• O incremento de custas e a redución de 1 punto porcentual da marxe bruta reduciron o resultado final ata o 1,32% sobre vendas

  • O ebitda superou os 280 M€ como consecuencia das medidas de eficiencia aplicadas en todos os procesos.

  • Nun contexto especialmente inflacionario, aumentou un 7% a cifra de vendas brutas ata os 5.476 M€

  • No 2022 EROSKI reduciu a súa débeda financeira en 44 M€ ata situala en 909 M€

  • A cooperativa matriz, EROSKI S.Coop., pechou o 2022 cun resultado de 32 M€

O grupo EROSKI pechou as contas do exercicio 2022, a 31 de xaneiro do 2023, cun resultado positivo de 64 millóns de euros. Un exercicio moi afectado polo forte incremento das custas dos produtos vendidos (do 15% de media), parcialmente asumido polo grupo contra a súa marxe bruta, que se reduciu nun punto porcentual, para conter os prezos de venda; cifra significativa nun sector cunhas marxes xa moi axustadas. Así, o resultado do exercicio reduciuse ata o 1,32% das vendas realizadas. Pola súa banda, o ebitda superou os 280 millóns de euros a peche do exercicio, froito das medidas de mellora de produtividade e eficiencia implantadas en diversos procesos da cadea de valor.

As vendas brutas creceron máis dun 7% e alcanzaron os 5.476 millóns de euros, impulsadas principalmente polo efecto da inflación sobre os prezos, que no caso de EROSKI creceron un 12% de media malia ao incremento medio do 15% nos custos dos produtos. Na evolución da cifra de actividade ten tamén un efecto destacado o incremento de vendas dos produtos de marca propia, que medraron un 7% en participación. Así e todo, as vendas descenderon un 2% en volume, por efecto da redución do tamaño da cesta da compra.

“O exercicio 2022 foi positivo malia á súa complexidade. Obtivemos un beneficio inferior ao ano anterior como consecuencia do aumento das custas, da normalización dos resultados financeiros e, de xeito destacado, pola decisión de reducir as nosas marxes para conter os prezos e incrementar a nosa actividade promocional. Con todo, apoiándonos nas melloras de eficiencia e produtividade implantadas, consolidamos os resultados positivos, incrementamos a nosa cota de mercado en zonas de referencia como Galicia e Baleares, revertemos a tendencia en Cataluña, e mantivemos o noso liderado en Navarra e no País Vasco. Polo tanto, o desempeño foi favorable”, afirmou a CEO do grupo EROSKI, Rosa Carabel.

 

 

Beneficio operativo superior aos 204 M€

O beneficio operativo corrente do grupo rexistrou un resultado de 204 millóns de euros, un 10% superior ao do 2021, situándose en ratios sobre vendas similares aos do exercicio anterior.

No contexto de presión inflacionaria do 2022, EROSKI rexistrou un salientable aumento dos gastos relacionados coa súa xestión. Destaca o sobrecusto de máis de 38 millóns de euros que supuxo o incremento de partidas como os arrendamentos, o transporte e o persoal. As medidas de eficiencia implantadas ao longo de toda a cadea de valor da organización alcanzaron os 0.83 puntos porcentuais e permitiron facerlles fronte aos sobrecustos sen ter que incorporalos na súa totalidade aos prezos de venda e mitigar así o efecto sobre os consumidores.

O seu resultado ordinario situouse en 128 millóns de euros. Supón un descenso do 50% con respecto ao mesmo período do 2021. A variación está motivada principalmente polo resultado financeiro; a súa evolución interanual é reflexo da circunstancia extraordinaria do pasado exercicio, derivada do cumprimento dos acordos de refinanciamento.

Expansión e investimentos

O grupo EROSKI reforzou o seu liderado nas rexións do norte de España (dende Galicia a Baleares) onde concentra os investimentos en novos establecementos propios e na transformación da súa rede de tendas. A peche do exercicio 2022, mellorou a súa cota de mercado en Galicia e Baleares e mantense como líder no País Vasco e en Navarra. Ademais, incrementou a súa presenza a nivel nacional a través da inauguración de 78 tendas, entre propias e franquiadas. Coa apertura de 67 franquías, EROSKI elevou por riba dos 600 establecementos a súa rede franquiada. Tamén acometeu a renovación de 91 tendas da súa rede comercial.

No ámbito loxístico, logo dun investimento de 18,5 millóns de euros, finalizou a construción da plataforma de produto fresco de Sigüeiro, a infraestrutura loxística máis grande do sector en Galicia. Un fito que, xunto á inauguración da plataforma loxística de Júndiz (Vitoria-Gasteiz) no 2021 e á posta en marcha da plataforma de frescos de Caprabo na ZAL Port de El Prat de Llobregat a finais do 2020, culmina o redeseño do seu mapa de plataformas de frescos da zona norte, clave para a estratexia de EROSKI arredor do produto fresco e local e para sustentabilidade ambiental e económica da cadea de valor.

Responsabilidade e compromiso, 335 M€ de aforro transferido

EROSKI, en colaboración cos seus provedores, desenvolveu un intenso programa comercial para impulsar o aforro durante o 2022, a través diversas campañas promocionais e do seu club de fidelización. “Fixemos un enorme esforzo para responder ás necesidades do consumidor, intensificando as nosas accións para facilitar o aforro e frear, na medida dos posible, o incremento dos prezos nun contexto inflacionario desmedido. Así, o pasado exercicio transferimos aforros por valor de 335 millóns ás persoas consumidoras a través dunha actividade promocional intensa e dunha vixilancia e axuste dos prezos e demostramos así novamente un nivel moi alto de responsabilidade e compromiso”, explicou Rosa Carabel.

Débeda financeira normalizada

No exercicio 2022 EROSKI reduciu a débeda financeira en 44 millóns de euros, ata situala en 909 millóns de euros, co que sumou unha redución total de débeda de 2.514 millóns de euros dende o 2009.

Liñas extractadas da

CONTA DE RESULTADOS CONSOLIDADA GRUPO EROSKI

En millóns de euros

31/01/2023 31/01/2022
VENDAS BRUTAS (con IVE) 5.475,8 5.116,3
EBITDA 280,5 260,8
, BENEFICIO OPERATIVO * 204,01 185,5
RESULTADO DESPOIS DE IMPOSTOS 63,9 104,6
 

*  Antes de resultado de vendas de inmobilizado, actividades non correntes, deterioracións, financeiros e impostos.

 

A cooperativa obtén 32 M€ de beneficio

Pola súa banda, a matriz cooperativa EROSKI S.COOP. presentou un resultado positivo de 32,07 millóns de euros, igualmente afectado polo impacto do incremento de custas e a súa asunción parcial a través da redución de marxes para minimizar o efecto da inflación no peto das familias.

EROSKI incorporou 1.268 persoas como socios cooperativistas no 2022, co que elevou a cifra total de socios traballadores da cooperativa matriz, ao peche do pasado exercicio, a 9.500 persoas.

 

Sobre EROSKI

EROSKI é o primeiro grupo de distribución de carácter cooperativo de España e un dos líderes do norte do mercado español (Galicia, País Vasco, Navarra, Cataluña e Baleares) cunha cota superior ao 13% nese mercado. A súa rede comercial, a peche do 2022, elévase a 1.656 establecementos, entre supermercados, hipermercados, cash & carry e supermercado online, amais de gasolineiras e outros negocios non alimentarios. Ademais, conta tamén con máis de 6 millóns de Socios Clientes e con máis de 31.000 socios cooperativistas, traballadores e franquiados.

Compartir en: