• A campaña desenvolverase en hipermercados, supermercados e franquías da súa rede comercial

  • Á tradicional recollida de produtos en tenda os días 23 e 24 de maio, súmase a posibilidade de doar o importe que se desexe na caixa durante toda a semana. Con estas doazóns, os Bancos de Alimentos adquirirán os produtos máis necesarios durante todo o ano

  • EROSKI colabora desde hai 29 anos con FESBAL

Durante esta fin de semana, EROSKI pon en marcha un ano máis a tradicional campaña Recollida Primavera xunto coa Federación Española de Bancos de Alimentos (FESBAL), co fin de recadar as doazóns dos consumidores que queren axudar aos colectivos máis vulnerables. A iniciativa, que se desenvolverá hoxe e mañá, realizarase en hipermercados, supermercados e franquías da súa rede comercial.

Levarase a cabo mediante unha dobre modalidade de doazón: a entrega física tradicional de produtos os días 23 e 24 de maio e mais as doazóns económicas polo importe que os consumidores desexen ao pasaren por caixa. Ao termo da campaña, estas achegas quedarán ao dispor dos Bancos de Alimentos para adquirir os produtos que consideren máis convenientes e necesarios, o que permitirá cubrir as necesidades básicas de alimentación de centos de familias durante todo o ano. EROSKI fará unha doazón adicional á dos seus clientes, que se sumará ás achegas que fai anualmente a fins sociais e que ascenden a máis de 10 millóns de euros.

“En EROSKI temos un compromiso coa sociedade, na que as persoas en situación de vulnerabilidade ocupan un lugar destacado. Por iso, un ano máis apelamos á solidariedade dos nosos clientes cos colectivos máis necesitados”, explicou o director de Saúde e Sustentabilidade de EROSKI, Alejandro Martínez Berriochoa.

“Quero agradecer o compromiso continuado de EROSKI coa campaña Recollida Primavera que vai ter lugar esta vindeira fin de semana. A vosa implicación e mais a dos vosos clientes coas súas achegas de alimentos ou doazóns en caixa permítelles aos bancos de alimentos abastecer os seus almacéns e aliviar a situación de milleiros de persoas que non poden acceder a unha alimentación digna”, sinala Pedro Llorca Llinares, presidende da Federación Española de Bancos de Alimentos.

EROSKI e os seus clientes doaron o pasado ano máis de 2.000 toneladas de alimentos entre a Recollida de Primavera en maio e a Gran Recollida de novembro, o que equivale a 4,6 millóns de comidas para alimentar a 1.269 familias nun ano, destinadas a persoas que atravesan dificultades económicas ou están en risco de exclusión social.

29 anos de colaboración cos Bancos de Alimentos

A colaboración de EROSKI cos Bancos de Alimentos remóntase a 1996, a proposta do Banco de Alimentos de Biscaia e dos propios consumidores, que lle demandaban á cooperativa iniciativas solidarias dirixidas a colectivos desfavorecidos e a persoas en risco de exclusión social. Así naceron ese mesmo ano as campañas de recollida de alimentos nas tendas EROSKI.

Posteriormente, EROSKI iniciou o seu programa de doazón de alimentos envasados próximos á súa data de consumo preferente, pero aínda aptos para o seu consumo con total seguridade alimentaria, grazas ao cal doa máis de 5.000 toneladas de alimentos cada ano.

EROSKI foi recoñecida co “Premio Espiga de Ouro”, o máximo galardón que lles outorga a Federación Española de Bancos de Alimentos a aquelas organizacións que destacan pola súa colaboración na redistribución solidaria dos excedentes alimentarios.

26 millóns de euros canalizados no 2024

EROSKI e os seus clientes canalizaron 26,4 millóns de euros o pasado ano para axudar a máis de 370.000 persoas a través de case 370 entidades sociais, grazas ás diversas iniciativas desenvolvidas dentro do seu Plan de Solidariedade.

Amais das doazóns aos Bancos de Alimentos, EROSKI leva a cabo outras iniciativas dentro do seu Plan de Solidariedade, entre as que destacan o programa ‘Desperdicio Cero’, o programa permanente ‘Céntimos Solidarios’ e as campañas puntuais de cooperación internacional.

Compartir en: