A Asemblea Xeral de EROSKI decide destinar a maior parte dos excedentes netos do 2024 a fortalecer o seu patrimonio
Máximo órgano de decisión da cooperativa

A Asemblea Xeral de delegados convocou a 250 persoas Socias Traballadoras e a 250 Socias Consumidoras
Aprobouse recuperar a dotación do 10 % dos excedentes do exercicio pasado ao fondo COFIP
Baixo o lema “Agradecer e progresar” salientouse o esforzo de todas as persoas traballadoras na transformación de EROSKI e o comezo dunha etapa de crecemento e consolidación
EROSKI celebrou esta tarde a súa Asemblea Xeral Ordinaria anual de delegados en Barakaldo (Biscaia), na que participaron 500 persoas socias representantes dos seus colectivos de Socios Traballadores e de Socios Consumidores, máximo órgano de decisión da cooperativa. A cita desenvolveuse baixo o lema “Agradecer e progresar”, que resume o espírito co que a organización valora o camiño percorrido nos últimos anos e afronta con ambición o futuro.
Durante a asemblea aprobáronse as contas anuais individuais da cooperativa e as consolidadas do grupo correspondentes ao exercicio 2024, xunto co informe de xestión do exercicio 2024. Ademais, acordouse destinar a maioría dos excedentes netos do exercicio 2024, unha vez abonados os xuros dos AFSES, a reforzar os fondos propios da cooperativa. Precisamente, os seus excelentes resultados permiten reforzar os capitais das socias e socios e dotar, logo de varios anos sen o poder facer, dun 10 % do devandito excedente ao Fondo de Contribución para a Educación e Promoción Cooperativa e outros Fins de Interese Público (COFIP).
Na súa intervención durante a asemblea, a CEO do grupo EROSKI, Rosa Carabel, afirmou: “Demostramos un desempeño extraordinario durante o 2024, avanzando en eficiencia, resultados e confianza das persoas consumidoras nun contorno esixente. Este ano crecemos en vendas, resultado ordinario e ebitda, que mesmo supera as excelentes cifras do 2023”.
Carabel puxo en valor “a consolidación da nosa situación financeira, grazas a unha xestión rigorosa e a decisións estratéxicas. É xusto recoñecer todo o esforzo realizado durante estes anos, nos que se xestionou unha situación complicada coa participación do colectivo de socias e socios na toma de decisións e na xestión da transformación da organización. Unha evolución que nos sitúa neste momento tan positivo para a cooperativa e para a totalidade do grupo EROSKI que nos permite progresar con paso firme cara a un futuro con innumerables retos, pero cheo de oportunidades”.
A Asemblea Xeral tamén autorizou o Consello Reitor a levar a cabo unha futura operación de refinanciamento de débeda, ata un importe máximo que non supere o nominal actual máis as custas asociadas á operación, co principal obxectivo de reducir o seu custo financeiro e simplificar a estrutura do seu endebedamento. Esta decisión reforza a flexibilidade financeira de EROSKI e a súa capacidade para seguir optimizando a súa estrutura de débeda de maneira eficaz.
Amplo proceso participativo previo
A Asemblea culmina un amplo proceso de participación previa do colectivo de persoas Socias Traballadoras e Consumidoras de EROSKI que suma 42 xuntas preparatorias presenciais e con conexións dixitais.
Pola súa banda, a presidenta do Consello Reitor, Leire Mugerza, subliñou o valor do modelo cooperativo, o arraigamento ao territorio e a importancia do traballo colectivo: “esta Asemblea Xeral é o reflexo dun proceso participativo exemplar. Hoxe recoñecemos todo o que conseguimos conxuntamente, e preparámonos para progresar desde unhas bases sólidas: un modelo de negocio robusto, con arraigamento ao noso territorio, o recoñecemento das persoas consumidoras, a solvencia dos nosos resultados e a profesionalidade e compromiso dos nosos equipos. Progresamos con forza cara a un futuro cheo de retos, desde uns alicerces firmes e un propósito cooperativo que segue máis vivo ca nunca”.
Actualmente, EROSKI conta cun equipo de máis de 27.600 persoas, das cales 9.016 son socias propietarias. A súa rede comercial ascende a 1.502 establecementos, entre tendas propias e franquiadas, o que a converte nun dos grupos líderes da distribución alimentaria no norte do Estado.
Compartir en: