• O encontro contou coa participación do ministro de Industria e Turismo, Jordi Hereu, e do viceconselleiro de Agricultura, Pesca e Política Alimentaria do Goberno Vasco, Bittor Oroz

  • A CEO de EROSKI, Rosa Carabel, puxo en valor o modelo de empresa e destacou o momento no que se atopa EROSKI para “Crear e Medrar”

  • A directora Comercial de EROSKI, Beatriz Santos, revelou que a mellora da competitividade de prezos, unha aposta polo produto fresco de calidade e de preto, e mais un importante investimento en tecnoloxía serán parte das principais liñas estratéxicas

  • O encontro acolleu unha mesa redonda sobre analítica avanzada, big data, intelixencia artificial e o seu papel na xestión da cadea de valor

EROSKI reuniu hoxe en Bilbao a máis de 400 persoas, entre elas 300 provedores da industria alimentaria e representantes do sector financeiro e directivos de Mondragon e de asociacións sectoriais como AECOC, para compartir con elas as súas liñas estratéxicas para o vindeiros tres anos. Un plan que mantén e reafirma as súas raíces, o seu ADN, os seus valores e, por suposto, o seu propósito, pero que actualiza a súa misión para ‘Crear e Medrar’ nun e por un futuro próspero e sostible, combinando a xeración de resultados empresariais coa creación de riqueza no contorno, asegurando a satisfacción plena das persoas consumidoras e fomentando unha alimentación saudable.

O encontro contou coa participación do ministro de Industria e Turismo, Jordi Hereu, e do Viceconselleiro de Agricultura, Pesca e Política Alimentaria do Goberno Vasco, Bittor Oroz, e mais coa presenza de destacadas figuras do sector.

Durante a clausura do encontro, o titular de Industria e Turismo, Jordi Hereu, salientou a importancia dun sector estratéxico como o agroalimentario, e como grupos como Eroski desenvolven un papel decisivo na cadea alimentaria. “Sodes fundamentais, tanto en algo tan necesario como a subministración de alimentos básicos á cidadanía como no peso das exportacións da nosa economía, amais dun aliado indispensable no sector da distribución”, sinalou. “Sen un sector da distribución forte é difícil garantir unha subministración segura e adecuada no conxunto do país”, engadiu.

A CEO de EROSKI, Rosa Carabel, presentou o percorrido do grupo nos últimos anos, a situación actual e as principais liñas do plan estratéxico, enfocadas na innovación, a sustentabilidade, a saúde e a xeración de riqueza. Puxo o foco no seu modelo de empresa único e irrepetible no sector, con equipos moi cohesionados e un destacado espírito innovador, e subliñou que “EROSKI está nun momento crucial para reforzar a súa posición no mercado. A nosa folla de ruta está marcada pola procura dun futuro próspero e sostible, coa calidade, o aforro para as familias e a experiencia de compra nas nosas tendas cada vez máis personalizada como alicerce, todo iso fundamentado no compromiso coa saúde e o benestar das persoas consumidoras. Cunha evolución positiva de resultados, unha débeda normalizada, unha rede saneada e eficiente e un crecente recoñecemento por parte das persoas consumidoras. Para EROSKI é o momento de crear e medrar”.

Pola súa banda, a directora Comercial de EROSKI, Beatriz Santos, destacou durante a súa intervención que “a mellora da competitividade de prezos, unha aposta polo produto fresco de calidade e próximo, e mais un importante investimento en tecnoloxía que promete transformar tanto a experiencia das persoas consumidoras como a eficiencia operativa” serán parte das principais liñas estratéxicas que guiarán a empresa ata o 2026. Explicou que “o noso compromiso co ‘Sempre Bo Prezo’ permitiranos ofrecer prezos igualados ou inferiores aos da nosa competencia máis directa en milleiros de produtos cotiáns”. Outro piar fundamental do novo plan é a extensión dunha oferta de produtos eficaz e eficiente, cun enfoque especial para cubrir todas as necesidades das persoas consumidoras e cunha ampla presenza de produtos e marcas, para ofrecerlles unha ampla capacidade de elección e onde os produtos locais teñen un espazo preferente e destacado, o que subliña a aposta de EROSKI por unha alimentación saudable e accesible.

En termos de crecemento, EROSKI anticipou a incorporación de máis de 150 novas tendas nos vindeiros tres anos, tanto propias como franquiadas; “a nosa ambición é manternos como insignia líder no norte de España e espallar a nosa presenza a outras rexións a través da nosa rede de franquías”, detallou Beatriz Santos.

Igualmente, compartiu cos presentes no encontro o plan de EROSKI de “investir máis de 100 millóns de euros nun ambicioso programa de transformación tecnolóxica, que inclúe a implementación de intelixencia artificial e a robotización para mellorar a toma de decisións e os procesos comerciais”.

Precisamente, a xornada incluíu unha mesa redonda sobre o uso da analítica avanzada e o big data no sector do retail, coa participación de expertos de empresas líderes e de académicos, como Fernando Pasamón -Managing Partner Consumer Industry and Growth Leader at Deloitte Spain-, Rai Cararach -Corporate Sales Director en Nestlé España- e Rosario Pedrosa -responsable da área de estratexia comercial e márketing de AECOC-, xunto ás representantes de EROSKI Ana Cuevas -directora de Mix Comercial- e Carmen Guelbenzu -directora Comercial de Alimentación. Este debate salientou a relevancia da integración de novas tecnoloxías na xestión da cadea de valor, que abrirá novas oportunidades de colaboración futura para adaptarse aos cambios do mercado, de traballar conxuntamente para ofrecer os mellores produtos e servizos ás persoas consumidoras, e de asegurar a eficacia e eficiencia dos procesos e decisións.

 

Compartir en: