FESBAL e EROSKI poñen en marcha unha nova edición da recollida primavera de alimentos
A campaña desenvolverase en hipermercados, supermercados e franquías da súa rede comercial
Á tradicional recollida de produtos en tenda o 24 e 25 de maio, súmase a posibilidade durante toda a semana de doar o importe que se desexe na caixa, co que despois os Bancos de Alimentos adquirirán os produtos máis necesarios durante todo o ano
EROSKI colabora desde hai 27 anos con FESBAL
Durante esta semana EROSKI puxo en marcha un ano máis a tradicional campaña Recollida Primavera de alimentos xunto coa Federación Española de Bancos de Alimentos (FESBAL) co fin de recadar as doazóns dos consumidores que queren axudar aos colectivos máis vulnerables. A iniciativa, que se prolongará ata o sábado, desenvolverase en hipermercados, supermercados e franquías da súa rede comercial.
Levarase a cabo mediante unha dobre modalidade de doazón: a entrega física tradicional de produtos os días 24 e 25 de maio e, durante toda a semana, as doazóns económicas polo importe que os consumidores desexen ao pasaren por caixa. Ao termo da campaña, estas achegas quedarán ao dispor dos Bancos de Alimentos para adquiriren os produtos que consideren máis convenientes e necesarios e que permitirán cubrir as necesidades básicas de alimentación de centos de familias durante todo o ano. EROSKI fará unha doazón adicional á dos seus clientes, que se sumará ás achegas que fai anualmente a fins sociais e que ascenden a máis de 10 millóns de euros.
“En EROSKI temos un compromiso coa sociedade, e nel as persoas en situacion de vulnerabilidade ocupan un lugar destacado. Por iso, un ano máis apelamos á solidariedade dos nosos clientes cos colectivos máis necesitados”, explicou o director de Saúde e Sustentabilidade de EROSKI, Alejandro Martínez Berriochoa.
“Queremos agradecer a longa colaboracion de EROSKI con FESBAL nunha situación na que moitas familias afrontan dificultades para cubriren as súas necesidades básicas de alimentación. Esta nova edición da ‘Recollida Primavera’ de alimentos axunta a recollida física tradicional coa doazón económica, que lles permite aos Bancos de Alimentos participantes adquiriren produtos alimenticios que posteriormente distribuímos, a través das entidades benéficas coas que colaboramos, ás persoas máis necesitadas”, sinala o director da Federación Española de Bancos de Alimentos, D. Francisco Greciano.
EROSKI e mais os seus clientes doaron o pasado ano máis de 1.500 toneladas de alimentos -o que equivale a máis de 6 millóns de comidas para alimentar a preto de 1.700 familias nun ano-, que se destinaron a persoas que atravesan dificultades económicas ou en risco de exclusión social.
27 anos de colaboración cos Bancos de Alimentos
A colaboración de EROSKI cos Bancos de Alimentos remóntase a 1996 a proposta do Banco de Alimentos de Biscaia e dos propios consumidores, que lle demandaban á cooperativa iniciativas solidarias dirixidas a colectivos desfavorecidos e a persoas en risco de exclusión social. Deste xeito naceron ese mesmo ano as campañas de recollida de alimentos nas tendas EROSKI.
Posteriormente, EROSKI iniciou o seu programa de doazón de alimentos envasados próximos á súa data de consumo preferente, pero aínda aptos para o seu consumo con total seguridade alimentaria, grazas ao que doa máis de 5.000 toneladas de alimentos cada ano.
EROSKI foi recoñecida co “Premio Espiga de Ouro”, o máximo galardón que lles outorga a Federación Española de Banco de Alimentos a aquelas organizacións que destacan pola súa colaboración na redistribución solidaria dos excedentes alimentarios.
23 millóns de euros canalizados no 2023
EROSKI e os seus clientes canalizaron 23 millóns de euros o pasado ano para axudar a máis de 300.000 persoas a través de 300 entidades sociais grazas ás diversas iniciativas desenvolvidas dentro do seu Plan de Solidariedade.
Amais das doazóns aos Bancos de Alimentos, EROSKI leva a cabo outras iniciativas dentro do seu Plan de Solidariedade, entre as que destacan o programa ‘Desperdicio Cero’, o programa permanente ‘Céntimos Solidarios’ ou as campañas puntuais de cooperación internacional.
Compartir en: