• O obxectivo dos obradoiros “O Chef da Clase” é ensinar os nenos e nenas a faceren unha compra saudable e responsable e a prepararen receitas de cociña doadas, divertidas e saudables

  • Esta iniciativa enmárcase dentro do convenio subscrito entre EROSKI e Basque Culinary Center

  • Os obradoiros son unha das actividades mellor valoradas por profesores e escolares dentro do Programa Educativo en Alimentación e Hábitos de Vida Saudables (PEAHS) que leva a cabo a Escola de Alimentación da Fundación EROSKI

  • Máis de 2 millóns de escolares participaron no programa desde o 2012

Fundación EROSKI e Basque Culinary Center (BCC) impartirán máis de medio cento de obradoiros presenciais de cociña “O Chef da Clase” para escolares do País Vasco e Navarra nas tendas EROSKI. O obxectivo é ensinar os nenos e nenas a faceren unha compra saudable e responsable e a prepararen receitas de cociña doadas, divertidas e saudables.

Esta iniciativa enmárcase dentro do convenio renovado en xullo entre EROSKI e BCC polo que se comprometen entre outras cousas a sensibilizaren a xente nova sobre a importancia dunha alimentación equilibrada e a súa relación coa saúde, así como a mostrar como planificar unha dieta equilibrada. Durante o pasado curso impartíronse 61 obradoiros, nos que participaron 1.128 alumnos de 32 centros educativos, 4 deles para alumnos de educación especial.

Os obradoiros “O Chef da Clase” son unha das actividades do Programa Educativo en Alimentación e Hábitos de Vida Saudables (PEAHS) que leva a cabo a Escola de Alimentación da Fundación EROSKI, unha das mellor valoradas por profesores e escolares. “A educación é a base para avanzar cara a unha nutrición máis sa, que lles evite problemas de saúde aos nenos e nenas. En EROSKI dámoslles moita importancia aos programas educativos destinados a fomentar unha alimentación saudable e a promover os hábitos de vida saudable. Por iso, estamos presentes nos centros escolares para divulgar pautas para unha mellor nutrición a través de diferentes iniciativas”, sinalou o director da Fundación EROSKI, Alejandro Martínez Berriochoa.

Máis de 2 millóns de escolares participantes

A Escola de Alimentación da Fundación EROSKI, que inicia a XIII edición do Programa Educativo en Alimentación e Hábitos de Vida Saudables (PEAHS) neste curso escolar 2024-2025, comezou a súa andaina no 2012.

Un total de 2.110.000 escolares menores de 12 anos participaron ata a data no programa, cifra que equivale ao 72% do universo total de escolares de infantil e primaria de España. No pasado curso, que contou co financiamento do Ministerio de Dereitos Sociais e Axenda 2030, participaron 213.629 escolares de 2.352 centros educativos,

Os contidos actuais do Programa Educativo en Alimentación e Hábitos de Vida Saudables (PEAHS) están dirixidos a escolares de primaria (6-12 anos) e de educación infantil (3-6 anos) de todos os centros escolares de España e buscan formar o alumnado nos elementos básicos dunha alimentación equilibrada, hábitos de vida saudables, o coñecemento de produtos locais, as dietas de diferentes culturas do mundo e a sustentabilidade do planeta. Amais de materiais didácticos para os docentes, ofrécense xogos interactivos con retos e premios centrados na promoción da alimentación equilibrada con diferentes niveis de dificultade adaptados aos rangos de idade de 6 a 8 anos, 8 a 10 anos, e 10 a 12 anos. Os centros e mais as familias poden acceder dixitalmente a contos, actividades experimentais e sensoriais, xogos para a clase e para facer en familia e a cómics especificamente deseñados para cada nivel.

O Programa, que se enmarca dentro dos Compromisos pola Saúde e Sustentabilidade de EROSKI na súa referencia á prevención da obesidade infantil, foi configurado por un comité científico formado por profesionais de diferentes disciplinas: medicina e pediatría, nutrición e dietética, psicopedagoxía e pedagoxía.

As escolas interesadas en participar no PEAHS durante este curso pódense inscribir a través da renovada página web www.escueladealimentacion.es, no correo electrónico energiaparacrecer@escueladealimentacion.es ou a través do teléfono 664 613 353 de luns a venres de 9:00h a 17:00h.

Recoñecementos á promoción de hábitos saudables

O programa formativo da Fundación EROSKI para promover unha alimentación máis saudable conta con numerosos recoñecementos. Entre eles, o Premio “O Chupete” do Festival Internacional de Comunicación Infantil en recoñecemento á comunicación dirixida a menores; o Premio NAOS outorgado polo Ministerio de Sanidade e Consumo en recoñecemento á súa achega á saúde dos consumidores e á difusión de hábitos de vida saudables; o Selo Gosasun de Innobasque (Axencia Vasca de Innovación); Premio Cidadán na categoría de Saúde e Calidade de Vida; o Premio do Centro Catalán da Nutrición (CCNIEC); e o Premio OCARE á “Mellor campaña de comunicación RSC coa sociedade civil”.

Compartir en: