EROSKI pechou o primeiro trimestre do exercicio 2025 cun resultado positivo de 13,2 M€
Mantén o pulo comercial e consolida o seu crecemento sostido

As vendas brutas alcanzaron os 1.385 M€
O seu ebitda alcanzou os 59 M€, un 1,5 % máis sobre a cifra do ano anterior
O grupo EROSKI pechou as contas do primeiro trimestre do presente exercicio, do 1 de febreiro ao 30 de abril do 2025, cunha facturación que continuou coa senda de crecemento dos últimos exercicios. O volume de actividade alcanzou unhas vendas brutas de 1.385 millóns de euros.
As vendas brutas do eido alimentario foron o motor principal do devandito crecemento, cun aumento do 1,5 % con respecto ao mesmo período do 2024, ata alcanzaren os 1.316 M€. O resultado positivo do grupo elevouse ata os 13,2 millóns de euros, un 38 % superior ao primeiro trimestre do ano anterior.
Esta progresión está marcada pola boa recepción do esforzo promocional e de contención de prezos realizado polo grupo desde finais do 2021 co obxectivo de mitigar o traslado das maiores custas aos prezos de venda. Malia a que este investimento en aforro se deu, ademais, nun escenario de custas de explotación crecentes con respecto ao ano anterior, o grupo deu limitado o seu impacto grazas á continuidade nas súas iniciativas de mellora de eficiencia.
“O trimestre pechou en liña coas nosas previsións, reafirmando a solidez do noso modelo comercial e a efectividade das medidas adoptadas para reforzarmos o noso posicionamento competitivo, da nosa aposta para lles ofrecer ás persoas consumidoras unha capacidade de elección ampla de escolla, cunha aposta clara pola marca propia e mais polos produtos frescos cunha relación calidade–prezo extraordinaria; asemade, seguimos avanzando na implantación de iniciativas de mellora de eficiencia, moitas delas apoiadas en ferramentas de analítica avanzada e intelixencia artificial. Proba diso é que o ebitda nos tres primeiros meses do exercicio alcanzou os 59 millóns de euros, unha cifra que supera a obtida no mesmo período do ano anterior, o que reflicte a boa evolución da nosa actividade operativa e comercial”, afirmou a CEO de EROSKI, Rosa Carabel.
Sobre o grupo EROSKI
EROSKI é o primeiro grupo de distribución de carácter cooperativo de España e un dos líderes do norte do mercado español —desde Galicia a Baleares—, cunha cota de mercado do 12,7 % nesa zona; é líder no País Vasco e Galicia, e colíder en Baleares. A súa rede comercial, a peche do 2024, elévase a 1.502 establecementos, entre supermercados, hipermercados, cash & carry e supermercados en liña, amais de gasolineiras, tendas de deporte e outros negocios non alimentarios. Ademais, conta tamén con máis de 6,3 millóns de Socios Clientes e con máis de 27.600 persoas socias cooperativistas e traballadoras, das cales máis de 9.000 son socias propietarias; a elas cómpre sumar o colectivo de persoas traballadoras das máis de 600 tendas franquiadas.
Compartir en: