• A Asemblea Xeral de delegados convocou a 250 Socios Traballadores e a 250 Socios Consumidores

EROSKI celebrou esta tarde a súa Asemblea Xeral Ordinaria anual de delegados en Barakaldo (Biscaia), á que estaban convocadas 500 persoas socias representantes dos seus colectivos de Socios Traballadores e Socios Consumidores. As socias e socios presentes aprobaron as contas anuais individuais da cooperativa e mais as consolidadas do grupo EROSKI, así como o informe de xestión do exercicio 2023. Ademais, acordaron tamén destinar a reservas os 70,4 millóns de euros de excedentes netos dos resultados positivos do exercicio 2023.

Durante a súa intervención, a CEO do grupo EROSKI, Rosa Carabel, salientou o “desempeño extraordinario da organización durante o 2023”, valoración que compartiron as persoas socias traballadoras e consumidoras integrantes da Asemblea Xeral. Carabel repasou os indicadores positivos cos que pecharon o pasado exercicio, no que “aumentaron as vendas, o ebitda, o resultado ordinario e mais o beneficio”, e todo iso nun contexto económico complexo no que a inflación e o seu efecto nos fogares obrigou a EROSKI a redefinir as súas estratexias para lles poder dar unha resposta adecuada aos desafíos económicos actuais. Para iso, “os esforzos en eficiencia foron fundamentais”. A CEO de EROSKI puxo tamén en valor “a consolidación da situación financeira da cooperativa tras a exitosa emisión de bonos de finais do 2023”. Ademais, agradeceulles ás persoas socias “o seu esforzo e espírito cooperativo” e animounas a “se sentiren orgullosas e orgullosos polo acadado”.

Doutra banda, repasou os logros obtidos para fortalecer e aumentar a confianza das persoas consumidoras “cunha proposta diferencial pola alimentación saudable, o produto local, a atención personalizada e o aforro, sen esquecer a innovación e a responsabilidade social”. Carabel detallou tamén os principais puntos do plan estratéxico que vai guiar a organización durante os vindeiros 3 anos: “Un plan que actualiza a nosa misión e a nosa visión por un futuro próspero e sostible, combinando o foco na xeración de resultados empresariais coa creación de riqueza na nosa contorna, o fomento dunha alimentación saudable e a satisfacción plena das persoas consumidoras e das persoas traballadoras, que son fundamentalmente mulleres.”

Este plan declínase en once iniciativas estratéxicas que poñen o foco para o próximo período nos bos prezos, nunha oferta de calidade, na experiencia do cliente, no crecemento a través de máis superficie de sala de venda, nas persoas, a tecnoloxía e a comunicación.

Emisión de notas provisorias como financiamento complementario

O máximo órgano de decisión da cooperativa autorizou tamén o rexistro no Mercado Alternativo de Renda Fixa (MARF) dun programa de notas provisorias por un importe nominal máximo de 100 millóns de euros e EROSKI Sociedade Cooperativa de emisor. EROSKI continúa a avanzar na súa folla de ruta co obxectivo de continuar a reducir o seu endebedamento. “Trátase dun instrumento financeiro de curto prazo, utilizado por un abano moi amplo e diverso de empresas, para dotar a sociedade de financiamento complementario ao bancario para o desenvolvemento do negocio, ao que agora podemos ter acceso pola confianza que os mercados depositan en nós”, explicou a CEO do grupo.

Amplo proceso participativo previo

A Asemblea culmina un amplo proceso de participación previa dos Socios Traballadores e dos Socios Consumidores de EROSKI, que suma 43 xuntas preparatorias presenciais e con conexións dixitais.

A presidenta do Consello Reitor de EROSKI, Leire Mugerza, puxo en valor “o compromiso, a cooperación e a unidade de todo o colectivo social, porque o seu traballo, dedicación e esforzo permitiron transformar EROSKI, fortalecerse e ollar o futuro con optimismo, fieis á nosa misión e visión como cooperativa de consumo, un modelo socio-empresarial único”. Tamén se referiu ao novo Plan Estratéxico 2024-2026, do que destacou que “mantén e reafirma de xeito rotundo as nosas raíces, o noso ADN, os nosos valores e, por suposto, o noso propósito”.

Sobre EROSKI

EROSKI é o primeiro grupo de distribución de carácter cooperativo de España e un dos líderes do norte do mercado español — desde Galicia a Baleares — cunha cota de mercado do 12,8 % nesta zona, e é líder no País Vasco, Navarra, e Galicia e colíder en Baleares. A súa rede comercial, a peche do 2023, elévase a 1.533 establecementos, entre supermercados, hipermercados, cash & carry e supermercados en liña, amais de gasolineiras, tendas de deporte e outros negocios non alimentarios. Ademais, conta tamén con máis de 6,4 millóns de Socios Clientes e con máis de 27.400 persoas socias cooperativistas e traballadoras, das cales preto de 9.000 son socios propietarios, aos que cómpre sumar o colectivo de persoas traballadoras das máis de 620 tendas franquiadas.

 

Compartir en: