• Apela á solidariedade dos seus clientes a través dunha doazón voluntaria ao pasaren pola liña de caixas para axudar a cubrir as necesidades básicas da poboación afectada

  • O total do doado por EROSKI e os seus clientes canalizarase cara á poboación afectada a través do fondo de emerxencias de UNICEF

  • EROSKI complementará a recadación das doazóns dos seus clientes cunha achega adicional

EROSKI pon en marcha dende hoxe, 9 de febreiro, en toda a súa rede de tendas unha campaña de axuda de emerxencia para apoiar as persoas damnificadas polos devastadores terremotos e as súas réplicas que bateron o sueste de Turquía e Siria. Os clientes poderán realizar un donativo voluntario ao pasaren pola liña de caixas polo importe que desexen.

O total do doado por EROSKI e os seus clientes canalizarase polo fondo de emerxencias de UNICEF, a través do cal a organización está a atender as necesidades da poboación afectada, xunto ao resto de organizacións internacionais, e en coordinación coas autoridades do país, que están a traballar de maneira urxente en Turquía e Siria para apoiar a resposta humanitaria.

Segundo as autoridades hai milleiros de mortos e outros tantos atópanse feridos ou desaparecidos dende os dous terremotos iniciais de magnitude 7,7 e 7,5 graos. É probable que tamén algunhas escolas, hospitais e outras instalacións médicas e educativas foran danadas ou destruídas. O potencial dano de estradas e infraestrutura complicará os labores de busca e rescate e mais unha resposta humanitaria máis ampla.

“A necesidade de axuda de emerxencia ante esta situación devastadora ínstanos a lles ofrecer aos nosos clientes a posibilidade de canalizaren a súa axuda de xeito urxente, sumándoa á que dende Eroski faremos en primeira persoa. A doazón efectúase ao seu paso por caixa e polo importe que os consumidores estimen. Accións coma esta campaña son moi importantes para chegar a onde máis falta fai, e o máis axiña posible. Estamos seguros de que, unha vez máis, os consumidores responderán ante este chamamento”, declarou o director de Saúde e Sustentabilidade de EROSKI, Alejandro Martínez Berriochoa.

“Atopámonos ante o terremoto máis potente que golpeou a zona en case os últimos 100 anos. Ademais, sucedeu no peor momento para os nenos, nenas e as súas familias, especialmente vulnerables fronte ao frío, e que no caso de Siria levan aturando as graves consecuencias da guerra durante xa 11 anos… A prioridade de UNICEF nestes momentos é garantir que os nenos, nenas e familias damnificadas teñan acceso a auga potable e saneamento para previr enfermidades. O apoio de EROSKI e a súa clientela, que sempre están ao noso carón en situacións de emerxencia, axúdanos a seguir traballando para apoiar a poboación que máis o precisa, onde sexa e cando sexa máis necesario”, expresou Marta López Fesser, responsable de Alianzas Corporativas de UNICEF Comité Español.

Ao recadado nas súas tendas grazas ás doazóns dos clientes, EROSKI engadirá unha achega adicional, que se sumará aos 7 millóns de euros que o grupo destina anualmente a contribuír en causas sociais.

EROSKI e mais os seus clientes e Fundación EROSKI realizaron doazóns superiores ao medio millón de euros durante as últimas campañas solidarias activadas para axuda a damnificados por desastres naturais e outras causas humanitarias en destinos como Haití (2010 e 2016), Lorca-Murcia (2011), Filipinas (2013), Nepal (2015), Siria (2015), Mallorca (2018) e A Palma (2020). A última, o ano pasado, foi destinada á poboación afectada pola crise en Ucraína.

Compartir en: