• O ebitda superou os 331 M€ impulsado polas medidas de eficiencia aplicadas en todos os procesos

  • A cifra de vendas brutas ascendeu a 5.729 M€

  • Continuou a redución da marxe bruta, un esforzo para mitigar o traslado das maiores custas aos prezos

  • No 2023 EROSKI completou unha emisión de bonos por 500 M€ e amortizou anticipadamente o total da súa débeda sindicada

  • A cooperativa matriz, EROSKI S. Coop., pechou o exercicio cun beneficio de 79 M€

O grupo EROSKI pechou as contas do exercicio 2023, a 31 de xaneiro do 2024, cun resultado positivo de 109 millóns de euros, que representa un 1,89% sobre as vendas brutas. O seu beneficio operativo elevouse ata os 259 millóns de euros, o que supón un aumento do 26,9% con respecto ao 2022.

O volume de actividade tamén aumentou, e alcanzou unhas vendas brutas de 5.729 millóns de euros, un 6,3% superiores ás do exercicio previo, malia a que continuou a redución da marxe bruta porcentual —iniciada xa o exercicio anterior co obxectivo de mitigar o traslado de maiores custas aos prezos de venda—, acumulando un descenso de 1,2 puntos porcentuais no período 2022-2023. Este esforzo traduciuse nunha salientable mellora na actividade de distribución alimentaria en todas as rexións onde ten presenza.

Todo iso, tal e como explicou a CEO do grupo, Rosa Carabel, “nun contexto no que continuou a forte e constante suba das custas dos produtos vendidos e mais dos servizos directos necesarios para o desenvolvemento da actividade. Pechamos un ano de progreso significativo e de desempeño extraordinario, cunha xestión eficaz fronte á inflación, no que as estratexias aplicadas lles deron resposta aos desafíos económicos actuais. Para iso, os esforzos en eficiencia foron fundamentais e avanzouse de maneira robusta no control e mellora dos gastos e mais na produtividade e eficiencia nas nosas plataformas e en toda a cadea de subministración. Esta optimización permitiunos tamén fortalecer a posición de EROSKI en prezo e atractivo comercial”.

Como resultado de todo iso, o seu ebitda mellorou preto do 18%, ata os 331 millóns de euros, cunha ratio sobre vendas brutas do 5,77%, catro décimas por riba do porcentual do exercicio previo.

Nova estrutura financeira

A finais do terceiro trimestre do 2023, o grupo EROSKI amortizou anticipadamente 703 millóns de euros correspondentes ao total da débeda sindicada vixente tras o acordo subscrito no 2019, e redefiniu a súa estrutura financeira ao pechar con éxito unha emisión de bonos por un importe nominal de 500 millóns de euros, con colocación exclusiva en investidores institucionais, complementando este importe co achegado por diversas entidades financeiras que continuaron apoiando a EROSKI. Este proceso implicou determinados gastos non recorrentes que explican, en boa parte, o incremento dos gastos financeiros do exercicio.

Actuacións para paliar a inflación, 384 M€ de aforro transferido

Durante o 2023 continuou o aumento sostido da inflación en alimentación e nas custas directas de explotación. EROSKI puxo o foco, un ano máis, en tratar de paliar, na medida do posible, o seu efecto nos prezos de venda, transferíndolle ao mercado aforros por importe de 384 millóns de euros a través de diferentes iniciativas comerciais, ofertas, descontos personalizados e exclusivos vinculados aos seus clubs de fidelización, e mais a través de plans de aforro e beneficios vinculados ás familias. Deste xeito, EROSKI demostra novamente o seu alto nivel de responsabilidade e compromiso coas persoas consumidoras neste contexto económico.

 

Crecemento, innovación e solidariedade

EROSKI seguiu a aumentar a súa rede comercial no 2023, cun balance de 74 novos supermercados entre propios e franquiados e unha gasolineira, e ampliou a súa presenza nas rexións de Andalucía, Aragón, Baleares, Cataluña, Castela A Mancha, Castela e León, Comunidade Valenciana, Estremadura, Galicia, Madrid e País Vasco. Tamén continuou coa renovación e adecuación da súa rede comercial, transformando 8 hipermercados, 62 supermercados propios, 6 supermercados franquiados e 9 ópticas.

Do mesmo xeito, o grupo destinou máis de 15 millóns de euros a proxectos de innovación e desenvolvemento. Ao longo do pasado exercicio, EROSKI participou en 31 iniciativas de innovación, dez delas en proxectos de colaboración europeos con centros tecnolóxicos, universidades e startups.

A contribución social do grupo EROSKI no 2023 ascendeu a 23 millóns de euros, grazas ao esforzo das persoas socias consumidoras, á colaboración con institucións e administracións a través da tarxeta solidaria e á achega de EROSKI e da Fundación EROSKI, que contribuíron con dous euros por cada un doado polos clientes. Estes fondos destináronse a proxectos de solidariedade e acción social, ao apoio ás familias e colectivos con necesidades especiais, á formación e información ás persoas consumidoras, e á cultura, o ocio e o contorno local.

A cooperativa obtén 79 M€ de beneficio

Pola súa banda, o volume de actividade da matriz cooperativa EROSKI S. COOP. aumentou un 16,66%, ata os 1.969,7 millóns de euros, e presentou un resultado positivo de 79 millóns de euros, fronte aos 32 millóns do mesmo período do exercicio anterior.

EROSKI incorporou 595 persoas como socios cooperativistas no 2023. O Consello Reitor proporá na vindeira Asemblea Xeral destinar a case totalidade do beneficio a reforzar os fondos propios da cooperativa.

Sobre o grupo EROSKI

EROSKI é o primeiro grupo de distribución de carácter cooperativo de España e un dos líderes do norte do mercado español —dende Galicia a Baleares—, cunha cota de mercado do 12,8% nesta zona; é líder no País Vasco, Navarra e Galicia e colíder en Baleares. A súa rede comercial, a peche do 2023, elévase a 1.533 establecementos, entre supermercados, hipermercados, cash & carry e supermercados online; conta ademais con gasolineiras, tendas de deporte e con outros negocios non alimentarios. Ademais, conta con máis de 6,4 millóns de Socios Clientes e con máis de 27.400 Socios Cooperativistas e Traballadores, dos cales preto de 9.000 son socios propietarios, aos que hai que sumar o colectivo de traballadores das máis de 620 tendas franquiadas.

Compartir en: