EROSKI supera os 500 millóns de euros en compras de produto local vasco en 2025
Balance das compras de produto local

- EROSKI colabora con 367 provedores comerciais vascos (máis do 67 % son pequenos produtores locais) e acada nas súas tendas 7.991 referencias de produto do País Vasco.
- As compras comerciais ascenderon a 503 millóns de euros en 2025, dos que 231 millóns corresponden a pequenos produtores groalimentarios.
- A cooperativa reforzou o seu compromiso co sector primario vasco coa renovación do seu convenio de colaboración co Goberno Vasco.
EROSKI mantén o seu compromiso co produto local e co sector agroalimentario vasco, despois de acadar en 2025 un volume de compras comerciais de produto de máis de 503 millóns de euros. Durante o último exercicio, a cooperativa colaborou con 367 provedores comerciais vascos e ofreceu nas súas tendas 7.991 referencias de produtos locais. Delas, 2.432 corresponden a 248 pequenos produtores agroalimentarios locais, aos que EROSKI lles mercou por valor de 231 millóns de euros. A aposta polo produto de proximidade forma parte da identidade de EROSKI e do seu compromiso de xerar riqueza na contorna, apoiar o sector primario e fomentar unha alimentación máis sostible e próxima.
«En EROSKI, entendemos o produto local como unha forma de xerar riqueza na contorna, fortalecer o tecido agroalimentario e manter vivo o medio rural. O noso compromiso é seguir acompañando os produtores e provedores locais para construír de forma conxunta un modelo alimentario máis sostible, competitivo e conectado coas necesidades das persoas consumidoras», afirmou Asier Guridi Aramburu, director comercial de Produtos Locais.
Destaca o aumento do 8 % nas compras de vacún e produtos cárnicos elaborados, distribuídos en distintas categorías e comercializados con selos de calidade como Euskal Okela e Eusko Label, en colaboración con HAZI.
A categoría de froitas e hortalizas tamén rexistrou un crecemento próximo ao 7 %, impulsado especialmente por produtos como o tomate e a pataca Eusko Label. Ademais, a sección de peixaría continúa a mostrar unha evolución positiva, cun crecemento superior ao 4 % grazas a unha boa campaña do bonito.
Tamén salienta a evolución das compras que se rexistra na categoría de solucións culinarias, cun incremento do 11 %, o que reflicte a crecente demanda de produtos de conveniencia por parte das persoas consumidoras. Nesta sección destacan sobre todo os primeiros e segundos pratos listos para consumir.
Renovación do convenio co Goberno Vasco
Na liña deste compromiso, EROSKI e o Goberno Vasco renovaron o pasado mes de outubro o seu convenio de colaboración, que ambas as entidades manteñen desde 2013, para fortalecer e desenvolver a industria agroalimentaria local en Euskadi. O acordo, cunha vixencia de tres anos, consolida a aposta compartida por un sector agroalimentario sostible, innovador e xerador de riqueza na contorna.
Desde a sinatura do primeiro convenio, as vendas de produto local vasco en EROSKI aumentaron un 217 % nos produtos frescos e un 133 % en alimentación. Salientan sobre todo os crecementos que se rexistraron en categorías como hortalizas, carne, queixo, leite e produtos co selo Eusko Label.
No marco deste convenio, a cooperativa continuará a impulsar iniciativas como o seu programa de acompañamento aos pequenos produtores locais, activo desde 2022, que axuda os axentes do sector a medrar, profesionalizarse e afrontar os retos dun mercado cada vez máis esixente. Na actualidade, máis de cen produtores locais participan neste programa en Euskadi.
O acordo tamén inclúe novas liñas de colaboración para fomentar a innovación e o desenvolvemento de produtos xunto con entidades como Azti, Neiker, Elika e o Basque Culinary Center, ademais de reforzar a promoción e a visibilidade do produto local nas tendas EROSKI mediante a sinalización e espazos destacados.