EROSKI evita o desperdicio de 10.000 toneladas de alimentos no primeiro semestre do ano
Grazas ás súas acción para loitar contra o desperdicio de alimentos
Durante os seis primeiros meses do ano, EROSKI doou máis de 1.200 toneladas de alimentos a través do seu programa Desperdicio Cero, equivalente a 5 millóns de comidas, grazas á súa colaboración con máis dun cento de entidades sociais
Entre as últimas novidades incorporadas atópase a colaboración coa app Too Good To Go, coa que EROSKI xa leva entregado máis de 288.000 paquetes de produtos a prezos reducidos
EROSKI súmase de novo á Semana contra o Desperdicio Alimentario que impulsa AECOC
EROSKI evitou o desperdicio de 10.000 toneladas de alimentos durante o primeiro semestre do 2024 grazas a diversas iniciativas levadas a cabo na súa loita contra o malgasto de alimentos. Son un total de 34 millóns de comidas que equivalen a alimentar a case 9.500 familias nun ano.
Durante os seis primeiros meses do ano, EROSKI leva doadas grazas ao seu programa Desperdicio Cero máis de 1.200 toneladas de alimentos a persoas en situación de vulnerabilidade, o que equivale a entregar máis de 5 millóns de comidas para alimentar a máis de 1.300 familias nun ano. Este programa garante que ningún alimento apto para o consumo se desbote nas súas tendas, senón que se lle entrega a organizacións sociais da contorna próxima de cada tenda ou plataforma loxística. Para levalo a cabo, EROSKI colabora coa Federación Española de Bancos de Alimentos -desde 1996- e mais con Cáritas, Cruz Vermella e Asociación Reto á Esperanza, entre moitas outras entidades sociais que axudan a colectivos desfavorecidos e a persoas en risco de exclusión.
“En EROSKI somos ben conscientes da problemática do malgasto de alimentos a escala mundial en termos sociais e económicos. Nas nosas accións contamos cun protocolo de actuación que garante a seguridade alimentaria nas doazóns de todos os produtos frescos e de alimentación que, estando en perfectas condicións de consumo, retiramos dos nosos estantes para cumprirmos co noso compromiso cos clientes de frescura máxima e bo aspecto do envase”, explica o director de Saúde e Sustentabilidade de EROSKI, Alejandro Martínez Berriochoa.
Outras iniciativas contra o desperdicio de alimentos
Outro dos proxectos actuais que leva a cabo EROSKI é a súa colaboración coa app Too Good To Go, na que restaurantes, hoteis, supermercados e todo tipo de establecementos de alimentación venden a prezo reducido o excedente de comida que non deron vendido ao final do día pero que son aptos para o consumo. A través desta iniciativa, EROSKI ofreceulles aos seus clientes a adquisición de 288.235 paquetes de produtos cunha ampla variedade de alimentos de calidade nesta primeira metade de ano.
Esta iniciativa súmase á promoción que EROSKI fai acotío nas súas tendas de alimentos próximos á súa data de consumo preferente ou de caducidade. Neste sentido, EROSKI comercializou máis de 7.300 toneladas de alimentos con importantes descontos, o que equivale a evitar o desperdicio de 29 millóns de comidas no primeiro semestre de 2024.
Doutra banda, a cadea de distribución doou 7,5 toneladas de alimentos non aptos para o consumo humano, pero si animal, a refuxios e zoolóxicos, e destinou 1.585 toneladas de subprodutos orgánicos para a produción de pensos e fariñas de orixe animal.
Innovación na xestión circular de residuos
EROSKI participa ademais en proxectos de innovación internacionais para lles buscar novas utilidades aos residuos alimentarios e avanzar deste xeito cara á economía circular. É o caso da colaboración en programas financiados pola Unión Europea como son FUSILLI, proxecto para impulsar a transformación dos sistemas alimentarios urbanos a través da implementación de living labs de innovación; SISTERS, que ten como obxectivo reducir a perda e o desperdicio de alimentos nas principais etapas da cadea de valor alimentaria en Europa a través de innovacións dirixidas a cada un dos seus elos; e ToNoWaste, dirixido a fomentar unha nova mentalidade de cero desperdicio de alimentos baseada no enfoque holístico. EROSKI colabora tamén no proxecto NOWASTE, financiado pola convocatoria de axudas HAZITEK do Goberno Vasco e desenvolvido polo centro de investigación Tecnalia, que busca desenvolver novos materiais de envasado como saída aos refugallos alimentarios, e que se centra en tecnoloxías de visión artificial para reducir o desperdicio alimentario.
Semana contra o Desperdicio Alimentario
EROSKI, ademais, leva a cabo unha morea de accións de sensibilización dos consumidores sobre o desperdicio alimentario. Ofrece, por exemplo, recomendacións de compra responsable e de conservación dos alimentos e suxestións de receitas de aproveitamento para os seus clientes. Neste contexto, sumouse á VII Semana contra o Desperdicio Alimentario que impulsa a Asociación de Fabricantes e Distribuidores, AECOC, coincidindo con Día Internacional de Concienciación sobre a Perda e o Desperdicio de Alimentos, que se celebra o 29 de setembro.
Compartir en: