EROSKI e os seus clientes recadan máis de 1.000 toneladas de alimentos a prol dos Bancos de Alimentos
Nova mostra de solidariedade

Nesta edición da tradicional Gran Recollida os clientes fixeron doazóns físicas e económicas de alimentos entre o 24 de novembro e o 3 de decembro
O importe económico recadado permitiralles aos Bancos de Alimentos adquirir produtos para a alimentación de centos de familias durante todo o ano
EROSKI colabora dende hai máis de 25 anos coa Federación Española de Bancos de Alimentos (FESBAL)
EROSKI e os seus clientes doaron máis de 1.000 toneladas de alimentos a prol da Federación Española de Bancos de Alimentos (FESBAL) na súa campaña solidaria da Gran Recollida que tivo lugar entre o 24 de novembro e o 3 de decembro en máis de 1.000 establecementos da súa rede comercial. A cifra equivale a 4,1 millóns de comidas para alimentar a 1.140 familias nun ano.
Coma noutras ocasións, levouse a cabo mediante a dobre modalidade de doazón: a entrega física tradicional de produtos os días 24 e 25 de novembro e, durante toda a acción, as doazóns económicas polo importe que os consumidores desexasen ao pasaren por caixa. Estas achegas quedan á disposición dos Bancos de Alimentos para adquiriren os produtos que consideren máis convenientes para cubriren as necesidades básicas de alimentación das familias en situación de vulnerabilidade durante todo o ano. Coma en anteriores campañas, EROSKI engadiu unha doazón adicional ao total recollido na campaña, que se suma ás achegas que fai anualmente a fins sociais e que ascenden a máis de 10 millóns de euros.
“Un ano máis, querémoslles agradecer aos nosos clientes a xenerosidade e o apoio mostrado aos colectivos máis necesitados. En EROSKI temos un compromiso coa sociedad no que a acción solidaria coas persoas en situación de vulnerabilidad alimentaria ocupa un lugar destacado. Por iso, desde EROSKI un ano máis trasladámoslle o noso apoio ao labor que realizan os Bancos de Alimentos sumando unha achega adicional sobre o total da doazón realizada polos clientes“, afirma o director de Saúde e Sustentabilidade de EROSKI, Alejandro Martínez Berriochoa.
“Queremos agradecer de novo a colaboración de EROSKI con FESBAL nunha situación na que moitas familias afrontan dificultades para cubriren as súas necesidades básicas de alimentación. Grazas a esta campaña continuaremos co noso labor de lles distribuír durante todo o ano produtos aos colectivos máis desfavorecidos a través das entidades benéficas coas que colaboramos”, sinala o director xeral da Federación Española de Bancos de Alimentos, D. Francisco Greciano.
Máis de 25 anos colaborando cos Bancos de Alimentos
A colaboración de EROSKI cos Bancos de Alimentos remóntase a 1996 por proposta do Banco de Alimentos de Biscaia e dos propios consumidores, que lle demandaban á cooperativa iniciativas solidarias dirixidas a colectivos desfavorecidos e a persoas en risco de exclusión social. Naceron así ese mesmo ano as campañas “Operación Quilo” de recollida de alimentos nas tendas EROSKI.
Posteriormente, EROSKI iniciou o seu programa de doazón de produtos que están próximos á súa data de caducidade ou de consumo preferente, pero que se atopan en perfectas condicións de consumo. Grazas a este programa diario de desperdicio cero, doa cada ano máis de 3.600 toneladas de alimentos e de produtos básicos a Bancos de Alimentos e a outras entidades sen ánimo de lucro.
EROSKI foi recoñecida co “Premio Espiga de Ouro”, o máximo galardón que lle outorga a Federación Española de Bancos de Alimentos a aquelas organizacións que destacan pola súa colaboración na redistribución solidaria dos excedentes alimentarios.
Compartir en: