• Máis de 370.000 persoas beneficiáronse desta axuda canalizada a través de 370 entidades sociais

  • EROSKI presenta o seu Plan Solidario para este novo ano e anuncia as causas ás que se vai destinar o recadado a través do seu programa solidario permanente

EROSKI e mais os seus clientes recadaron 23 millóns de euros o pasado ano para axudar a máis de 370.000 persoas a través de case 370 entidades sociais, grazas ás diversas iniciativas desenvolvidas dentro do seu Plan de Solidariedade.

En EROSKI queremos contribuír de maneira efectiva a facer posible unha sociedade máis xusta e solidaria, un compromiso que está recollido nos nosos valores desde a nosa orixe. Agradecémoslles aos nosos clientes que respondesen un ano máis solidariamente a todas as iniciativas para axudarmos entre todos aos colectivos máis necesitados”, explicou o director de Saúde e Sustentabilidade de EROSKI, Alejandro Martínez Berriochoa.

Entre as iniciativas máis salientables do Plan de Solidariedade de EROSKI atópanse as campañas de recollida de alimentos que, desde hai máis de 27 anos, organiza periodicamente nas súas tendas xunto á Federación Española de Bancos de Alimentos (FESBAL). No 2024, EROSKI e mais os seus clientes doaron máis de 2.000 toneladas de alimentos entre A Recollida de Primavera en maio e A Gran Recollida de novembro, o que equivale a 4,6 millóns de comidas para alimentar a 1.269 familias nun ano, destinadas a persoas que atravesan dificultades económicas ou que están en risco de exclusión social.

A este importe súmanse as 2.700 toneladas, o que equivale a case 11 millóns de comidas para alimentar a máis de 2.900 familias, doadas a través do programa ´Desperdicio Cero´, polo cal EROSKI doa produtos frescos e de alimentación que retira dos seus lineais para cumprir co seu compromiso de frescura máxima cos seus clientes, ou simplemente porque o seu envase presenta unha pequena deficiencia, como pode ser un simple golpe ou rotura da embalaxe que impide a súa venda. Todos os alimentos doados por EROSKI están sempre dentro da data de caducidade ou de consumo preferente e en perfecto estado para o seu consumo.

EROSKI conta ademais co programa permanente Céntimos Solidarios, polo cal os clientes poden sumarlle uns céntimos ao seu tícket de compra e destinar esa cantidade á causa social activa nese intre. No 2024, os seus clientes doaron a través desta iniciativa 1,2 millóns de euros grazas a máis de 8 millóns de doazóns, coa finalidade de financiar proxectos de axuda á infancia, conservación do medio natural, loita contra o cancro, apoio aos maiores, ás persoas en risco de exclusión social, con discapacidade ou con enfermidades dexenerativas, e vítimas de violencia de xénero, entre outras. Case 120.000 persoas beneficiáronse desta xenerosidade canalizada a través de 61 entidades sociais.

Logo dunha consulta realizada a máis de 3.700 persoas, entre traballadores, clientes e cidadanía en xeral, na que se presentaron 562 proxectos solidarios, as causas seleccionadas por EROSKI para desenvolver o programa Céntimos Solidarios no 2025 serán a axuda á infancia e ás persoas con cancro, o apoio a vítimas de violencia de xénero, a asistencia ás persoas con enfermidades dexenerativas ou raras, o respaldo a persoas con discapacidade, a colaboración con familias ou maiores en situación de vulnerabilidade, e mais a protección do medio natural e dos animais sen fogar.

Outras iniciativas solidarias

Ademais, EROSKI levou a cabo no 2024 unha campaña puntual de cooperación de emerxencia, a campaña de axuda ás persoas damnificadas polos devastadores efectos da DANA que arrasou varias comunidades autónomas do país e causou incalculables danos materiais na peor gota fría do século. EROSKI deu recadado máis de medio millón de euros que se canalizaron cara á poboación afectada a través de Cruz Vermella.

 

Compartir en: