• Estarán localizados en aparcamentos, gasolineiras e centros de traballo de EROSKI en 11 comunidades autónomas

  • Todos estes puntos contan con enerxía 100% verde, procedente de fontes renovables con certificado de garantía de orixe (GdOs)

  • A previsión é completar a instalación en aproximadamente tres anos

Iberdrola e EROSKI chegaron a un acordo para instalaren 1.000 puntos de recarga de diferentes potencias para vehículos eléctricos en arredor de 300 emprazamentos do grupo de distribución en 11 comunidades autónomas, durante os vindeiros tres anos.

As novas instalacións contarán con enerxía 100% verde, procedente de fontes renovables con certificado de garantía de orixe (GdOs) e permitirán aforrar 30.000 toneladas de CO2 ao ano, o que suporá un impacto positivo na calidade do aire similar ao que terían 1,5 millóns de árbores.

Con esta infraestrutura os usuarios poderán recargar a batería dos seus coches mentres realizan as súas compras, cunha variedade de potencia de cargadores que lles permitirán recargar 100 quilómetros desde os 6 minutos ata os 45.

En concreto, os 1.000 puntos de recarga instalaranse en aparcamentos, gasolineiras e centros de traballo de EROSKI en Andalucía, Aragón, Asturias, Cantabria, Castela e León, Cataluña, Galicia, Illas Baleares, A Rioxa, Navarra e País Vasco.

Nunha primeira fase daráselle prioridade á instalación dos puntos de recarga nas gasolineiras EROSKI. Todos eles estarán dispoñibles na aplicación de recarga pública de Iberdrola, a máis valorada do sector, na que se pode visualizar e xeolocalizar información verificada de todos os cargadores, comprobar a súa operatividade en tempo real e reservar e pagar desde o móbil.

Con esta iniciativa, Iberdrola segue a acelerar a súa estratexia de transición da mobilidade cara a un sistema libre de emisións e o seu plan de mobilidade sostible. Pioneiro en poñerse en marcha no 2016, prevé a instalación de 100.000 cargadores eléctricos ata o 2025 en fogares, empresas e na vía pública. Para iso, o seu deseño de infraestrutura pública desenvólvese en autovías e corredores e mais tamén en cidades e pequenas poboacións, co obxectivo de contar con polo menos unha estación de recarga rápida cada menos de 50 quilómetros.

Mediante este acordo, o grupo EROSKI avanza na súa aposta pola sustentabilidade integral no desenvolvemento da súa actividade e na redución da pegada de carbono, contribuíndo á promoción do coche eléctrico na súa rede de supermercados.

“Este acordo reforza a estratexia de mobilidade sostible de Iberdrola e evidencia a necesidade de colaboración de todos os axentes implicados no camiño cara á descarbonización e a mellora da calidade do aire das nosas cidades e concellos. O grupo EROSKI é un claro aliado para avanzar na posta en marcha de puntos de recarga en lugares onde os usuarios acoden acotío para que poidan realizar as súas recargas mentres realizan as súas compras ou mentres traballan”, explicou o director de Iberdrola Clientes España, David Martínez.

“Con este acordo con Iberdrola contribuiremos a crear unha rede de recarga para vehículos eléctricos de calidade, ampliando así os nosos servizos ao dispor das persoas consumidoras. Máis de 300 das nosas instalacións que reúnen as condicións que a normativa marca incorporarán estes puntos de recarga e permitirán achegar aínda máis a mobilidade eléctrica á cidadanía. Damos así un novo paso máis no noso compromiso coa neutralidade de carbono e na nosa política de mobilidade sostible e respecto ao medio ambiente”, afirmou o director de Desenvolvemento de EROSKI, Javier España.

Compromiso coa loita contra o cambio climático

O grupo EROSKI está fortemente comprometido co respecto ao medio natural e para iso desenvolve distintas accións enfocadas á mellora dos seus produtos e procesos e á sensibilización de consumidores e traballadores. Por iso, redobrou os seus esforzos no eido da sustentabilidade e un dos fitos máis importantes é o seu ambicioso compromiso de alcanzar as cero emisións netas de gases de efecto invernadoiro no 2050. Este reto atópase enmarcado na súa adhesión ao Código de Conduta sobre negocio responsable de alimentos e prácticas de márketing da Unión Europea.

EROSKI logrou dúas estrelas Lean & Green por alcanzar o obxectivo de reducir un 30% as súas emisións de CO2 nos procesos de loxística e transporte durante os últimos catro anos. Ademais, reduciu tamén máis dun 40% as emisións de gases de efecto invernadoiro de alcance 1 e 2 desde o 2017, sumou novos produtos ecolóxicos á súa gama, que xa fan máis de 1.400 referencias, incorporou o selo de benestar animal a todas as súas carnes brancas, e continuou a reducir o plástico e a mellorar a reciclabilidade dos seus envases, con máis de 180 referencias ecodeseñadas. Hai dous anos converteuse na primeira empresa de distribución en España en introducir a nova etiquetaxe ambiental Planet Score e o ano pasado as súas tendas ampliaron a unha trintena os produtos de alimentación e frescos sinalizados con este selo.

Ademais, o pasado ano EROSKI obtivo a certificación Leed Gold pola súa tenda sostible de Lakua-Arriaga de Vitoria-Gasteiz, un selo que acredita que o edificio é sostible e que está construído baixo os estándares de ecoeficiencia. Trátase do supermercado máis sostible de toda a súa rede comercial e marca o novo modelo enerxético para as súas tendas.

Á cabeza da mobilidade sostible

Iberdrola, líder en infraestrutura de recarga cunha rede de máis 50.000 puntos de recarga operativos, dos que 6.500 puntos son públicos, impulsa a mobilidade sostible como parte da súa estratexia de lle dar pulo á transición enerxética.

Consciente de que a descarbonización da mobilidade, sector responsable dun 25% das emisións de CO2, é clave para a loita contra o cambio climático, a compañía impulsa a electromobilidade a través dunha acción coordinada e eficaz cos principais axentes implicados. Por iso, Iberdrola continúa a identificar oportunidades para xerar un ecosistema industrial, comercial e de innovación que permita consolidar o desenvolvemento da mobilidade sostible.

Como líder enerxético mundial en renovables, ofrécese como ‘partner’ estratéxico ás corporacións e empresas para reducir a súa pegada de carbono. O grupo cobre todo o ciclo de vida do proceso de descarbonización para que os seus clientes comerciais e industriais cumpran os seus obxectivos ambientais e sexan motores e actores principais na transición enerxética. De feito, leva completado xa máis de 100 acordos de despregamento de infraestrutura con administracións, institucións, empresas, estacións de servizo, concesionarios e fabricantes de vehículos.

A enerxética facilita calquera das opcións necesarias para que cada cliente logre os seus obxectivos de descarbonización. Desde a subministración de enerxía 100% verde a través de PPAs ata servizos como a mobilidade eléctrica, o autoconsumo ou a bomba de calor, pasando pola electrificación dos seus procesos industriais ou o emprego do hidróxeno verde.

 

 

 

Compartir en: