EROSKI e Circularcaps asinan un acordo para impulsar a reciclaxe de cápsulas de café
Compromiso por un consumo máis sostible
Máis de 700 tendas da rede comercial de EROSKI xa dispoñen de puntos de recollida de Circularcaps
EROSKI converteuse no 2018 no primeiro gran distribuidor de alimentación en España en instalar colectores específicos nos seus puntos de venda e leva recuperadas xa máis de 400 toneladas de cápsulas de café
Circularcaps conta actualmente cunha rede de máis de 6.500 puntos de recollida que dan servizo a preto de 42 millóns de persoas
EROSKI e Circularcaps asinaron un acordo de colaboración para impulsar a reciclaxe de cápsulas de café usadas facilitando que os consumidores poidan depositalas nas súas tendas. Para iso, EROSKI instalou este mes os novos colectores amarelos característicos de Circularcaps en máis de 700 tendas da súa rede comercial, onde os clientes poderán entregar cápsulas de aluminio ou plástico.
EROSKI retornará as cápsulas depositadas por loxística inversa ás súas plataformas de distribución, minimizando así tamén o impacto ambiental polo transporte dos residuos. Circularcaps, que conta xa cun máis de 6.500 puntos de recollida que dan servizo a preto de 42 millóns de persoas, recollerá as cápsulas para a súa posterior reciclaxe, dándolles unha segunda oportunidade aos materiais recuperados e producindo fertilizante a partir dos restos orgánicos do café.
“A sinatura deste convenio alíñase co noso compromiso coa sustentabilidade en todos os procesos, garantindo en todo momento unha correcta recollida selectiva de residuos de cápsulas de café. Isto vainos permitir continuar coa recuperación do 100% das materias primas da cápsula e facilitarlles aos nosos clientes minimizar o impacto ambiental asociado ao seu consumo“, explicou o director de Saúde e Sustentabilidade de EROSKI, Alejandro Martínez Berriochoa.
Pola súa banda, o presidente de Circularcaps, Alberto Vega, sinalou que “celebramos poder contar con EROSKI no equipo de Circularcaps. A súa incorporación é reflexo dos esforzos que realiza para avanzar no modelo de economía circular, poñendo no centro o consumidor e proporcionándolles unha segunda vida ao plástico, ao aluminio e aos pousos de café”.
Primeira cadea de alimentación en instalar colectores específicos
EROSKI converteuse no 2018 na primeira cadea de gran distribución de alimentación en España en instalar colectores para a reciclaxe de cápsulas de café. Iniciou este servizo nalgúns dos seus puntos de venda do País Vasco, Navarra e Baleares como parte dunha experiencia piloto e a partir do 2019 espallouno de xeito progresivo polo resto da rede comercial. Grazas a esta iniciativa leva recuperadas xa máis de 400 toneladas de cápsulas de café para lles dar unha segunda vida.
EROSKI está fortemente comprometida co respecto ao medio natural e para iso desenvolve diversas iniciativas que teñen como obxectivo minimizar o impacto da súa actividade no contorno no que opera. O uso sostible dos recursos, a redución da pegada ambiental, a promoción da economía circular, a prevención do cambio climático e a defensa da biodiversidade son imperativos ineludibles que EROSKI recolle nos seus Compromisos en Saúde e Sustentabilidade e nos que tamén se enmarca esta iniciativa de instalación de puntos de recollidas de cápsulas de café para a súa reciclaxe.
Como parte deste compromiso, EROSKI recupera ao ano máis de 1.750 toneladas de residuos dos seus clientes para a súa reciclaxe, entre cápsulas de café, aparellos eléctricos e electrónicos, lámpadas e fluorescentes, pilas e acumuladores de enerxía, téxtil ou aceite usado.
Reciclaxe colaborativa
Circularcaps ofrece un único sistema de reciclaxe de cápsulas de café, de aluminio e mais de plástico, e garante unha solución integral e a circularidade das cápsulas de café. O sistema de reciclaxe baséase nun modelo colaborativo entre o consumidor, a distribución, as administracións locais e as empresas do sector, proporcionándolles unha segunda vida ao plástico, ao aluminio e aos pousos de café, reducindo o volume de residuos e contribuíndo á mellora das taxas de reciclaxe.
Sobre EROSKI
EROSKI é o primeiro grupo de distribución de carácter cooperativo de España e un dos líderes do norte do mercado español. A súa rede comercial, a peche do exercicio 2023, elévase a 1.533 establecementos, entre supermercados, hipermercados, cash & carry e supermercado online; amais de gasolineiras, tendas de deporte e outros negocios non alimentarios. Ademais, conta tamén con máis de 6 millóns de Socios Clientes e con máis de 27.400 Socios Cooperativistas e Traballadores aos que hai que sumar o colectivo de traballadores das 629 tendas franquiadas.
Sobre Circularcaps
Circularcaps é unha organización sen ánimo de lucro que se constituíu o 13 de xullo do 2021 co obxectivo de crear, desenvolver e xestionar un ambicioso sistema colectivo de recollida e reciclaxe de ámbito nacional de cápsulas de café post consumo de plástico e de aluminio. Baixo o paraugas da Asociación Española do Café (AECafé), 24 empresas —AB Café – Sevillana de Café, BOU café, Café Arabo, Café Dromedario, Café Fortaleza, Café Jurado, Café Rico, Cafento, Cafés Baqué, Cafés Batalla, Cafés BO, Cafés Guilis, Cafés La Brasileña, Cafés Orús, Cafés Toscaf, Coffee Productions SL, Expressate, Fast Eurocafé (Cafés Oquendo), General Coffee Blenders, Global Coffee Industries, Grupo UCC, Jacobs Douwe Egberts (JDE), Nestlé España e Produtos Solubles (PROSOL)- sumáronse a esta iniciativa para impulsar un único sistema de reciclaxe de cápsulas de café, de aluminio e plástico, que garanta unha solución integral para o sector. En febreiro do 2023, illycaffè adheriuse á iniciativa. En total, son xa 25 empresas fabricantes de cápsulas de café as que conforman a alianza. As compañías empregan, de base, o sistema de reciclaxe que Nestlé, a través das marcas Nescafé Dolce Gusto e Nespresso, puxo en marcha en España no 2010.
Compartir en: