• As vendas brutas alcanzan os 5.885 M€, un 2,7 % máis ca no 2023

  • O seu resultado antes de impostos medra un 23 % e supera os 127 M€

  • O beneficio operativo mantense estable en 259 M€, malia ao contorno de custas crecentes

  • O seu ebitda alcanza os 332 M€, superando a cifra do exercicio anterior

  • Amortizouse débeda por importe de 59 M€, incluíndo 15 M€ de amortización extraordinaria

O grupo EROSKI pechou as contas do exercicio 2024, a 31 de xaneiro do 2025, cun resultado antes de impostos de 127,2 millóns de euros, un 23 % superior ao do 2023. Logo de aplicar un gasto de 45,5 millóns de euros en concepto de Imposto sobre Sociedades, o seu resultado neto positivo ascendeu a 81,7 millóns de euros que, nun contexto aínda desafiante para a distribución comercial, reforza a solidez financeira do grupo.

As súas vendas brutas aumentaron un 2,7 % nun contorno con menor efecto inflacionario, ata alcanzaren os 5.885 millóns de euros, impulsadas especialmente polo crecemento do 3,3 % no eido alimentario.

Resultados robustos

O beneficio operativo do grupo ao peche do exercicio pasado mantívose estable en 259 millóns de euros, en liña co 2023, malia ao incremento das custas salariais e operativas. O seu ebitda, lixeiramente superior ao do exercicio anterior, medrou ata 332 millóns de euros, o que demostra a solidez da súa actividade ordinaria e reflicte a eficiencia da súa xestión e a capacidade do grupo para manter o seu rendemento operativo.

Durante o 2024, o grupo amortizou 59 millóns de euros de débeda, 15 millóns máis do comprometido, situando o importe pendente de amortizar en 948 millóns de euros ao peche do exercicio, incluíndo as Obrigas Subordinadas. Esta redución contribúe a reforzar a súa estrutura financeira e a optimizar o custo de financiamento futuro. A xestión consistente da débeda permitiu, ademais, unha diminución efectiva dos gastos financeiros do grupo, que no 2024 tampouco se viron afectados por gastos de reordenación coma no exercicio precedente.

Eficiencia, tecnoloxía e aforro

Ao longo do exercicio 2024, o grupo EROSKI continuou a avanzar de xeito notable no control e optimización dos seus gastos operativos, seguindo a liña de eficiencia implantada en exercicios anteriores. As iniciativas de aforro e mellora implantadas, as novas e mais as xa consolidadas, permitiron limitar o forte impacto dos incrementos de custas, fundamentalmente salariais. Entre as principais actuacións destacan a mellora da produtividade nas operacións de punto de venda, o incremento da eficiencia en plataformas loxísticas e de subministración e a optimización dos gastos indirectos.

Neste avance foi clave o pulo que se lle deu á tecnoloxía como panca para mellorar a eficiencia en toda a cadea de valor e, asemade, enriquecer a experiencia de compra das persoas consumidoras. Nesta liña, o grupo vai destinar 100 millóns de euros ao longo do presente plan estratéxico para seguir avanzando na automatización e dixitalización de procesos, no desenvolvemento de algoritmos avanzados de previsión de demanda, na personalización da proposta comercial e na aplicación de modelos de intelixencia artificial orientados a optimizar o mix de prezo, oferta e promoción.

Estas melloras fortaleceron a súa posición competitiva no tocante a prezos e atractivo comercial das súas tendas. Así, o grupo, ao longo do pasado exercicio, transferiu ao mercado aforros por importe de case 408 millóns de euros a través de diferentes iniciativas comerciais, ofertas, descontos personalizados e exclusivos vinculados aos seus clubs de fidelización, e mais a través de plans de aforro e beneficios específicos para as familias. Entre estas medidas cómpre salientar a campaña “Sempre Bo Prezo”, que no 2024 permitiu rebaixar 2.000 produtos. Continúa activa no 2025 e espallou as rebaixas a 700 produtos novos, consolidando así o seu compromiso coa economía dos fogares.

“Malia á volatilidade existente, demostramos unha notable resiliencia, consolidando a nosa posición como un grupo sólido e en crecemento. Alén das cifras, que reflicten unha xestión eficiente e un enfoque estratéxico acertado, enorgulléceme destacar como equilibramos o rendemento económico co noso compromiso social”, sinalou a CEO de EROSKI, Rosa Carabel. Durante a presentación de resultados, Carabel tamén subliñou: “investimos significativamente en innovación para mellorar a experiencia de compra e optimizar as nosas operacións, á vez que reforzamos o aforro das familias e apoiamos as comunidades nas que operamos. Este éxito é froito do esforzo de todas as persoas que formamos parte de EROSKI e impúlsanos a seguir construíndo un futuro máis próspero e sostible”.

Transformación comercial e solidariedade

No 2024, o grupo EROSKI continuou coa transformación da súa rede comercial coa renovación de 36 tendas ao seu modelo de nova xeración, máis ecoeficientes e centradas en produto local e frescos e en mellorar a experiencia das persoas consumidoras. Tamén abriu 60 novos establecementos —7 propios e 53 franquiados—, consolidando o seu liderado de proximidade.

A súa contribución social no mesmo período ascendeu a 26,4 millóns de euros, grazas ao esforzo das persoas socias consumidoras, á colaboración coas institucións e administracións a través da tarxeta solidaria e á achega de EROSKI e a Fundación EROSKI.

Resultados da cooperativa

As vendas brutas da cooperativa matriz, EROSKI Sociedade Cooperativa, alcanzaron os 2.227 millóns de euros, un 2,7 % máis ca no 2023. Pechou o exercicio 2024 cun beneficio de 133 millóns de euros. Na vindeira Asemblea Xeral, o Consello Reitor proporá destinar a totalidade do excedente dispoñible, unha vez abonados os xuros dos AFSES, a reforzar os fondos propios da cooperativa.

Sobre o grupo EROSKI

EROSKI é o primeiro grupo de distribución de carácter cooperativo de España e un dos líderes do norte do mercado español —desde Galicia a Baleares— cunha cota de mercado do 12,7 % na devandita zona; é líder no País Vasco, Navarra e Galicia e colíder en Baleares. A súa rede comercial, a peche do 2024, elévase a 1.502 establecementos, entre supermercados, hipermercados, cash & carry e supermercados en liña, amais de gasolineiras, tendas de deporte e outros negocios non alimentarios. Ademais, conta tamén con máis de 6,4 millóns de Socios Clientes e con máis de 27.600 Socios Cooperativistas e Traballadores, dos cales preto de 8.500 son socios propietarios. A eles cómpre sumarlles o colectivo de traballadores das máis de 600 tendas franquiadas.

Compartir en: