CARTA DE AGUSTÍN MARKAIDE
Presidente
Presentamos esta Memoria en coherencia co noso natural e necesario exercicio de transparencia perante a sociedade e os nosos grupos de interese. Este é o terceiro ano consecutivo que elaboramos este informe seguindo as recomendacións dos novos estándares de Global Reporting Initiative (GRI), co obxectivo de seguir mellorando na comunicación dos nosos impactos e accións de mellora en relación coas tres perspectivas en que medimos o noso grao de sostibilidade: a económica, a social e a ambiental.
O exercicio 2018 sitúanos no ecuador do actual plan estratéxico baseado na diferenciación, coa saúde e a sostibilidade como principais eixes. Froito do bo comportamento do modelo comercial “contigo”, reforzamos o noso liderado na zona norte, onde concentramos ata agora a transformación da nosa rede que, ademais, complementamos con aperturas de tendas propias e franquiadas que afianzan a nosa posición. Como consecuencia, os nosos resultados operativos seguen mellorando de xeito apreciable e confirman a boa saúde do negocio e a solidez da nosa estabilidade nos últimos anos. Os beneficios, froito da transformación emprendida durante os últimos anos en toda a cadea de valor, dende os procesos loxísticos e a relación con provedores ata a tenda e a relación cos nosos socios cliente a través de EROSKI Club, apoian a nosa folla de ruta, que debemos seguir desenvolvendo para conseguir converternos nun comercio mellor, capaz de dar resposta ás necesidades dun consumidor en constante evolución. Por este motivo, nestes momentos centrámonos en acelerar as remodelacións no resto dos mercados (cun avance significativo en Baleares e despegando tamén en Cataluña) para, do mesmo xeito, impulsar alí a nosa competitividade.
Demos un importante paso cos nosos mellores clientes lanzando, con resultados notables, o Programa Ouro, que lles ofrece descontos estables en todas as súas compras. Este é unha iniciativa posta en marcha polo Club de socias e socios cliente, que nos dotou de máis capacidade para coñecelos e ofrecerlles unha relación máis intensa, participativa e personalizada, na que imos seguir profundando.
Seguimos avanzando na nosa transformación dixital, e en 2018 fomos recoñecidos, por segundo ano consecutivo, como o mellor supermercado en liña, o que confirma a excelente valoración que recibimos dos nosos clientes. Así mesmo, pechamos o exercicio liderando o servizo de entrega de pedido en liña con 50 puntos de recollida, en coche ou en tenda.
En EROSKI cremos que a tenda, física ou en liña, é o lugar idóneo dende onde impulsar unha boa alimentación, máis saudable e máis respectuosa co ambiente. Por isto, en 2018 publicamos os nosos dez compromisos coa saúde e a sostibilidade, que nos marcan a ruta. Puxemos en marcha máis de vinte liñas de traballo para cumprir con eles. Destaca a introdución, pioneira en España, do etiquetado nutricional avanzado Nutri-Score nos nosos produtos de marca propia. Ademais, relanzamos a nosa marca EROSKI Natur, con produtos frescos cun sabor diferencial e unha orixe responsable garantida. As certificacións en benestar animal ou de cadea de custodia de peixe sostible, o emprego responsable de antibióticos ou a eliminación de tratamentos posteriores á colleita son algúns dos criterios que cumpren os alimentos comercializados baixo a devandita marca.
Tamén apostamos polo consumo de alimentos de proximidade, impulsando un sector agroalimentario que basea a súa sostibilidade en que o seu tecido produtivo é un elemento clave para a economía e a cultura locais, así como para o ambiente. É a nosa convicción como cooperativa a que nos leva a comprometernos con esta diversidade e coa creación de contornos colaborativos para traballar cun gran número de provedores. Deste xeito, a nosa proposta comercial é cada vez máis particular e céntrase en facilitar unha alimentación máis saudable e sostible.
O noso compromiso co ambiente tradúcese tamén nunha mellora continua dos nosos procesos e tendas. O ecodeseño de produtos e envases para loitar contra a contaminación, a xestión eficiente da loxística e a construción e renovación das tendas considerando criterios ambientais e usando equipamento ecoeficiente son boa proba de que esta liña de traballo é tamén un dos nosos eixes estratéxicos de desenvolvemento.
En liña coa sostibilidade ambiental, pero tamén co noso compromiso social, mantivemos o obxectivo de desperdicio cero de alimentos aptos para o consumo humano na nosa rede comercial. No 2018 doamos aos máis necesitados 4.928 toneladas de produtos a través de máis dun cento de organizacións sociais de todo o país, en condicións garantidas de seguridade alimentaria, gratuidade e solidariedade.
Tamén colaboramos coas principais causas e entidades solidarias do noso país e con decenas de organizacións de diferentes tipos en diversas causas sociais. Moitas destas accións canalizaranse a través da Fundación EROSKI, que xestiona o 10 % dos nosos beneficios anuais, porcentaxe que dedicamos a proxectos sociais e solidarios.
Merece unha mención especial tamén outro dos eixes principais de traballo da Fundación: a educación e formación dos consumidores. Desenvolvemos esta vocación formativa dende hai 40 anos mediante o noso proxecto informativo EROSKI CONSUMER, revista dirixida aos consumidores e líder no noso idioma, que conta con arredor de 50 millóns de visitas anuais no seu portal web. A este proxecto debemos sumar a Escola de Alimentación da Fundación EROSKI, co seu Programa Educativo en Alimentación e Hábitos Saudables, proxecto dirixido ao ámbito escolar que xa formou a máis dun millón de nenos e nenas dende 2013. Está orientado a axudar a que a cidadanía de mañá mellore os seus hábitos alimentarios e, do mesmo xeito que as accións anteriores, se enmarca dentro dos nosos compromisos coa saúde e a sostibilidade.
Entre todas as persoas que formamos EROSKI estamos reforzando o noso proxecto cooperativo e gañando o noso lugar no futuro. Este fortaleza colectiva que nos permitiu resistir ata o día de hoxe, e xa son case 50 anos, será, sen lugar a dúbidas, clave no noso futuro e na nosa capacidade para responder ao que a sociedade merece e espera de nós. Avanzamos na boa dirección.
Animo á lectura deste informe anual para coñecer con máis detalle o noso desempeño en 2018, así coma as accións derivadas do compromiso co desenvolvemento sostible que referendamos no 2002 coa nosa adhesión ao Pacto Mundial, que renovamos anualmente. Deste xeito, colaboramos para acadar os 17 Obxectivos de Desenvolvemento Sostible (ODS) das Nacións Unidas, que entraron en vigor o 1 de xaneiro de 2016. Espero que a atopen interesante e inspiradora.
Moitas grazas.
Agustín Markaide. Presidente do Grupo EROSKI