSKI segue a espallar o modelo de empregabilidade para persoas con discapacidade que comezou a desenvolver no 2015 xunto a GUREAK e, posteriormente, en colaboración con entidades como AMPANS ou SOLTRA en distintos puntos de España. O pasado ano EROSKI abriu a cuarta tenda destas características no País Vasco.

Compartir en: