EROSKI aumentou a súa facturación un 2,5% durante o primeiro semestre do exercicio 2024
Consolida o pulo comercial cun desempeño destacado no eido alimentario
O grupo EROSKI pechou as contas do primeiro semestre deste exercicio, do 1 de febreiro ao 31 de xullo do 2024, reflectindo un sólido crecemento en vendas nun contorno desafiante.
Durante a primeira metade do exercicio, a facturación do grupo EROSKI continuou a súa senda de crecemento. O volume de actividade acadou unhas vendas brutas de 2.865 millóns de euros, o que representa un incremento do 2,5% con respecto ao mesmo período do exercicio previo.
Cómpre salientar especialmente a cifra de vendas brutas no eido alimentario, que alcanzou os 2.722 millóns de euros, un 3,3% superior á rexistrada nos primeiros seis meses do 2023. Esta evolución foi posible por mor da positiva acollida do esforzo promocional e de contención de prezos que o grupo implementou e mantivo dende o 2021, co obxectivo de mitigar a repercusión do aumento das custas nos prezos de venda. Para iso realizouse un forte esforzo destinado a reducir ese impacto, que ascendeu a 33 millóns durante a primeira metade do 2024.
O resultado positivo do grupo elevouse ata os 50,2 millóns de euros. A cifra, inferior á do primeiro semestre do ano anterior en 19,7 millóns, débese fundamentalmente ao impacto da mellora da competitividade dos prezos e aos resultados extraordinarios que se produciron na primeira parte do exercicio 2023.
“Durante a primeira metade do ano consolidamos o crecemento das nosas vendas brutas alimentarias, que foron un 3,3% superiores ao mesmo período do 2023. O seu aumento estivo impulsado en boa medida pola nosa nova política de prezos, que se apoia nun notable esforzo destinado a aliviar o peto das persoas consumidoras. Un claro exemplo é o aforro acumulado de máis de 33 millóns de euros que xeramos para quen elixe EROSKI para realizar as súas compras, grazas á redución de prezos en máis de 5.700 produtos nos primeiros seis meses do exercicio 2024. Isto permítenos reforzar a nosa competitividade en prezo e atractivo comercial”, explicou a CEO de EROSKI, Rosa Carabel.
Control de custas
Malia ao contorno inflacionario, a compañía deu contido o aumento dos seus gastos a un crecemento moderado con respecto á primeira metade do 2023, o que evidencia unha eficiente xestión en todas as áreas a través da continuidade en actuacións de mellora de eficiencia.
Sólido ebitda e proxección estable para o peche do exercicio
O ebitda alcanzou os 155 millóns de euros nos seis primeiros meses do exercicio, e sitúase en sólidas taxas arredor do 6%, o que permite manter unha previsión favorable para o peche do exercicio similar ao mesmo período do ano anterior.
De cara á segunda metade do ano, o grupo EROSKI mantén perspectivas positivas, enfocado en consolidar o crecemento e en estabilizar a rendibilidade.
Sobre o grupo EROSKI
EROSKI é o primeiro grupo de distribución de carácter cooperativo de España e un dos líderes do norte do mercado español -dende Galicia a Baleares- cunha cota de mercado do 12,8% nesa zona; é líder no País Vasco, Navarra, e Galicia e colíder en Baleares. A súa rede comercial, a peche do 2023, elévase a 1.533 establecementos, entre supermercados, hipermercados, cash&carry e supermercados online; a isto engádense gasolineiras, tendas de deporte e outros negocios non alimentarios. Ademais, conta tamén con máis de 6,4 millóns de Socios Clientes e con máis de 27.400 persoas socias cooperativistas e traballadoras, das cales preto de 9.000 son socios propietarios, aos que cómpre sumar o colectivo de persoas traballadoras das máis de 620 tendas franquiadas.
Compartir en: