• O investimento global en 2024 superou os 8 millóns de euros e xeráronse 333 postos de traballo

  • No 2024, EROSKI foi recoñecida co premio á “Mellor Franquía” na categoría “Franquías de Supermercados de Proximidade” nos galardóns “Comercio do Ano 2024-2025”, amais de recibir o premio á “Franquía con Mellor Traxectoria” outorgado pola AEF

EROSKI inaugurou 53 franquías no 2024, cun investimento global superior aos 8 millóns de euros e coa creación de 333 novos postos de traballo. Esta expansión, sumada á transformación da súa rede de tendas propias, reforza o impulso do modelo comercial ‘Contigo’ que caracteriza os establecementos EROSKI.

As comunidades autónomas onde se concentrou o maior número de aperturas son Andalucía (17), Cataluña (13), Madrid e País Vasco (5). Séguenas Castela León (4), Navarra (3), A Rioxa (2) e Castela-A Mancha, Galicia, Valencia e Xibraltar (1).

EROSKI mantén o sólido ritmo de aperturas de franquías de anos anteriores, con máis de 300 inauguracións no últimos cinco anos. Ao longo do exercicio 2025, a compañía prevé abrir 54 novas franquías, continuando deste xeito a expansión da súa rede cun enfoque estratéxico en Cataluña, País Vasco, Andalucía, Madrid, Castela-A Mancha, Baleares, Galicia e Levante, para os vindeiros anos

“Estamos moi satisfeitos coa evolución da nosa rede franquiada, que supera os 600 establecementos. Acadamos os principais obxectivos, non só en termos de crecemento en vendas e rendibilidade, senón tamén no número de aperturas. Neste contexto, afrontamos con optimismo o novo exercicio e reafirmamos o noso compromiso de seguir a apoiar e acompañar os nosos franquiados”, destaca o director de Franquías de EROSKI, Alberto Cañas.

Formatos comerciais

As franquías de EROSKI responden ao modelo comercial “Contigo”, que integra todas as características, avances e vantaxes da súa rede de tendas propias. Este modelo destaca pola súa firme aposta polo produto local e rexional, pola promoción dunha alimentación saudable, polo compromiso co aforro dos seus clientes e por unha sólida responsabilidade social e ambiental, que se reflicte en iniciativas solidarias e na redución do impacto ambiental. Doutra banda, a franquía EROSKI está incorporada ao programa de fidelización do cliente EROSKI Club.

“En Franquías EROSKI seguimos a apostar pola innovación, colocando sempre as persoas consumidoras no centro da súa estratexia, ao ofrecermos solucións que facilitan e melloran a súa experiencia de compra. Nesta liña, continuamos evolucionando cun formato máis moderno e anovado, que destaca polo seu enfoque en produtos frescos e saudables, e adaptámonos así ás necesidades e novas tendencias de consumo”, comenta o director de Franquías EROSKI.

Confianza dos franquiados

EROSKI aposta de xeito decidido por achegar ao mercado algo diferente en canto ao modelo de franquía que prima hoxe. “Somos unha empresa de base cooperativa, de persoas traballadoras e de persoas consumidoras, con valores propios. Esta identidade permítenos comprender e atender mellor as necesidades dos nosos franquiados. Proba diso é que, segundo a última enquisa de satisfacción realizada no 2024, o 97 % deles valóranos positivamente”, destaca o director de Franquías de EROSKI.

“O 45 % da nosa rede de franquías actual pertence a multifranquiados, un indicador claro da solidez e da confianza que os empresarios depositan no noso modelo de negocio. Con máis de 45 anos de experiencia, este modelo optimizouse de xeito continuo e ofrece unha grande adaptabilidade, polo que funciona con éxito en diversas localizacións, desde centros urbanos ata gasolineiras e universidades. A preferencia dos nosos franquiados por seguir investindo nas franquías EROSKI reflicte non só a súa satisfacción, senón tamén o éxito e a robustez do noso modelo de negocio”, subliña Alberto Cañas.

En EROSKI, o franquiado é o centro de todas as accións, xa que se lle recoñece como o principal motor de crecemento do negocio de EROSKI Franquías. Para brindarlle un apoio integral, a central proporciona un acompañamento e formación continuos, un servizo loxístico sen custo adaptado ás necesidades reais de cada tenda e unha avanzada solución informática que optimiza a xestión de todos os procesos do negocio.

“Contamos cun equipo de especialistas en vendas que realiza visitas regulares aos centros franquiados, ofrecendo atención personalizada. Ademais, implementamos estratexias para mellorarmos a xestión do supermercado e apoiámolos coa planificación e execución de campañas e promocións no punto de venda”, expresa Cañas.

Recoñecementos á mellor franquía

O ano pasado, EROSKI foi galardoada co premio á ‘Mellor Franquía’ na categoría de ‘Franquías de Supermercados de Proximidade’ nos premios ‘Comercio do Ano 2024-2025’. Estes recoñecementos, outorgados polas persoas consumidoras, forman parte do maior certame de España e un dos principais estudos de mercado do sector retail. Ademais, EROSKI recibiu o premio á ‘Franquía con Mellor Traxectoria’ na edición celebrada este ano no Salón FrankiNorte de Vitoria, un galardón concedido pola Asociación Española de Franquiadores (AEF).

Igualmente, un dos franquiados de EROSKI foi recoñecido como o ‘Mellor Franquiado do Ano’ na categoría de alimentación, tamén pola AEF. Este premio destaca o seu labor cotián e como personifica os valores cos que EROSKI entende a franquía, reflectindo o esforzo na formación e no asesoramento continuo aos franquiados. Estes valores diferenciadores trasládanse con éxito a toda a rede, apoiados por un sólido plan de márketing para as franquías de EROSKI.

Convenios de colaboración

EROSKI mantén un convenio de colaboración coa Confederación Española de Asociacións de Xoves Empresarios (CEAJE) para apoiar e impulsar o emprendemento entre empresarios e autónomos novos. Con esta iniciativa, non só reforza o seu compromiso cos emprendedores, senón que tamén contribúe ao desenvolvemento da economía local nas distintas comunidades autónomas.

Así mesmo, EROSKI segue a ampliar o seu modelo de empregabilidade para persoas con discapacidade e reinserción social, unha iniciativa que comezou no 2015. Actualmente, conta con 10 tendas adaptadas a este modelo: catro no País Vasco en colaboración con GUREAK, catro en Castela e León xunto a SOLTRA e dúas en Cataluña da man de AMPANS e ENTREM.

Compartir en: