• O programa, que dirixe os seus contidos a centros escolares e ás súas familias, enmárcase dentro dos Compromisos pola Saúde e Sustentabilidade de EROSKI

  • Conta co financiamento do Ministerio de Dereitos Sociais e Axenda 2030

  • O Programa Educativo en Alimentación e Hábitos de Vida Saudables (PEAHS) da Fundación EROSKI foi galardoado con numerosos recoñecementos, entre eles “O Chupete” do Festival Internacional de Comunicación Infantil e mais o Premio NAOS outorgado polo Ministerio de Sanidade e Consumo

Un total de 2.110.000 escolares menores de 12 anos leva participado ata hoxe no Programa Educativo en Alimentación e Hábitos de Vida Saudables (PEAHS) que organiza todos os anos a Escola de Alimentación da Fundación EROSKI desde que comezou o programa no 2012. Esta cifra equivale ao 72% do universo total de escolares de infantil e primaria de España. Deste xeito, EROSKI segue a avanzar no seu obxectivo de previr a obesidade infantil, fito que forma parte dos 10 Compromisos pola Saúde e a Sustentabilidade que a cooperativa incorporou á súa xestión no ano 2018.

“Logo de 12 anos de andaina podemos afirmar que o Programa Educativo PEAHS é unha iniciativa exitosa, moi ben valorada polos escolares e mais polos docentes e pais. A educación é a base para avanzarmos cara a unha nutrición máis sa, que evite problemas de saúde nos nenos e nenas e, en EROSKI, dámoslles moita importancia aos programas educativos destinados a fomentar unha alimentación saudable e a promocionar os hábitos de vida saudable. Cómpre estarmos presentes nos centros escolares para divulgarmos pautas para unha mellor nutrición a través de diferentes iniciativas”, sinalou o director da Fundación EROSKI, Alejandro Martínez Berriochoa.

O Programa Educativo en Alimentación e Hábitos de Vida Saudables (PEAHS) foi configurado por un comité científico formado por profesionais de diferentes disciplinas: medicina e pediatría, nutrición e dietética, psicopedagoxía e pedagoxía. Este curso, polo que pasaron 213.629 escolares de 2.352 centros educativos, contou co financiamento do Ministerio de Dereitos Sociais e Axenda 2030.

Os contidos actuais do programa están dirixidos a escolares de primaria (6-12 anos) e de educación infantil (3-6 anos) de todos os centros escolares de España e buscan formar o alumnado nos elementos básicos dunha alimentación equilibrada, hábitos de vida saudables, o coñecemento de produtos locais, as dietas de diferentes culturas do mundo e a sustentabilidade do planeta. Amais de materiais didácticos para os docentes, ofrécense xogos interactivos con retos e premios centrados na promoción da alimentación equilibrada con diferentes niveis de dificultade adaptados aos rangos de idade de 6 a 8 anos, 8 a 10 anos e 10 a 12 anos. Os centros e as familias poden acceder dixitalmente a contos, actividades experimentais e sensoriais, xogos para a clase e para facer en familia e cómics especificamente deseñados para cada nivel.

Un dos elementos do programa mellor valorados por profesores e escolares son os obradoiros presenciais en tendas EROSKI, nos que se lles ensina aos nenos e ás nenas a faceren unha compra saudable e responsable e a prepararen receitas de cociña fáciles, divertidas e saudables. Algúns deles, os Obradoiros Chef da Clase, impártense xunto co Basque Culinary Center. Ademais, Unicef, WWF e a Fundación Española do Corazón, entidades colaboradoras da Escola de Alimentación de EROSKI ao longo destes doce anos de andaina, contribuíron á definición de parte dos contidos do programa.

Durante o pasado curso, realizáronse 555 obradoiros en tendas de EROSKI, Caprabo e Vegalsa, nos que participaron case 12.000 escolares de educación infantil e primaria.

Recoñecementos á promoción de hábitos saudables

O programa formativo da Fundación EROSKI para promover unha alimentación máis saudable conta con numerosos recoñecementos. Entre eles, o Premio “O Chupete” do Festival Internacional de Comunicación Infantil en recoñecemento á comunicación dirixida a menores; o Premio NAOS outorgado polo Ministerio de Sanidade e Consumo en recoñecemento á súa achega á saúde dos consumidores e á difusión de hábitos de vida saudables; o Selo Gosasun de Innobasque (Axencia Vasca de Innovación); Premio Cidadán na categoría de Saúde e Calidade de Vida; o Premio do Centro Catalán da Nutrición(CCNIEC); e o Premio OCARE á “Mellor campaña de comunicación RSC con sociedade civil”.

 

Compartir en: