• A Asemblea Xeral de delegados, máximo órgano de decisión da cooperativa, convocou a 250 Socios Traballadores e a 250 Socios Consumidores

  • Os 32,1 M€ de beneficios da cooperativa destínanse a atender o pagamento de xuros das AFSE e o resto a Reservas

  • A cooperativa alcanzou os 9.500 socios de Traballo

EROSKI celebrou esta tarde a súa Asemblea Xeral Ordinaria anual de delegados en Bilbao (Biscaia), á que estaban convocadas 500 persoas socias representantes dos seus colectivos de Socios Traballadores e Socios Consumidores.

Durante a súa intervención, a CEO de EROSKI, Rosa Carabel, valorou positivamente os resultados económicos do pasado exercicio, que cualificou como “satisfactorios nun contorno económico moi complexo”, lembrando que “foron ben as vendas, medrou o ebitda, o resultado ordinario é moi positivo -grazas ás melloras de eficiencia logradas en todos os procesos e malia ao impacto dos maiores custos-, a situación financeira evoluciona favorablemente e continúa a senda de consolidación económica”. Unhas contas, tanto as anuais individuais da cooperativa como as consolidadas do grupo EROSKI, que a Asemblea Xeral aprobou xunto co informe de xestión do exercicio 2022.

Ademais, Carabel repasou tamén a actividade do exercicio, “marcado pola incerteza xerada pola altísima inflación, o incremento das custas e a tensión nos prezos”. Lembrou “o importante esforzo e o forte investimento en marxe que se realizou para conter os prezos e non trasladar o incremento total das custas ás persoas consumidoras”, matizando que “era algo que dende EROSKI tiñamos que facer como cooperativa de consumo que somos e en resposta á nosa misión de servizo e compromiso coas persoas consumidoras, así como para manter a nosa competitividade“.

As socias e socios cooperativistas presentes acordaron distribuír os 32,1 millóns de euros de beneficios da cooperativa do seguinte xeito: 2,8 millóns de euros ao pagamento de xuros das AFSE (Achegas Financeiras Subordinadas) que son fondos propios da cooperativa, e a reservas os 29,3 millóns de euros de excedentes netos restantes.

9.500 Socias e Socios de Traballo

Rosa Carabel puxo en valor o proxecto cooperativo de EROSKI, construído coas achegas de todos e todas. Un colectivo que ao peche do 2022 está composto por 9.500 persoas socias de Traballo e por máis de 1,3 millóns de socias e socios de Consumo, o que sen dúbida reforza as bases do noso proxecto”.

Igualmente, durante a celebración da asemblea repasáronse os avances realizados no 2022 no tocante á saúde, a sustentabilidade e o compromiso social. Lembrouse, xa que logo, que se ampliou EROSKI Azoka, o marketplace de produtos de proximidade que lles ofrece aos pequenos produtores locais a posibilidade de comercializaren de xeito directo os seus produtos. Tamén se salientou a aposta por unha alimentación máis ética e sostible e pola transparencia alimentaria coa introdución de dous novos sistemas de etiquetaxe para facilitar unha compra máis responsable. Un é Planet Score -implantado de xeito pioneiro na distribución nacional-, que avalía o impacto global do produto no medio natural. O outro é unha etiquetaxe propia que pon o foco no benestar animal ao amosar as características da crianza da carne de polo.

Ademais, detallouse que a contribución social de EROSKI no 2022 ascendeu a 23 millóns de euros, 6 millóns máis ca o ano anterior, grazas ao esforzo das persoas socias consumidoras, aos que se engade a achega de EROSKI, cantidade que se destinará a proxectos de solidariedade e acción social, ao apoio ás familias e colectivos con necesidades especiais, á formación e información ás persoas consumidoras, e á cultura, o ocio e o ámbito local.

 

Amplo proceso participativo

A asemblea culmina un amplo proceso de participación previa dos Socios Traballadores e Socios Consumidores de EROSKI, que suma 44 sesións informativas e xuntas preparatorias presenciais e con conexións dixitais.

A presidenta do Consello Reitor de EROSKI, Leire Mugerza, dirixiuse ás socias e socios presentes para lles agradecer “a todas as persoas de EROSKI o esforzo, dedicación e compromiso durante outro ano de traballo duro. Mugerza reivindicou o modelo de EROSKI como cooperativa de consumidores, “un modelo que busca unha repartición equilibrada da riqueza que se xera como empresa de distribución, un diferencial en como decidimos e como o aplicamos, porque o facemos entre todos e para todos”. Lembrou que o consumidor é o centro da actividade e parte das decisións que se toman, e por iso neste período tan complicado EROSKI fixo un grande esforzo asumindo parte das sobrecustas no prezo de venda ao público, “reducindo a marxe de beneficio da empresa, aquela que pertence ás súas 9.500 persoas socias de Traballo e persoas socias consumidoras, para revertelo na sociedade. Un xeito diferente de facer empresa”.

Sobre EROSKI

EROSKI é o primeiro grupo de distribución de carácter cooperativo de España e un dos líderes do norte do mercado español (Galicia, País Vasco, Navarra, Cataluña e Baleares) cunha cota do 13% nese mercado. A súa rede comercial, a peche do 2022, elévase a 1.656 establecementos, entre supermercados, hipermercados, cash & carry e supermercado online, amais de gasolineiras e outros negocios non alimentarios. Ademais, conta tamén con máis de 6 millóns de Socios Clientes e con máis de 31.000 socios cooperativistas, traballadores e franquiados.

Compartir en: