• Durante os seis primeiros meses do ano, EROSKI doou máis de 1.600 toneladas de alimentos a través do seu programa Desperdicio Cero, equivalente a 6,5 millóns de comidas, grazas á súa colaboración con máis dun cento de entidades sociais

  • Entre as últimas novidades incorporadas atópase a colaboración coa app Too Good To Go, coa que EROSKI xa entregou máis de 283.000 paquetes de produtos a prezos reducidos

  • EROSKI sumouse á VI Semana contra o Desperdicio Alimentario que impulsa AECOC

EROSKI evitou o desperdicio de 11.000 toneladas de alimentos durante o primeiro semestre do 2023 grazas a diversas iniciativas levadas a cabo na súa loita contra o malgasto de alimentos. Son un total de 34 millóns de comidas que equivalen a alimentar a 9.417 familias nun ano.

“O obxectivo de desperdicio cero recóllese nos nosos 10 compromisos pola saúde e a sustentabilidade. É un reto que afrontamos desde a prevención (con ferramentas para adecuar os pedidos e o stock á demanda para minimizar os excedentes), grazas á renovación das nosas instalacións e á cadea de frío para alongarmos a vida útil dos alimentos, e tamén con numerosas ofertas de produtos próximos á súa data límite de venda. Trátase dun compromiso social, o que se traduce en doazóns cotiás de produto en toda a nosa rede comercial a máis dun cento de entidades sociais que atenden a milleiros de usuarios. E non podemos esquecer o impacto beneficioso no ambiental desde un modelo de economía circular, xa que os produtos que non son aptos para o consumo transfórmanse e valorízanse en fariñas e pensos destinados ao consumo animal, o que evita o malgasto de recursos”, explica o director de Saúde e Sustentabilidade de EROSKI, Alejandro Martínez Berriochoa.

Durante os seis primeiros meses do ano, EROSKI dooulles grazas ao seu programa Desperdicio Cero máis de 1.600 toneladas de alimentos a persoas en situación de vulnerabilidade, o que equivale a entregar máis de 6,5 millóns de comidas. Este programa garante que ningún alimento apto para o consumo se desbote nas súas tendas, senón que se lles entrega a organizacións sociais da contorna próxima de cada tenda ou plataforma loxística. Para levalo a cabo, EROSKI colabora coa Federación Española de Bancos de Alimentos -desde 1996- e mais con Cáritas, Cruz Vermella, Asociación Reto á Esperanza, entre moitas outras entidades sociais que axudan a colectivos desfavorecidos e a persoas en risco de exclusión.

Too Good to Go

Unha das últimas novidades incorporadas para reducir o desperdicio alimentario foi a colaboración coa app Too Good To Go, na que restaurantes, hoteis, supermercados e todo tipo de establecementos de alimentación venden a prezo reducido o excedente de comida que non deron vendido ao final do día, pero que é apto para o consumo. A través desta iniciativa, EROSKI ofreceulles aos seus clientes a posibilidade de adquiriren 149.000 paquetes de produtos cunha ampla variedade de alimentos de calidade nesta primeira metade de ano, cifra que ascende a 283.000 paquetes desde o comezo da colaboración no 2022.

Esta iniciativa súmase á promoción que EROSKI fai acotío nas súas tendas de alimentos próximos á súa data de consumo preferente ou de caducidade. Neste sentido, EROSKI comercializou case 7.000 toneladas de alimentos con importantes descontos, o que equivale a evitar o desperdicio de 27 millóns de comidas no primeiro semestre do 2023.

Doutra banda, a cadea de distribución dooulles 72 toneladas de alimentos non aptos para o consumo humano, pero si animal, a refuxios e zoolóxicos, e destinou 2.400 toneladas de subprodutos orgánicos para a produción de pensos e fariñas de orixe animal.

Innovación na xestión circular de residuos

EROSKI participa ademais en proxectos de innovación internacionais para lles buscar novas utilidades a residuos alimentarios e avanzar deste xeito cara á economía circular. É o caso da colaboración en programas financiados pola Unión Europea como son FUSILLI, proxecto para impulsar a transformación dos sistemas alimentarios urbanos a través da implementación de living labs de innovación; FOODRUS, destinado a desenvolver un innovador sistema alimentario circular colaborativo para reducir o malgasto e a perda de alimentos na cadea agroalimentaria e ToNoWaste, dirixido a fomentar unha nova mentalidade de cero desperdicio de alimentos baseada no enfoque holístico. EROSKI colabora tamén no proxecto NOWASTE, financiado pola convocatoria de axudas HAZITEK do Goberno Vasco e desenvolvido polo centro de investigación Tecnalia, que busca desenvolver novos materiais de envasado como saída aos refugallos alimentarios, e centrado en tecnoloxías de visión artificial para reducir o desperdicio alimentario.

EROSKI, ademais, leva a cabo numerosas accións de sensibilización aos consumidores sobre o desperdicio alimentario, xa que, segundo datos do Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación, cada fogar español desperdiciou unha media de 65,5 quilos-litros de alimentos e bebidas durante o ano 2022. Ofrece, por exemplo, recomendacións de compra responsable e conservación dos alimentos e suxestións de receitas de aproveitamento para os seus clientes. Neste contexto, sumouse á VI Semana contra o Desperdicio Alimentario que impulsa a Asociación de Fabricantes e Distribuidores, AECOC, coincidindo con Día Internacional de Concienciación sobre a Perda e o Desperdicio de Alimentos, que ten lugar o 29 de setembro.

Compartir en: