• O galardón outorgouno a Fundación Internacional ORP (Occupational Risk Prevention) no marco do Congreso Internacional de Prevención de Riscos Laborais que tivo lugar esta semana en Bilbao

O programa de Prevención en riscos laborais de EROSKI foi premiado pola Fundación Internacional ORP (Occupational Risk Prevention), unha institución de carácter internacional, independente e sen ánimo de lucro, comprometida na mellora da calidade da vida laboral e na mellora da innovación das empresas.

O xurado -composto por membros do Comité Científico da Fundación Internacional ORP que representan a unha decena de universidades de América, Asia e Europa- recoñeceu a contribución de EROSKI á promoción da cultura da prevención e da saúde na empresa e na sociedade do seu contorno e mais polo seu compromiso como organización saudable.

A entrega do galardón, que tivo lugar onte no Museo Guggenheim de Bilbao, ponlle fin ao Congreso Internacional de Prevención de Riscos Laborais que tivo lugar esta semana no Palacio Euskalduna en Bilbao. Este congreso é o punto de encontro máis importante da Seguridade e Saúde no Traballo a nivel internacional e un espazo para discutir sobre os avances máis recentes en ergonomía, seguridade, hixiene, medicina laboral, formación e psicosocioloxía laboral. Esta edición organizouse en colaboración co Goberno Vasco e Osalan.

“Este premio supón un recoñecemento ao noso compromiso por mellorar a calidade de vida dos nosos traballadores, ofrecéndolles formación, asesoramento, actividades, programas e diversas ferramentas”. Coidar os nosos traballadores forma parte dun dos 10 Compromisos en Saúde e Sustentabilidade”, afirma o director de Relacións Laborais, Prevención e Administración, Gonzalo Fernández Ibañez.

 

Saúde e Seguridade no traballo

EROSKI dispón dun servizo de Prevención de Riscos Laborais propio que atende especialidades como seguridade no traballo, hixiene industrial e ergonomía e psicosocioloxía aplicada. Está baseado na Lei de Prevención de Riscos Laborais (LPRL) e nos Reais Decretos de desenvolvemento desa lei con cadansúas modificacións.

Ademais, EROSKI dispón tamén de servizos internos e mais externos de vixilancia da saúde, encargados da realización de recoñecementos médicos, como poden ser de incorporación a un posto de traballo, periódicos en función do risco do posto, tras baixas de longa ausencia, obrigatorios en postos concretos, en embarazos, así como actuacións relacionadas coa promoción da saúde. Adicionalmente ao servizo de vixilancia da saúde, os Socios Traballadores mutualistas teñen acceso ao cadro médico de Lagun Aro.

Ademais, anualmente EROSKI organiza accións formativas en materia de saúde e seguridade. O pasado ano impartíronse máis de 88.000 horas nesta materia, cunha media de 3,2 horas por empregado.

As persoas traballadoras de EROSKI participan tamén na identificación de riscos e melloras das condicións laborais con propostas ás cadeas de mando e mais aos Comités de Saúde e Seguridade e a outros órganos de representación societaria. A través destes Comités, os traballadores e traballadoras contan con representación por medio dos seus delegados de prevención, e alí trátanse os temas relacionados coa seguridade e saúde no traballo.

“En EROSKI desenvolvemos un labor proactivo para materializarmos o noso compromiso coa seguridade e saúde de todo o noso persoal. Melloramos de maneira continua as medidas de prevención de riscos laborais e de fomento da saúde no traballo mediante unha integración real da prevención no sistema xeral da xestión da empresa”, explica Fernández Ibañez.

 

Fundación Internacional OPR (Occupational Risk Prevention)

A Fundación Internacional ORP (Occupational Risk Prevention) é unha institución de carácter internacional, independente e sen ánimo de lucro comprometida na mellora da calidade da vida laboral e na mellora da innovación das empresas. Promove estudos, reunións, seminarios, escolas de verán, simposios, congresos e plans formativos que permiten darlles pulo aos diferentes sectores económicos e que contribúen a mellorar a produtividade e a competitividade do tecido empresarial e a calidade da vida laboral.A Fundación marcouse como fin principal a innovación e os servizos integrais en orientación, promoción de servizos de difusión do coñecemento, en materia laboral, económica e social.

Grupo EROSKI

EROSKI é o primeiro grupo de distribución de carácter cooperativo de España e un dos líderes do norte do mercado español (Galicia, País Vasco, Navarra, Cataluña e Baleares), cunha cota superior ao 12% nese mercado. A súa rede comercial elévase a 1.656 establecementos. Ademais, conta con máis de 6 millóns de Socios Clientes e con máis de 30.000 socios cooperativistas, traballadores e franquiados.

 

Compartir en: