O grupo EROSKI incrementa as súas vendas brutas un 3,8 % e mellora o seu resultado ata os 65,4 millóns de euros no primeiro semestre de 2026

- O grupo mantén unha evolución positiva durante o primeiro semestre, cunhas vendas brutas de 3.061 millóns de euros e un resultado positivo de 65,4 millóns.
- O Grupo EROSKI continúa avanzando no seu plan estratéxico, impulsando a modernización da súa rede comercial e reforzando a súa estrutura financeira, reducindo a ratio de apalancamento ata 2,0 veces o EBITDA.
O Grupo EROSKI pechou o primeiro semestre do seu exercicio fiscal de 2026, do 1 de febreiro ao 31 de xullo, cun crecemento sostido da súa actividade comercial e unha mellora dos seus principais indicadores económicos nun contexto de consumo marcado por unha elevada sensibilidade ao prezo das familias e unha evolución moderada da inflación alimentaria.
Durante a primeira metade do exercicio, as vendas brutas acadaron os 3.061 millóns de euros, un 3,8 % superiores ás que se rexistraron no mesmo período do ano anterior. O resultado positivo situouse en 65,4 millóns de euros, o que mellora os 55,5 millóns que se obtiveron no primeiro semestre de 2025.
Un semestre marcado pola competitividade, a marca propia e a fidelidade
A evolución positiva do negocio veu acompañada do reforzo da proposta comercial do Grupo EROSKI, orientada a ofrecer ás familias unha cesta da compra competitiva sen renunciar á calidade, á alimentación saudable, ao produto local e á proximidade. Esta estratexia segue a ser especialmente relevante nunha contorna onde o prezo continúa a ser un factor decisivo para os fogares. Neste contexto, o Grupo EROSKI mantivo unha proposta comercial competitiva, onde segue a apostar por unha ampla capacidade de elección a través das marcas dos nosos provedores, dos produtos locais e da marca propia. Todo isto a pesar do aumento de determinados custos operativos, sobre todo os que están asociados ao transporte e á enerxía, o que reforza o noso compromiso co poder adquisitivo das familias consumidoras.
A marca propia continúa a desempeñar un papel fundamental dentro da estratexia comercial do grupo e xa representa o 36,6 % das vendas de alimentación. A súa evolución reforza a capacidade do Grupo EROSKI para ofrecer unha proposta equilibrada en canto á calidade e ao prezo, o que contribúe ao aforro das familias consumidoras e fortalece o seu posicionamento competitivo.
Ademais, o modelo de relación coa clientela continúa a fortalecerse. As vendas realizadas a través dos socios do programa de fidelidade representan xa o 69,7 % do total, o que consolida a eficacia das iniciativas de personalización e fidelidade que desenvolveu o grupo.
A combinación dunha proposta comercial competitiva, unha sólida oferta de marca propia e unha relación cada vez máis próxima coa clientela é un dos principais motores do crecemento da cooperativa nunha contorna de consumo especialmente esixente. A isto súmase a súa aposta polas marcas dos fabricantes, polo produto local e polo desenvolvemento de relacións estables co tecido produtivo da súa contorna, elementos que forman parte da súa identidade cooperativa e do seu compromiso coa xeración de riqueza local.
Avance do plan estratéxico e modernización da rede comercial
Durante o semestre, o Grupo EROSKI continuou a implementar as iniciativas que se describen no seu plan estratéxico, orientadas a mellorar a competitividade, impulsar un crecemento rendible e fortalecer a experiencia de compra tanto nos establecementos físicos como nas canles dixitais.
A evolución comercial foi positiva en todos os formatos de tenda, cun crecemento das vendas en supermercados propios, franquías, hipermercados e establecementos cash & carry.
O Grupo EROSKI tamén continuou a avanzar na modernización da súa rede comercial e na mellora da produtividade dos seus establecementos. As vendas por metro cadrado medraron un 3,9 % durante o semestre, o que reflicte unha maior eficiencia operativa e un uso máis intensivo dos activos comerciais.
Fortalecemento financeiro
A posición financeira do grupo segue a ser sólida, cunha ratio de apalancamento financeiro neto de 2,0 veces o EBITDA, o que consolida unha estrutura financeira máis eficiente e equilibrada que reforza a capacidade da cooperativa para seguir investindo en crecemento, innovación e modernización.
Ademais, o grupo mantén unha sólida posición de liquidez e financiamento diversificado, elementos que achegan estabilidade e flexibilidade para afrontar os próximos retos estratéxicos.
«Estes resultados reflicten a fortaleza do noso modelo cooperativo e a confianza que as persoas consumidoras depositan no Grupo EROSKI cada día. Seguimos medrando nunha contorna que segue a ser esixente, reforzando unha proposta baseada na capacidade de elección, o aforro, a calidade, a proximidade e o produto local. Ao mesmo tempo, seguimos avanzando no noso plan estratéxico e fortalecendo a nosa posición financeira, o que nos permite afrontar o futuro con solidez e seguir xerando valor para a nosa clientela, as nosas persoas traballadoras e a nosa contorna», afirma Rosa Carabel, CEO do Grupo EROSKI.