Carta de Agustín Markaide

Presidente de EROSKI

Comeza unha nova etapa, para reforzar e avanzar no proxecto EROSKI

2021 foi, como 2020, un ano no que os plans non foron unha guía de actuación útil. E todo leva a pensar que 2022 manterá este perfil. A pericia dos xestores e profesionais debeu responder á sucesión de cambios, en moitos casos inversos aos que se produciran doce meses antes, e debo dicir que o resultado obtido por Eroski foi moi positivo tanto nos logros propios como na aportación á sociedade.

Efectivamente, EROSKI chegou ao final dunha época a está iniciando outra. A situación económica consolidouse de forma continua e o exercicio 2021 mostra un dos mellores resultados brutos da última década. Pola súa parte a situación financeira tamén evolucionou favorablemente e o balance ao peche do exercicio reflicte unha débeda bancaria inferior aos 1.000 millóns de euros. Emprendemos unha nova etapa coa mirada renovada e con máis posibilidades de actuación. Unha etapa na que nos propoñemos reforzar as bases da nosa actividade e avanzar con firmeza no seu desenvolvemento.

2021: cara á normalidade pospandemia

Para o negocio alimentario o 2021 foi camiñando cara a unha normalidade que hoxe se ansía e se ambiciona socialmente. Aínda baixo os efectos da pandemia, melloramos as nosas vendas en algo máis dun punto sobre 2019. Este curso as empresas de distribución polo miúdo de alimentación devolvemos a outros sectores parte da cota que tomaramos prestada en 2020 e, polo tanto, constatamos unha redución do mercado. Inda así consolidamos algunhas prácticas e tendencias que viñamos observando, como o aumento da canle online ou a aposta polo produto local.

Pero cun incerto futuro próximo

A traxedia do inicio dunha guerra en Ucraína, en Europa, afectará directamente a millóns de persoas e deberemos estar atentos a prestar a atención e apoio social necesarios. Ademais, as tendencias inflacionistas, que xa existían con anterioridade ao conflito bélico, agudízanse e afectarán a todos os integrantes da cadea de valor alimentaria e, en última instancia, a poboación en xeral. Debemos tratar de amortecer os efectos da inflación sobre o consumidor mediante a mellora da eficiencia nos nosos procesos internos. Pero igualmente temos unha responsabilidade para cos elos anteriores, as empresas e explotacións, que están tamén sometidas a estas presións inflacionistas e que deben poder trasladalas aos prezos de venda para poder soster a súa actividade. O novo equilibrio que alcancemos na cadea de valor deberá responder a todas as necesidades do xogo, entre elas as dunha cidadanía que verá ameazada a súa capacidade adquisitiva e reaccionará ante quen non o faga ben.

A expansión adquire ritmo

O ritmo de expansión con novas tendas comeza a ser máis atractivo: abrimos ou ampliamos quince tendas propias mentres que as renovacións ascenderon a 141 tendas. Todas elas na zona norte de España, aquela que definimos como zona prioritaria de actuación e que abarca unha ancha franxa que vai dende Galicia ata as Illas Baleares. E todas elas aplicando elevados estándares de sostibilidade.

Ademais hai que sumar as 65 novas franquías entre as que o formato de ultra proximidade, Rapid, experimentou un importante crecemento.

A incorporación de EP Corporate Group como socio de Supratuc permítenos reforzar o futuro do proxecto en Baleares e Cataluña e, en próximos meses, isto terá reflexo na actuación comercial.

Cara a unha alimentación máis saudable e sostible

A saúde, o medio ambiente e o compromiso social son tres eixes sen os que sería moi difícil entender a forma de facer empresa que temos en EROSKI.

Dende que no 2018 nos marcamos a nosa folla de ruta cara a un entorno máis saudable e sostible a través dos nosos 10 Compromisos, cada ano é un reto. Estes últimos doce meses constatamos que os hábitos de compra dos nosos clientes melloraron dende a introdución da etiqueta nutricional Nutri-Score. A mellora nutricional dos nosos produtos é esencial para propiciar hábitos máis saudables. Por iso liberamos de graxa de palma todos os nosos produtos de marca propia no que foi un excelente exemplo de colaboración cos nosos provedores de alimentación.

Como saben, a protección da saúde foi o asunto estrela nos últimos 2 anos, pero esta realidade non ocultou outros retos sociais que agora se recuperan con forza. Por exemplo, a descarbonización, a favor da cal se comprometeu EROSKI coa confirmación de que será neutra en emisións de carbono no 2050.

O debate e a construción social ás que EROSKI se une contribuíndo de forma explícita á consecución dos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible son propósito común coas nosas socias e socios cliente. Só así se entende a resposta que nos ofreceron na elaboración do noso Plan Solidariedade 2022. Máis de 12.400 clientes axudáronnos a escoller as causas sociais nas que seremos activos este ano. Gracias ás aportacións dos clientes e ás de EROSKI destinamos máis de 13 millóns de euros a distintas causas sociais para combater a desigualdade, axudar a quen máis o precisa e evitar o dispendio alimentario.

O enorme compromiso das persoas de EROSKI

Os traballadores de EROSKI vivimos un tempo difícil e esixente. As persoas de EROSKI respondemos ante a sociedade con calidade e con calidez. O agradecemento dos clientes foi rotundo e sentímonos orgullosos por formar parte deste magnífico equipo.

O noso proxecto cooperativo fortaleceuse estes anos, incorporamos novos socios que serán 2000 nos próximos cinco anos. Encarnarán o mesmo espírito ao servizo das necesidades da cidadanía.

Nova época. Novos liderados

Iniciamos unha nova etapa con novos liderados. Rosa Carabel, Directora Xeral de EROSKI, é a quen corresponderá a responsabilidade de liderar a nova etapa co propósito de reforzar os fundamentos e avanzar nos propósitos do proxecto. Non me cabe dúbida de que, baixo a súa dirección, a alma da organización seguirá traballando ao servizo da misión e a estratexia deste proxecto empresarial cooperativo que busca mellorar a saúde dos consumidores e a sostibilidade dos nosos actos e os de toda a cadea de valor.