• Apela á solidariedade dos seus clientes a través dunha doazón voluntaria ao pasaren pola liña de caixas para axudar a cubrir as necesidades básicas da poboación afectada

  • O total do doado por EROSKI e mais os seus clientes canalizarase ata a poboación afectada a través da Cruz Vermella

  • EROSKI complementará a recadación das doazóns dos seus clientes cunha achega adicional

EROSKI puxo en marcha en toda a súa rede de tendas unha campaña de axuda de emerxencia para apoiar as persoas damnificadas polo devastador terremoto que golpeou a rexión de Marrakech, en Marrocos. Os clientes poderán realizar un donativo voluntario ao pasaren pola liña de caixas polo importe que desexen.

O total do doado por EROSKI e mais os seus clientes canalizarase a través da Cruz Vermella Española, que se puxo á disposición da Media Lúa Vermella Marroquí para lle prestar apoio á poboación afectada mediante o envío de artigos de primeira necesidade, amais de prestar apoio financeiro. Os equipos da Media Lúa Vermella que se despregaron decontado no terreo seguen coordinados estreitamente coa Federación Internacional e coas autoridades locais para atenderen a poboación afectada e participaren nos labores de rescate que son clave nas primeiras horas.

Segundo as autoridades, hai xa máis de 2.900 mortos e os feridos superan os 5.500 dende o terremoto de magnitude 6,8 graos. Os traballadores dos equipos de rescate e as Forzas Armadas de Marrocos continúan na procura de superviventes entre os entullos dos edificios derrubados polo terremoto máis mortífero en seis décadas que sufriu o país.

“A necesidade de axuda de emerxencia ante esta situación devastadora ínstanos a lles ofrecermos aos nosos clientes a posibilidade de canalizaren a súa axuda de xeito urxente, sumándoa á que dende Eroski faremos en primeira persoa. A doazón efectúase ao pasar por caixa e polo importe que os consumidores estimen. Accións coma esta campaña son moi importantes para chegar a onde fai máis falta e o máis axiña posible. Estamos seguros de que, unha vez máis, os consumidores responderán ante este chamamento”, declarou o director de Saúde e Sustentabilidade de EROSKI, Alejandro Martínez Berriochoa.

“Atopámonos ante o terremoto máis potente que leva golpeado a zona nas últimas décadas. Grazas ao apoio de EROSKI e da súa clientela, que sempre están ao noso carón en situacións de emerxencia, e que nos axudan a seguir traballando para apoiar a poboación que máis o precisa, onde sexa e cando sexa máis necesario”, expresou Jaime Gregori, director de Captación de Fondos, Alianzas con Empresas e Responsabilidade Social de Cruz Vermella Española.

Ao recadado nas súas tendas grazas ás doazóns dos clientes, EROSKI sumará unha achega adicional, que se sumará aos 10 millóns de euros que o grupo destina anualmente a contribuír en causas sociais.

EROSKI, xunto cos seus clientes, e a Fundación EROSKI realizaron doazóns superiores ao medio millón de euros durante as últimas campañas solidarias activadas para axuda a damnificados por desastres naturais e outras causas humanitarias en destinos como Haití (2010 e 2016), Lorca – Murcia (2011), Filipinas (2013), Nepal (2015), Siria (2015), Mallorca (2018), A Palma (2020) ou a crise en Ucraína (2022). A última, este ano, destinouse á poboación afectada polos terremotos de Turquía e Siria.

Compartir en: