• Os clientes fixeron doazóns físicas e económicas de alimentos durante as campañas solidarias de recollida de outono e primavera

  • O importe económico recadado permitiralles aos Bancos de Alimentos adquirir produtos para a alimentación de centos de familias durante todo o ano

  • EROSKI colabora dende hai máis de 27 anos coa Federación Española de Bancos de Alimentos (FESBAL)

EROSKI e mais os seus clientes doaron máis de 2.000 toneladas de alimentos a prol da Federación Española de Bancos de Alimentos (FESBAL) nas campañas solidarias que levou a cabo ao longo deste 2024 en máis de 1.000 establecementos da súa rede comercial. Trátase da Gran Recollida, que tivo lugar en novembro, e da Recollida de Primavera, en maio. A cifra equivale a 4,6 millóns de comidas para alimentar a 1.269 familias nun ano.

Ambas as dúas campañas leváronse a cabo ao longo deste ano mediante a dobre modalidade de doazón: achegas en produtos e mais económicas polo importe que os consumidores desexaron ao pasaren por caixa. Estas achegas quedan á disposición dos Bancos de Alimentos para adquiriren os produtos que consideren máis convenientes para cubriren as necesidades básicas de alimentación das familias en situación de vulnerabilidade durante todo o ano. Coma sempre, EROSKI engadiulle unha doazón de seu ao total recadado, importe que se suma aos máis de 23 millóns de euros que canaliza anualmente a fins sociais.

“Un ano máis, querémoslles agradecer aos nosos clientes a xenerosidade e o apoio amosado cara aos colectivos máis necesitados. En EROSKI temos un compromiso cao sociedade no que a acción solidaria coas persoas en situación de vulnerabilidade alimentaria ocupa un lugar destacado. Por iso, desde EROSKI un ano máis trasladámoslle o noso apoio ao labor que realizan os Bancos de Alimentos sumando unha achega adicional sobre o total da doazón realizada polos clientes”, afirma o director de Saúde e Sustentabilidade de EROSKI, Alejandro Martínez Berriochoa.

“Queremos agradecer de novo a colaboración de EROSKI con FESBAL nunha situación na que moitas familias afrontan dificultades para cubriren as súas necesidades básicas de alimentación. Grazas a esta campaña continuaremos co noso labor de distribuír durante todo o ano produtos aos colectivos máis desfavorecidos a través das entidades benéficas coas que colaboramos”, sinala o presidente da Federación Española de Bancos de Alimentos, D. Pedro Llorca Llinares.

27 anos de colaboración cos Bancos de Alimentos
A colaboración de EROSKI cos Bancos de Alimentos remóntase a 1996 por proposta do Banco de Alimentos de Biscaia e dos propios consumidores, que lle demandaban á cooperativa iniciativas solidarias dirixidas a colectivos desfavorecidos e a persoas en risco de exclusión social. Naceron así ese mesmo ano as campañas de recollida de alimentos nas tendas EROSKI.
Posteriormente, EROSKI iniciou o seu programa de doazón de alimentos envasados próximos á súa data de consumo preferente, pero aínda aptos para o seu consumo con total seguridade alimentaria, grazas ao que doa máis de 5.000 toneladas de alimentos cada ano.
EROSKI foi recoñecida co “Premio Espiga de Ouro”, o máximo galardón que outorga a Federación Española de Banco de Alimentos a aquelas organizacións que destacan pola súa colaboración na redistribución solidaria dos excedentes alimentarios.

Compartir en: