EROSKI e Cruz Vermella asinan un convenio de colaboración para promover a inserción laboral de mulleres vítimas de violencia de xénero
Compromiso coa integración sociolaboral de colectivos en situación de vulnerabilidade
O obxectivo é favorecer a incorporación ao mundo laboral deste colectivo
A rúbrica celebrouse no marco da celebración do Día Internacional para a eliminación da violencia contra a muller
EROSKI e Cruz Vermella Española asinaron un acordo de colaboración para promover a inserción laboral das mulleres vítimas de violencia de xénero. O convenio foi rubricado pola responsable autonómica de emprego de Cruz Vermella Española, Teresa Romero, e mais pola responsable do Observatorio de Igualdade de EROSKI, Marta Carazo, no marco do 25-N, Día Internacional para a eliminación da violencia contra a muller.
O obxectivo do acordo é promover a colaboración conxunta que facilite a mellora da empregabilidade das persoas que teñen menos oportunidades de acceso ao emprego, especialmente mulleres vítimas de violencia de xénero, incentivando cambios cara a un mercado laboral xusto e igualitario. Ademais, ambas as dúas organizacións promoverán tamén a difusión de campañas e mensaxes de sensibilización social.
“Sempre é un pracer contar con empresas comprometidas, dinámicas e relevantes como EROSKI, aliñadas xunto a Cruz Vermella para acadar a plena inserción de todas aquelas persoas que se atopan en situación de dificultade. O emprego convértese así nun dos elementos clave para a integración total desas persoas”, destaca a responsable autonómica de emprego de Cruz Vermella Española, Teresa Romero.
“Coa sinatura deste convenio damos un paso máis cara a adiante coa firme vontade de axudar as mulleres vítimas de violencia de xénero a se inseriren no mundo laboral e a se integraren no noso equipo, na confianza de que iso contribúa á súa recuperación e á construción do seu novo futuro. Todo iso encamiñado a contribuír de xeito efectivo a facer posible unha sociedade máis xusta e solidaria, un compromiso que está recollido nos nosos valores corporativos dende a nosa orixe”, explicou a responsable do Observatorio de Igualdade de EROSKI, Marta Carazo.
EROSKI conta dende o 2005 co Observatorio de Igualdade, unha ferramenta para velar polo cumprimento deste principio en toda a organización que no 2023 cumpriu 18 anos. E, no 2023, coa aprobación do Plan de Igualdade do Grupo EROSKI, establecemos unha Comisión de Igualdade para todas as sociedades que o compoñen.
Compartir en: